Os medios publican un escándalo detrás do outro, casos que aínda que
non estean ligados entre si agroman na mesma base: unha cultura política que
desculpa a fraude. Xesús Palmou (PP), Xaquín Álvarez Corbacho (PSOE) e Francisco
Constenla (BNG), membros do Consello de Contas, ofrecen a súa análise neste
artigo para TEMPOS Novos.
por Marcos S. Pérez
Gurtel é a palabra do ano. Outra volta corrupción e política aparecen ligados nos medios de comunicación e nas conversas diarias dos cidadáns, aumentando o desprestixio dos poderes públicos e dos partidos. Desta vez é o Partido Popular o que sae peor parado, mais o Gurtel e as súas infinitas pólas non son o único caso: en Catalunya Félix Millet leva semanas enchendo portadas, que agora ocupan tamén as recentes detencións de políticos de PSC e CiU acusados de adxudicacións ilegais en Santa Coloma. E en Galicia, por exemplo, o alcalde socialista de Castro de Rei foi acusado hai unhas semanas de prevaricación e tráfico de influencias.
O crecemento urbanístico sen control e a especulación que se fixeron donos do Estado español na última década foron o escenario no que agromou unha cultura de enriquecemento rápido e de laxitude na aplicación das normas. Só agora comezamos a observar as consecuencias daquilo, en escándalos de corrupción que afectan a todos os partidos, sen excepción, e en cambios de goberno en moitos concellos, provocados en case todos os casos pola acción de tránsfugas. Se cadra o máis preocupante é a falta de reacción da cidadanía, que semella comprender estas accións e non as castiga electoralmente en moitos casos. Aí está, por exemplo, o caso de Isaac Vila, alcalde de Xinzo de Limia condenado por tráfico de influencias en 1995, pero que de novo foi elixido en 2003, superado o período de inhabilitación. Ou as enquisas que indican que malia que a maioría dos valencianos cren que Francisco Camps cometeu irregularidades ligadas ao caso Gurtel, o PP melloraría os seus resultados se se celebrasen agora as eleccións autonómicas.
“A un político pódeselle perdoar que cometa un erro, porque todos somos susceptibles de facelo, pero non se lle pode perdoar que sexa corrupto, nin o partido no que está nin a sociedade. Ten que haber contundencia contra esta lacra”. Fala Xesús Palmou, membro do Consello de Contas a proposta do PPdeG e sen dúbida unha das persoas que mellor coñece ese partido, do que foi secretario xeral entre 1999 e 2005. Nun momento no que os fíos da trama Gurtel semellan estenderse en vertical e horizontal polo Partido Popular, resulta interesante coñecer a visión que Palmou ofrece sobre os mecanismos de financiamento irregular das organizacións políticas, pois foi el quen apartou a Pablo Crespo, unha das cabezas da trama, da secretaría de organización do PPdeG. Palmou reclama maior contundencia nos partidos, mais tamén na sociedade, que tende a non penalizar nas eleccións aos partidos e políticos implicados en escándalos de corrupción, mesmo naqueles casos nos que as irregularidades se probaron xudicialmente: “A sociedade tende a votar en función do que percibe a través da carteira: se as cousas van ben economicamente vótase a quen está gobernando, se van mal trátase de buscar un cambio. Pero a sociedade debería ser máis contundente á hora de analizar estes casos. Alí onde a corrupción queda demostrada a través dun proceso xudicial, os cidadáns deberían estar moi atentos e telo moi en conta á hora de votar”, di Palmou.
A opacidade no financiamento dos partidos
As necesidades económicas dos partidos crecen xeometricamente, o que leva consigo unha perda da súa independencia con respecto ás entidades financeiras máis próximas. Os tres grandes partidos galegos débenlles varios millóns de euros a Caixagalicia e a Caixanova, segundo os datos dos Informes de Goberno Corporativo das entidades. O partido máis endebedado, con diferenza, é o BNG, con 3,4 millóns de euros, seguido polo PPdeG, con algo máis dun millón, e o PSdeG, con ao redor de 800.000. As caixas están ligadas a consorcios empresariais que dependen a diario de decisións das administracións, o que fai aumentar as sospeitas sobre os organismos xestionados polos partidos endebedados. Porén, moito peor que a visibilización destas relacións de dependencia entre poderes privados e públicos é a súa opacidade.
Segue existindo unha grande falta de transparencia ao redor dos mecanismos de financiamento dos partidos, unha opacidade que fai aumentar as sospeitas de irregularidades e que aboa o terreo para os tratos de favor e para o fraude. Para solucionalo Álvarez Corbacho, Palmou e Constenla concordan en propoñer unha liberalización das achegas privadas, ao igual que sucede noutros países, como Alemaña ou os Estados Unidos, un debate que no Estado español introduciron nos últimos tempos forzas conservadoras como PP ou CiU e no que a esquerda (recentemente ERC e ICV) esixe límites máximos para estas achegas. Para Álvarez Corbacho, trátase dun materia pendente que os partidos e os órganos lexislativos non quixeron abordar: “os pasos serían establecer uns máximos de achegas privadas aos partidos, pero que fosen transparentes, coñecidas e listadas, e despois se ese partido goberna, xa se preocuparán as cámaras lexislativas de comprobar se a empresa que lle entregou cartos se está beneficiando coas políticas públicas”. E Francisco Constenla concorda con esta opinión: “Non creo que se deban satanizar aprioristicamente as achegas de particulares. O que teñen que ser é transparentes, lúdicas e probablemente con algunha limitación cuantitativa”.
Marca histórica de mocións de censura
Santa Comba, Abegondo, Vilariño de Conso, A Pobra de Trives, Mos, Gondomar, Láncara, Silleda e Folgoso do Courel. Dende as eleccións de maio de 2007 os gobernos de nove concellos do país cambiaron de mans despois dunha moción de censura. En oito dos nove casos (a única excepción é Santa Comba) o beneficiado foi o Partido Popular, e tamén en todos os concellos agás o de
Santa Comba na operación interviñeron tránsfugas, edís que, elixidos baixo unha cor política, decidiron apoiar outro candidato a alcalde contra o criterio do seu propio partido. Esta lexislatura vai camiño de establecer unha marca, pois o número de mocións triunfantes supera xa ás da pasada lexislatura (oito) e tamén ás da anterior (cinco) e devolve Galicia aos anos oitenta, cando entre
1979 e 1991 se rexistraron 46 cambios de goberno a través deste procedemento. “Está demostrado que o Pacto Antitransfuguismo non é a solución; non evitou, por exemplo, mocións de censura que se teñen producido nos últimos tempos”, di Xesús Palmou.
O exconselleiro de Xustiza propón unha modificación na lexislación electoral para darlles estabilidade aos gobernos municipais: “a solución é establecer unha segunda volta, igual que fan noutros países europeos, que permita que os cidadáns decidan cal dos dous partidos máis votados goberna”. Na proposta de Palmou esa segunda volta daríalle a maioría absoluta ao alcalde e o resto dos escanos repartiríanse proporcionalmente en función dos resultados de todas as forzas na primeira volta, para evitar que a fórmula teña como consecuencia un sistema bipartidista. Palmou conclúe criticando unha proposta habitual no discurso do Partido Popular, a de que goberne o partido máis votado: “iso non impide que os outros todos presenten unha moción de censura aos quince días. Ou ímoslle suprimir a moción de censura? Iso iría en contra da Constitución”. Con Palmou concorda Xaquín Álvarez Corbacho, membro do Consello de Contas a proposta do PSdeG, que afirma que coa organización dunha segunda volta entre os dous candidatos máis votados “acabaríase o transfuguismo e o alcalde sairía elixido coa maioría absoluta para poder gobernar”.
Francisco Constenla, membro do Consello de Contas proposto polo BNG, liga o fenómeno do transfuguismo ao descrédito da política: “Cando os partidos se converten en instrumentos de medra persoal, cando recrutan en función de elementos distintos dos de mérito e capacidade, cando é unha oportunidade persoal para un cidadán, van aparecer prácticas de transfuguismo”. Cando a política empeora a súa imaxe entre os cidadáns, en boa medida a consecuencia dos escándalos de corrupción, iso xera un caldo de cultivo para novas irregularidades. As persoas máis recoñecidas nos seus ámbitos profesionais rexeitan participar, o que lles abre a porta dos partidos aos políticos profesionais e mais a aqueles que buscan utilizala como un instrumento de lucro persoal. “Baixou moito o nivel da política –denuncia Álvarez Corbacho–. Na Transición había xente boísima, pero agora discútese pouco de política e as decisións tómaas unha cúpula minoritaria. A xente busca a política como unha profesión, cando unha das cousas que hai que ter claras é que ese é un posto temporal, que os políticos están aí servindo, e que iso non pode ser o fundamento das súas vidas”.
Para Álvarez Corbacho, Palmou e Constenla a loita contra a corrupción pasa pola mellora da “cultura política” da cidadanía, que debe reclamar máis dos seus representantes e interiorizar que lles están administrando recursos e patrimonio que son propiedade de todos. Unha democracia esixente.
Marcos S. Pérez Pena é doutor en comunicación pola USC. (Artigo publicado orixinalmente na revista TEMPOS NOVOS número 150, novembro 2009)