por Gonzalo Rodríguez Rodríguez
Dende un punto de vista social, na función de youtuber non hai ningunha substancial diferenza respecto a outras industrias do entretemento, como por exemplo o fútbol profesional. Entre os trazos que comparten hai un que é particularmente subliñable: o papel que xogan á hora de xerar expectativas en millóns de rapaces en todo o mundo, prometendo unha vía de acceso fácil e divertida á riqueza. A pasarela directa aos lamborghinis. Do mesmo modo que no deporte rei, a maioría fican no camiño a El Dorado cargando, iso si, cun elevado custo de oportunidade do tempo investido. Custo de oportunidade que non é só individual, tamén é social: faise necesario triturar a moitas persoas para producir cada caso de éxito.
A segunda coincidencia é a crenza xeralizada entre estes personaxes e os seus fanáticos de que a remuneración que obteñen é proporcional ao seu talento. Nada máis lonxe da realidade. A súa remuneración é proporcional á riqueza acumulada polo conxunto da sociedade. Quérese dicir que en sociedades con baixo nivel de desenvolvemento as primeiras funcións ás que se dedican os recursos dispoñibles son aquelas imprescindibles, médicos, mestres, xuíces, soldados ou policías, políticos, etc. A medida que as sociedades se desenvolven, poden permitirse gañar en complexidade, o que require funcións cada vez máis especializadas e cada vez menos necesarias. É o desenvolvemento o que nos permite manter actividades basicamente inútiles como é a de youtuber. Se tedes algunha dúbida, facede o seguinte exercicio: comparade diversas actividades e pensade que sucedería se desaparecesen.
Seguramente o talento para desenvolver as funcións de youtuber é maior naqueles que triunfan que naqueles que non, pero a súa remuneración non é proporcional e esa diferenza, senón ao que nos sobra ao conxunto dos demais.
Precisamente por iso este tipo de ocupacións adoitan ser volátiles. Do mesmo modo que en determinados momentos o éxito sube como a escuma, a continuación desaparece e son substituídos por algunha variante máis novidosa desta función, raramente con maior valor de uso. A este respecto, mesmo ocupan unha posición na conciencia social inferior á dos deportistas de elite. Os mellores son lembrados por xeracións, pero dubido que vaia a acontecer o mesmo cos famosos de internet. Lembramos a Pelé, a Fangio ou a Martina Navratilova… Podemos dicir o mesmo dos youtubers de hai uns anos?
Precisamente porque son os máis dependentes do que o conxunto da sociedade e quen de conseguir, deberían ser os máis escrupulosos á hora de pagar impostos.
Gonzalo Rodríguez é Profesor de Economía Aplicada na USC