Anulada a Xunta de Delegados de Cabanas por sentenza firme

| Outros

A Xunta de Delegados creouna o Partido Popular en 2007 e foi ratificada en 2011, 2015 e 2019 por todas as cores políticas, o edil veciñal sempre votou en contra. Ó perder o xuízo, o alcalde do Partido Popular deberá anular a Xunta de Delegados e asumir as custas.

O xulgado do contencioso administrativo de Ferrol (XCAF), elevou a firme a sentenza, derivada da demanda interposta polo edil Xosé Manuel Pérez Sardiña, que anula a creación da Xunta de Delegados polo pleno de organización de 14 xullo de 2024, cos votos a favor do PP e o PSOE e a abstención do BNG. A resolución xudicial imponlle as custas ao Concello de Cabanas. O voceiro da Candidatura Veciñal resaltou que o alcalde Fernando Couce propuxo e votou a favor de crear un órgano ilegal con informe desfavorable de secretaría, e isto “implica un grave quebranto do cargo público” que desempeña o concelleiro “como lexítimo exercicio do seu dereito fundamental de participación” na actividade pública municipal.

Segundo o concelleiro, a creación deste órgano non legal obstaculizou o traballo de control dos órganos de goberno cando a alcaldía excluíu na súa proposta a participación democrática e plural dos demais grupos da Corporación. E, o máis perigoso, non existían límites para outorgarlle maiores competencias á Xunta de Delegados.

Pérez Sardiña advertiulle ao goberno en minoría do Partido Popular en dúas ocasións antes da vía xudicial a ilegalidade do órgano e considera que “acudiu aos tribunais para non ser esmagado unha vez máis polo déficit democrático do que fai gala o alcalde de Cabanas ignorando as peticións de explicacións e información da oposición”, engadindo que “o alcalde en minoría non se pode sorprender desta primeira sentenza, que deixa en evidencia a arbitrariedade e abuso de poder no que incorreu nada máis empezou a gobernar, unicamente se escoita a si mesmo e ós seus asesores e exerce como se tivese maioría absoluta”.

Neste sentido, o edil da candidatura veciñal exíxelle ao alcalde que “acate a sentenza e deixe de gastar os cartos municipais en avogados externos por un capricho á marxe da lei”. Asemade, o edil veciñal esixe que sexa o Sr. Fernando Couce, como responsable da vulneración de dereitos fundamentais, quen “persoalmente, e do seu propio peto, asuma todos os gastos e custas xudiciais derivados deste xuízo; xa que as súas decisións caciquís non as deben pagar os veciños de Cabanas. Puido optar pola defensa xurídica gratuíta da Deputación pero optou pr realizar un gasto innecesario ó erario público”.