Mércores 27, Outubro 2021
HomeOutrosVISTA AÉREA DO 2050

VISTA AÉREA DO 2050

por Rexina Vega ilustración Andrea López

Imaxe de Satélite A

A imaxe nocturna que capta o satélite amosa unha intensa retícula de luces, un camiño dourado que beirea a costa atlántica. De Porto ao Ferrol a contaminación lumínica que vemos indica a existencia dunha zona densamente poboada, unha cidade estensa que semella configurar unha área claramente definida. Sete millóns de persoas habitan nesa liña de luz da esquina noroeste sobre un océano no que, como unha ardora, fosforecen as luces de posición dos grandes aeroxeradores.

Imaxe de satélite  B

A imaxe nocturna que capta o satélite amosa no cadrante noroeste da Península Ibérica un foco lumínico claro e de gran extensión que corresponde á área de Porto. Cara ao norte a luz perde  intensidade podendo observarse unha liña tenue con múltiples interrupcións ata a cidade d´O Ferrol. O resto do territorio aparece sumido nunha escuridade case total.

Estas dúas imaxes captadas por satélite poderían ser as fotos posibles do futuro de Galicia, e, por extensión, da súa lingua propia. Entre a imaxe A e a imaxe B media a distancia entre a visión utópica e a visión distópica.

Entre Porto e Madrid

A tendencia xeral indica que o século XXI será o século da expansión das cidades. O modelo de asentamento da poboación, claramente urbano, favorecerá a creación de grandes megalópoles que funcionarán, como arestora está xa funcionando para nós Madrid, como un polo de atracción fagocitador. Madrid, como un auténtico furado negro, está xa captando a mocidade galega cualificada. A consecuencia deste éxodo masivo é, claro está, unha enorme descompensación da pirámide de idade. Os datos prospectivos de envellecemento da nosa comunidade asustan.

Se nos próximos trinta anos Galicia non é quen de configurarse como un espazo propio, o seu destino será transformarse nun espazo subsidiario de Madrid, unha provincia escura, destino turístico de breves escapadas, enorme balneario no que a poboación residente estará empregada no sector de servizos. Previsiblemente, estas traballadoras e traballadores mal pagos empregarán unha lingua interferida, o español de Galicia, no que, alén da prosodia e da fonética, apenas se atoparemos un uso exotizante e ritual de voces galegas centradas no aspecto afectivo ou nas particularidades gastrononómicas e paisaxísticas.

Fronte a esta situación, que se correspondería á imaxe de satélite B, existe a posibilidade tamén de establecer sinerxias con outra gran megalópole, Porto, cunha previsión de crecemento moi notable para as próximas décadas.  Esta vía, que implicaría deixar de depender dun só polo de atracción, debuxa unha alternativa factible para podermos crear un espazo propio, incluíndo nel tanto o norte de Portugal como o noroeste español.

A vía que pode parar a sangría demográfica, atraendo capital, investigación e tecnoloxía, precisa que a fronteira con Portugal se dilúa ou desapareza. Trátase de implementar a fondo o “Eixo Atlántico”, de falar directamente desde Galicia co goberno lisboeta, de racionalizar as redes transeuropeas de transportes, de facer realidade o corredor atlántico. Nun marco coma este, que aproveite todas as formas de intercambio, Galicia estará situada nunha eurorrexión de arredor de sete millóns de habitantes.

A desaparición da aldea

O futuro próspero pasará polo famoso think global, act local. O desafío está en articular funcións económicas de signo global coa orientación local da cultura e a sociedade urbanas. Iso implicará que a tan enraizada imaxe de Galicia como vida rural, de Galicia como aldea que está na base da inmensa maioría dos nosos discursos identitarios deixe de ser operativa.

Un futuro asertivo implicará o desenvolvemento das áreas urbanas, algo que nun país coma o noso, sen a prevalencia dunha única gran cidade, traducirase no concepto de “cidade difusa” ou “cidade xardín”. A Galicia de 2050 concibiríase deste xeito como un único espazo urbano con sete centros interconectados, os dos grandes núcleos.

Este novo tipo de urbe interconectada supón deixar atrás a imaxe de Galicia identificada coa aldea e o conseguinte trauma asociado ao rural, a relación patolóxica co noso pasado, que está na base do auto odio, esa querenza polo suicido identitario, como apuntou Florentino Cuevillas hai xa tanto.

Se o rural, depositario das esencias, xa non será o que foi poderemos pensar na pervivencia da lingua desde outro lugar? Eu diría que si. De feito as novas xeracións  de galego falantes caracterízanse polo predominio da orixe urbana ou periurbana e pola elevada presenza do neofalantismo.  A distancia da aldea significa tamén a desaparición das connotacións negativas asociadas á precariedade e á falta de perspectivas da lingua galega.

Pero, para que o galego perviva de aquí a trinta anos vista, e dada a perda notable de uso como lingua inicial é imprescindible que o polo con Portugal se amplie e consolide e que o fluxo de mercadorías e persoas sexa moito máis intenso. Nunha cultura urbana como a que teremos, a utilidade, o pragmatismo será un elemento clave. A conciencia de pertencer a unha área xeográfica e humana diferenciada pasará tamén pola lingua, pola capacidade de comunicación nun contexto no que tanto o portugués como o castelán terán unha marcada presenza ambiental. Como serán os novos falantes, liberados xa do trauma aldeán?  Estes novos falantes multilingües atoparán na variedade que supón o galego tanto unha vía de comunicación internacional como un espazo de afirmación comunitaria desde o que facer fronte á homoxeneidade desterritorializadora da globalización. A capacidade para distinguirse, para facer valer o acento local nun entorno competitivo será un factor útil para conseguir visibilidade e tecer comunidade.


 

Novidades