por Xacobo Feijóo
Obviamente, criminalizar a gandería non só é unha proposta ideolóxica, pois detrás disto hai un inmenso negocio que ten a ver cunha clara fonte de intereses en contra da produción de leite e de carne, para ser substituídos no mercado da alimentación mundial por distintos derivados e sucedáneos. Fenómeno que vai mover miles de millóns de euros nos próximos anos e que para poder triunfar precisa convencer á opinión pública, ao consumidor, de que a actividade gandeira é daniña, e como pouco inmoral.
Criminalizar a gandería non só é unha proposta ideolóxica, pois detrás disto hai un inmenso negocio que ten a ver cunha clara fonte de intereses en contra da produción de leite e de carne, para ser substituídos no mercado da alimentación mundial por distintos derivados e sucedáneos.
O politicamente correcto hoxe en día é ser crítico coa gandería dende os supostos sinalados, que a criminalizan como actividade. Vale a pena facer unha crítica desta suposta “visión crítica”, que non pasa de ser a corrección política do momento. Ver cales son os títulos de validez dos seus supostos, de onde veñen e cara onde apuntan.
Deixou escrito o psiquiatra austríaco Carl Jung, que para que unha teoría se faga escoitar hoxe en día e se apodere do imaxinario colectivo, ten que adoptar necesariamente a xerga científica e vestirse coa roupaxe da ciencia. Así se está a facer no caso da ofensiva contra a gandería: revístese de formas científicas, e escolle como leitmotiv algo tan sensible como o cambio climático, aínda que ten outros temas menores que lle dan o acompañamento e a coartada a ese tema principal.
A fórmula leva interiorizados todos os ingredientes para o éxito na area pública: primeiro, roupaxe científica; segundo, apelación ás emocións primarias, ao medo que produce o cambio climático, ao cuestionado papel da carne na dieta -tamén con argumentos científicos ou de aparencia científica; finalmente ,unha apelación a supostos principios éticos que nos revisten de superioridade moral. E xa non queda se non reiterar a mensaxe con poderosos medios, incluíndo os estatais, e a coerción legal no seu debido momento.
O consumo de carne e as cuestións éticas
Empecemos cos supostos danos do consumo de carne á saúde humana. Esgrímense unha e outra vez estudos parciais e estatísticas que lembran moitas veces a aquel conto dos cegos sabios hindúes, aos que lle preguntaron como era un elefante. As respostas variaban segundo cada un deles tiveran tocado a trompa, unha pata, as orellas ou o lombo: tódolos datos parciais eran certos, pero a imaxe global non podía estar máis alonxada do verdadeiro. Dende logo niso consiste a estratexia do goteo de titulares de datos parciais descontextualizados sobre carne, lácteos, e reais ou supostos danos do seu consumo na saúde.
É indudábel que a lonxevidade das persoas é unha suma de factores nos que non só inflúe a dieta, pero non deixa de ser significativa a contradición flagrante entre os supostos da teoría -que a carne é mala- e a realidade dos feitos -que os países de maior lonxevidade téñena abundante na súa dieta-. Dende logo os maiores problemas de nutrición teñen máis que ver coa falta de proteína animal na dieta, e non coa súa presenza equilibrada na mesma. E con isto non se quere quitar validez aos estudos científicos serios que poden alertar de aspectos concretos sobre a saúde que non sería prudente ignorar. Porque despois de todo, unha pata de elefante si parece unha columna, e un pisotón dunha desas columnas pode ter un resultado dramático. Pero non invalida que o elefante non é redutibel á suma desas partes, senón algo distinto delas e máis complexo.
Se o animal non ten deberes, tampouco terá dereitos. Expoñer a cuestión dende o punto de vista de inexistentes “dereitos” dos animais, é un erro intelectual de largas consecuencias, pois contribúe a humanizar aos animais, na mesma medida que a animalizar as persoas.
No suposto tema ético tamén vale a pena pararse un intre. Dáse por feito que os animais teñen dereitos, como as persoas, e a partir de aí sacan conclusións, lexíslase e reglaméntase. Pero como decían os escolásticos, hai que negar a maior.
Empecemos polos deberes dos animais. Pode ter, poñamos por caso, un lobo o deber de respectar a vida dun cordeiro?. Podemos sentar a un xabaril diante dun xuíz por faltar ao deber de respectar a propiedade dun campo de verzas? Ten raciocinio un animal para avaliar o seu deber e responder ao mesmo conforme ao que entendemos por un xuízo moral? Obviamente non. Logo, se non pode ter deberes, tampouco pode ser suxeito de dereitos, pois todos os dereitos levan asociados deberes para o seu uso. É unha imposibilidade ontolóxica, de principio, non ideolóxica nin de opinión.
Quere isto dicir que se pode maltratar a un animal dado que intrinsecamente non é portador de dereitos? En absoluto. Quere dicir que somos nós, os seres humanos, quen si temos dereitos e deberes, quen temos o deber de non maltratar aos animais, non producirlles sufrimento gratuíto, e o deber de coidalos de xeito acorde cunha recta conciencia. Pero expoñer a cuestión dende o punto de vista de inexistentes “dereitos” dos animais, é un erro intelectual de largas consecuencias, pois contribúe a humanizar aos animais, na mesma medida que a animalizar, e ata cosificar, as persoas.
Sobre os efectos no medio ambiente
Queda por examinar o suposto maior, que sería o dano ao medio ambiente, ao clima que estarían a facer as emisións dos gases emitidos polo metabolismo da cabana gandeira. Acúsase o gando de ser un factor fundamental para acumular na atmosfera de forma non sostible gases de efecto invernadoiro, primeiro co seu metabolismo (na respiración animal, e no rumen dos ruminantes como vacas, cabras ou ovellas) e despois na descomposición microbiana das dexeccións e xurros, tanto de ruminantes, como do gando monogástrico (como aves e porcino).
A gandería ten impactos no medio, pero non estamos ante unha actividade inmoral, nin que ameace ao medio ambiente, nin moito menos ao clima global. Males todos que se lle atribúen dende os fariseos ben pensantes da ortodoxia do politicamente correcto.
O certo é que unha vaca, ou unha ovella, ou mesmo unha ave de curral, non poden emitir á atmosfera nin unha sola molécula de carbono que previamente non teñan inxerido como alimento. E de onde procedía este alimento? Dun vexetal. E de onde obtivo o vexetal o carbono que pasou ao animal en forma de alimento? Pois procedía da atmosfera, de onde foi captado pola fotosíntese. A actividade metabólica do animal por tanto, devolve á atmosfera o carbono que previamente a planta quitara dela: é un circuíto pechado de balance neto cero. O mesmo vale para o carbono que é emitido á atmosfera na descomposición microbiana de dexeccións do gando, que non son se non restos vexetais parcialmente metabolizados. O metabolismo do gando por tanto non pode poñer na atmosfera ningunha molécula que previamente non estivera nela.
Moi diferente sería o caso da queima dun combustíbel fósil, xa que neste caso si hai aumento neto na atmosfera, pois un carbono que estaba no subsolo da corteza terrestre, como gas, carbón ou petróleo, pasa a estar como carbono atmosférico. Por que non se ten en conta esta importantísima diferenza á hora de lexislar, e se diferenza claramente emisións do metabolismo do gando, con efecto neto cero, das emisións dos combustibles fósiles que teñen un efecto neto positivo na concentración de carbono na atmosfera?
Dirase que parte dese carbono que devolve o gando a atmosfera con balance neto cero se fai en forma de metano, gas de potente efecto invernadoiro. Agora ben, o metano, como aprendemos na química da escola, oxídase na atmosfera en contacto co osíxeno do aire, para dar CO2 e auga nun prazo medio duns 12 anos, e así non se pode acumular indefinidamente na atmosfera, xa que vai pasando paulatinamente de novo a CO2 pola oxidación para ser captado de novo polas plantas nun xogo de circuíto pechado.
A maiores, as fontes serias consultadas sobre emisión de metano á atmosfera recoñecen que só o 5% do mesmo estaría a ser emitido pola rumia dos 1.500 millóns de cabezas de gando que hai na actualidade no mundo. Reducir a cabana gandeira global actual, poñamos que nun drástico 50%, apenas reduciría as emisións deste tipo de metano á atmosfera un 2,5%. E iso supoñendo (que é moito supoñer) que na descomposición dos vexetais que deixasen de alimentar a este gando non se vai producir ningún metano, o que é evidentemente falso, pois no chan non sempre hai condicións localmente anaeróbicas.
Antes os ruminantes eran animais salvaxes, hoxe fundamentalmente gando doméstico, pero o seu número, de orde de magnitude, é moi similar antes e agora. Por tanto o metano producido por rumia, veu sendo durante millóns e millóns de anos esencial para un correcto funcionamento do equilibrio térmico da atmosfera. O vilán haberá que buscalo no metano que proceda doutras actividades, non no que naturalmente leva circulando millóns de anos a partir do metabolismo dos ruminantes.
Queda claro, pois, que a gandería ten efectos e impactos no medio, pero non estamos ante unha actividade inmoral, nin que ameace ao medio ambiente, nin moito menos ao clima global. Males todos que se lle atribúen dende os fariseos ben pensantes da ortodoxia do politicamente correcto, apoiados na ausencia de pensamento crítico na sociedade e da ausencia de liderados, con autoridade para restablecer principios de veracidade e de ben común no debate das cousas públicas.
Estamos totalmente de acordo en que é preciso mellorar en benestar animal, en redución de emisións do tratamento dos puríns a prol da calidade do aire, en equilibrar as cabanas gandeiras ás posibilidades de produción de forraxes locais, e insistir preferentemente na extensificación. E ano tras ano mellórase dende o sector gandeiro. Pero envilecer á sociedade con argumentos que non se sosteñen nin dende a lóxica nin dende a praxe científica para impoñer unha visión do mundo interesadamente sesgada que nada ten que ver coa preservación do clima, principios éticos ou a saúde, é un erro, que acabaremos pagando máis pronto que tarde.