Xoves 29, Setembro 2022
HomeGlobalUCRAÍNA (II): A GUERRA QUE EUROPA PUIDO EVITAR

UCRAÍNA (II): A GUERRA QUE EUROPA PUIDO EVITAR

por Manoel Barbeitos

A crise política e económica sacou á luz un dos problemas sistémicos da URSS, pero que se mantiña agochado por mor tanto da represión política e policial como das axudas económicas: os conflitos territoriais. Os que levaron á disolución da URSS, á morte política de M. Gorbachov e con el a das glásnost -apertura- e perestroika -reformas- que tantas esperanzas espertaran no seu día.  Unha dinámica de demolición que fará medrar entre moitas das elites europeas a crenza de que coa desaparición de M. Gorbachov de escenario político internacional, Europa ganaba en liderado, estabilidade e democracia. Unha crenza que axiña se demostraría infundada.

Como dicía no artigo anterior, un dos grandes fracasos de M. Gorbachov  foi a súa errada política territorial -en xustiza hai que recoñecerlle que o éxito era moi difícil-. un fracaso que comportaría a súa morte política. Algún día a historia, a pesares dos seus indiscutibles erros, lle fará xustiza.

A cuestión nacional era un problema vello e de longo percorrido na antiga URSS. Por estas razóns, se ben era previsible que tan pronto se afrouxaran as cadeas que a tiñan presa estalaría con forza, o final podía ser imprevisible se non se actuaba con intelixencia e moita man esquerda. A pesar diso, M. Gorbachov e a vella garda actuaron inicialmente á vella usanza. Non foron quen nin de ver a auténtica dimensión e fondura da cuestión nacional, nin tampouco de entender que os novos tempos (perestroika) esixían novas políticas.

Dende a perspectiva de hoxe, parece claro que M. Gorbachov non chegou a entender, ata que xa  foi moi tarde, que non poucas das repúblicas que constituían a URSS non buscaban unha nova relación entre elas, dentro dunha URSS mais federal e democrática. Querían, simple e claramente irse e ser independentes.

Un problema nacional sistémico ao que se sumarían outros que contribuirían a darlle unha maior dimensión. Por unha parte, a crecente debilidade política do líder da perestroika foi aproveitada por vellos dirixentes rexionais da nomenclatura comunista (PCUS), que entenderon que a defensa da reivindicación nacionalista lles ía permitir manterse no poder no que levaban moito tempo instalados. A glasnost tamén sacou a luz, e isto é un mérito indiscutible de M. Gorbachov, moitos dos problemas étnicos que levaban décadas solapados. Problemas étnicos que, como pasaba cos armenios, rematarían en violentos enfrontamentos con non poucas mortes. Desta maneira, a un problema nacional sistémico sumáronselle un non menor conflito étnico. que nalgúns casos desbordaría as fronteiras e limites das antigas repúblicas, e unhas ambicións políticas de non poucos dirixentes territoriais comunistas.

A resposta represiva do goberno central, que chegou incluso a utilizar o exército fronte ás protestas nacionalistas non fixo máis que agudizar os problemas e estendelos. As protestas nacionalistas rematarían estalando en practicamente tódalas repúblicas. As máis activas e avanzadas foron as repúblicas bálticas (Estonia, Letonia, Lituania), onde o sentimento nacionalista era máis forte, ás que se unirían outras menos belixerantes pero tamén reivindicativas como, por caso, Georgia, Armenia, Moldavia e Ucraína.

Gorvachov, Yeltsin e a disolución da URSS

Dous fenómenos de carácter interno virían botarlle máis leña ao lume e a conducir o conflito na dirección dunha disolución da URSS. Naquel escenario político apareceu un personaxe moi astuto, pertencente á vella garda comunista, que dende a súa posición de privilexio -secretario do PCUS en Moscova-, e utilizando unha linguaxe populista, intenta beneficiarse da situación de crecente debilidade e frecuentes erros políticos por parte de M. Gorbachov. Boris Yeltsin, asi se chamaba, buscou atraerse a tódolos descontentos e dannificados pola perestroika adoptando publicamente unha posición cada vez máis belixerante contra a figura e a persoa de M. Gorbachov.

Esa belixerancia apoiouna en dúas bandeiras: o anticomunismo e o nacionalismo. Grazas a esta estratexia, Yeltsin iría escalando posicións de poder na estado ruso ata chegar por caso á presidencia do Parlamento e á presidencia da República. Poderosas tribunas dende as que animaría ao resto das repúblicas a que se declarasen soberanas. Apostaba así por quitarlle o corcho á botella que gardaba os demos nacionalistas. O outro fenómeno que contribuiría laminar o poder e, sobre todo, a figura de M. Gorbachov, sería un intento de golpe de estado por parte do exército, que contaba co apoio da vella garda comunista.

Ainda que o intento de golpe de estado fracasou, serviu non obstante para laminar aínda m´sis o poder de Mihail Gorbachov e para que Boris Yeltsin e os lideres das repúblicas rebeldes, que ou ben se declararon soberanas (Ucraína, Bielorrusia, Moldavia, Uzbekistan) ou ben tomaron medidas pola súa conta cara á independencia (Estonia, Letonia e Lituania), avanzaran á disolución da antiga URSS. Con un Boris Yeltsin crecido, e unhas repúblicas imparables no seu camiño a soberanía, a M. Gorbachov non  lle quedou outra que dimitir, primeiro como secretario xeral do PCUS (16 de novembro de 1991) e logo como presidente da URSS (25 de decembro de 1991). Unha Unión (URSS) que xa non era tal pois xa non formaban parte da mesma os estados bálticos, cuxa iniciativa sería seguida por outras repúblicas como Ucraína, Bielorrusia, Georgia… Os distintos Soviet supremos das diferentes repúblicas irían ratificando esta disolución da antiga URSS.

Occidente, que podía ter apoiado a Gorbachov prestándolle por caso unha axuda económica suficiente para aliviar os problemas internos, déralle as costas. Era evidente que cambiara a súa aposta. Agora o home a apoiar era Boris Yeltsin.

Un camiño cara a catástrofe

A disolución do que fora a poderosa URSS deixaba numerosos problemas pendentes, todos de enorme relevancia.

En primeiro lugar, a grave crise económica da que non se libraba ningunha das repúblicas aínda que se viran afectadas con diferente intensidade. Un crise económica que terían que afrontar cunhas estruturas políticas e administrativas a consolidar, sen tradición democrática e cunha escaseza notable de recursos financeiros incluso naquelas repúblicas nas que abundaban os recursos naturais (petróleo, gas, cereais….).

A estes déficits habería que sumarlle que a disolución da URSS tamén comportou que en practicamente tódalas repúblicas desaparecesen a maioría dos estabilizadores automáticos (pensións, seguro de desemprego, cobertura médica, axudas familiares….) con que contaba o antigo réxime, o que agravaría as condicións de vida e existencia de sectores cada vez máis amplos da poboación.

En segundo lugar, xurdiron problemas derivados de que, se ben as repúblicas soviéticas se viron libres da ditadura de Moscova e dos soviets, non foron quen, por razóns diferentes, de construír auténticas democracias. En non poucos casos as antigas repúblicas foron substituídas por réximes autoritarios e despóticos.

Un fenómeno ao que inicialmente no se lle deu a relevancia necesaria, pero que logo o tería, foi o feito de que o derrubo dos países do Leste, e a conseguinte creba do Pacto de Varsovia, se levase a cabo sen que reciprocamente a OTAN reducise as súas tropas e a súa presencia en Europa, o que levantaría suspicacias entre relevantes sectores dalgunhas repúblicas, moi especialmente de Rusia. Reticencias que, neste último caso, se verían alimentadas pola ampliación da OTAN, como sinalaba no artigo anterior a varias repúblicas: Estonia, Letonia, Lituania, Georgia…., acción que consideraron, e non lles faltaba razón, como unha provocación, dado que a ampliación sería completada con un despregue de infraestruturas militares que rompían acordos previos entre Gorbachov e os lideres occidentais.

Todo un conxunto de problemas sen resolver ou mal resoltos que provocaron que o tránsito destes países a un novo sistema, que se pensaba que ía asemellarse aos existentes en occidente, acabase sendo unha auténtica catástrofe, como intentarei explicar nos artigos seguintes. “Daqueles lixos veñen estes lodos”.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]