por Enrique Sáez Ponte
Rusia é agora sinónimo dos que buscan no pasado as razóns do futuro. Putin e Erdogan, Trump, Vox, Lle Pen, Johnson e moitos máis. Hai que elixir entre eles e o que representa a UE: defensa da democracia, da colaboración entre os pobos por enriba de fronteiras. Son opcións moi afastadas, a guerra de Ucraína expón unha disxuntiva que é o eixo do último capítulo do meu ensaio Máis aló da Estado Nación.
Os mesmos nacionalistas radicais da zona que antes abarcaba a URSS empezan a sinalar a dirección correcta. O presidente polaco, Andrzej Dúbida, viulle as orellas ao lobo da estepa e comprende mellor as vantaxes desa UE á que deostaba por forzarlle a respectar regras democráticas. Fai honra ao seu apelido e dúbida. Naceu en Cracovia que está preto de Lviv ( Leópolis), situada ao oeste de Ucraína. Lviv, de relixión cristiá ortodoxa grega e moi pouco rusa, é a vía de escape da maior parte dos que foxen da guerra. Estes días hai unha gran colaboración entre ambas as capitais para atender a avalancha de persoas necesitadas de axuda.
Son cidades con moita historia común, exemplo da complexidade de Centroeuropa. Conviviron dentro do imperio austrohúngaro, onde foron os principais núcleos dunha rexión que se chamou Galicia (1772-1918), escrito tal cal, como reflicte o nome do museo xudeu de Cracovia na foto que tomei en 2017. Os Habsburgo elixiran esa denominación, facía referencia a un pequeno condado ( Halych) que latinizado é Galich, para unha zona ampla e con moita mestura étnica e relixiosa, incluída unha importante minoría xudía, porque lles lembraba un antigo reino en España, que lles arrebataban os Borbóns (1). Desaparecido aquel imperio, Cracovia e Lviv seguiron xuntas, uns anos máis, na Polonia de entreguerras (1918-1939).
Todas as grandes guerras europeas modernas foron causadas por autócratas que escarbaban no orgullo nacional de imperios terrestres (o nome é meu) derrotados. Sorprende que os nosos estrategos políticos non previsen ben o que podería ocorrer con Rusia, moi sensible á reivindicación patriótica (2), polo menos mentres non lles faga pasar moita fame. Nada máis ser presidente, Putin recuperou Chechenia, república independizada tras a desaparición da URSS, mediante unha segunda guerra (99-09) para superar o fracaso da primeira (95-96). Logo forzou, manu militari, a independencia de dúas pequenas zonas de Xeorxia de maioría rusa, Osetia do Sur e Abjasia. En 2014 tomou Crimea e deixou un conflito larvado no leste de Ucraína que lle serve de motivo para invadir o país.
O de agora lémbrame o que escribín hai case 25 anos, cando un pequeno ensaio dun diplomático inglés (3) espertou o meu interese por analizar a relación entre descolonización, globalización e base institucional dos estados. O último episodio importante de descolonización ocorre coa descomposición da URSS, que era, en gran medida, unha versión de esquerda, modernizada e adornada de internacionalismo socialista, do imperio ruso. A caída dos imperios marítimos –España, Reino Unido, Francia, Portugal, Holanda…- foi menos complexa para a estabilidade de Europa que a caída dos imperios terrestres. Estes son os construídos por Estados con difícil acceso aos océanos, mediante o dominio dos seus veciños. Co paso do tempo hai poboacións mesturadas, o que fai máis difícil definir a situación como colonial. Así como parece evidente que a India non é parte de Gran Bretaña, non o é tanto que Chechenia non o sexa de Rusia. Os imperios terrestres europeos darían lugar a longos conflitos entre veciños, xa citei o caso de Alemaña, pero podería engadirse o de Turquía, o de Austria-Hungría, co seu corolario serbio, e, se non se manexa adecuadamente, podería ocorrer con Rusia, unha sociedade inestable que aínda ten que conseguir o seu equilibrio interno (4).
A conclusión principal á que chegásemos, de valorar as herdanzas conflitivas, é que os europeos necesitamos unha defensa común. Aínda que supoña limitar o carácter nacional das forzas armadas dos países que se apunten a dar un salto cualitativo para ter un continente máis unido, máis capaz de valerse e facerse respectar. Os nacionalismos que empuxan a outros aniñan tamén nas dereitas duras dos Estados membros e poñerán obstáculos ao empeño.
Se decide avanzar nesa dirección, a UE podería empezar por absorber parte da estrutura central da OTAN para soportar a nova función e pasar a regular a relación militar cos EEUU e os demais socios situados fóra da UE mediante acordos bilaterais. Putin ten un fondo lóxico cando acusa a Occidente de manter unha organización creada para frear á URSS, que xa desapareceu. O argumento sérvelle para situarse como líder dun país acosado desde o exterior. A Unión Europea debe pensar na defensa colectiva, aínda que o fascista de Moscova seguiría alegando que non pode abarcar países que formaron parte do que considera o seu imperio.