Mércores 28, Setembro 2022
HomeOutrosUCRAÍNA, GOBERNO UCRAÍNO, POBO UCRAÍNO

UCRAÍNA, GOBERNO UCRAÍNO, POBO UCRAÍNO

por Manuel A. Fortes Torres

  1. A presentación habitual nos medios de comunicación é a dun enfrontamento entre Ucraína (ou o pobo ucraíno e os seus amigos, que se soe personificar na OTAN) e os “inimigos do pobo ucraíno”, que se soe personificar en Putin. Ou sexa, Ucraína, o goberno ucraíno, o pobo ucraíno e a OTAN contra Putin. Pero é así? Digamos que Ucraína é unha metáfora, pero podemos identificar pobo ucraíno con goberno ucraíno e, máis aínda, que a OTAN é amiga do pobo ucraíno?
  2. Toda a esquerda acepta que houbo un golpe de estado coa participación directa de sectores etnocidas neonazis. Toda a esquerda acepta que o goberno xurdido daquel golpe de estado procedeu a aplicar medidas de limpeza étnica respecto da “etnia rusa”, ataques culturais (status oficial exclusivo da lingua ucraína e perda desta do ruso) e limpeza étnica militar directa nas zonas de etnia maioritaria rusa. Nestas últimas destacaron sectores do exército, auto-recoñecidos como neonazis e aceptados como parte do exército (non é que haxa neonazis no exército, que podería habelos en calquera, senón que hai grupos militares que, autoidentificados como neonazis, están integrados formalmente no exército ucraíno), o que provocou a aparición de milicias de autodefensa que contaron co apoio do goberno ruso, o que levou a unha independencia de facto dun par de rexións. Poderiamos completar isto coa prohibición do partido comunista, fundamentalmente por ser prorruso, ademais de “comunista”, é dicir, antiucraíno.

Pero iso xa pasou, di certa parte da esquerda. Así, por exemplo, as mortes provocadas polos intentos de limpeza étnica son pasadas, coma se se produciran na Idade Media e nada tivesen que ver coa actualidade.

Para deixar ben clara a ruptura cos gobernos neonazis, insístese en que o actual goberno é produto dunhas eleccións democráticas, na que obtivo unha esmagadora maioría absoluta, mentres que os partidos neonazis recibiron un número ridículo de votos, o que é ademais moi relevante, tendo en conta a non participación dun gran número de cidadáns ucraínos de etnia rusa, por vivir en territorios semiindependentes do Donbass. Noutras palabras, a gran maioría dos ucraínos non rusos (sexa o que sexa iso),  e tamén moitos da etnia rusa, votaron masivamente pola nova opción de goberno encabezada polo actual presidente. En resumo, que o goberno actual está claramente lexitimado democraticamente e, xa que logo, é plenamente representativo do pobo de Ucraína.

E resulta que a ese presidente -o que encabeza o goberno- elixírono, e tamén se di que apoia ría un programa que introducía unha serie de modificacións relevantes da política do anterior goberno golpista. Ese programa baseábase fundamentalmente na procura dunha reconciliación entre as “dúas almas ucraínas”, a alma máis pro-occidental (para entendernos) e a máis pro-oriental (ou prorrusa), o que respondería en boa medida á real pluralidade étnica do país, que o anterior goberno golpista tratou de eliminar. Esa reconciliación tiña que ser política e cultural, afectando non só á lingua rusa (volvería ser oficial), senón á relación étnica, e sobre todo ás rexións con milicias propias que se autonomizaron do goberno central, para o que se contaba cos “acordos de Minsk”, nunca postos en práctica até o momento. E, como parte do mesmo, unha mellora das relacións co veciño do Leste (Rusia).

Conclusión: temos un goberno elixido democraticamente por maioría moi absoluta e cun programa de “reconciliación nacional” e de establecemento de novas relacións cos países veciños.

Pero que pasou coa política dese goberno elixido por presentar ese programa que como dicimos foi votado masivamente? Que pasou coas milicias neonazis, contra as que o pobo ucraíno votou en masa? Pois non pasou nada: o goberno democrático mantivo aos neonazis “nos seus postos” no exército. E os acordos de Minsk? Pois seguiron no baúl dos recordos. Que pasou cos dereitos lingüísticos e políticos da minoría rusa, como o recoñecemento do status oficial da lingua rusa? Pois o mesmo, nada cambiou. E sobre a ilegalización do partido comunista? Pois seguiu sendo ilegal. E a política (cultural e militar) no Donbass? Pois seguiu sendo a mesma. E a mellora das relacións con Rusia? Pois nin estaban (á orde do día) nin se esperaban. Por outra banda, o que si se fixo foi unha ampliación das relacións coa OTAN (léase, con Estados Unidos), dando por feita unha futura solicitude de adhesión a esa organización.

Ou sexa, e a respecto do que se di de cumprir o programa electoral: o pobo ucraíno (a cidadanía que participou nas votacións) dixo unha cousa e o goberno está a facer outra distinta.

A pregunta é pertinente: o goberno representa ao pobo ou só se representa a si mesmo? É a identificación goberno de Ucraína-pobo de Ucraína unha identificación lexítima? O goberno de Ucraína é lexitimamente representante do pobo ucraíno? E a OTAN de quen é “amiga”, do pobo ucraíno ou máis ben do goberno ucraíno?

  1. Quizais o feito de que a OTAN (é dicir, os Estados Unidos e os países satélites) sempre se negasen a admitir á antiga Unión Soviética como parte dunha organización política e militar que podería enfrontarse a conflitos desestabilizadores, ten algo que ver coa percepción rusa de acoso e perigo. Gorvachov primeiro, pero xa coa Rusia capitalista, Ieltsin e Putin, intentaron que a Rusia se lle admitise nese selecto club como socios colaboradores. Sucedía cando xa non eran “o outro sistema”, “o inimigo”. E iso despois do incumprimento dos acordos de non extensión da OTAN ao Leste. Por que os Estados Unidos e os países satélites continuaron, ou querían seguir, vendo a Rusia como “o inimigo”? Inimigo de quen? Non, desde logo, do capitalismo. E así como numerosos países (antigos países satélites da Unión Soviética) se sumaron á alianza atlántica, rompendo acordos, por que non sumaron a Rusia? Non hai motivos de preocupación por parte dos gobernos rusos? Son os gobernos rusos os que vén como inimiga á OTAN, ou é esta a que quere seguir a contar cun inimigo, e que ese é, fundamentalmente, Rusia? Non é para preocuparse que, con esa percepción da OTAN, queiran rodeala de bases militares e armamento nuclear?
  2. Pero, dise, cada país -país, pobo, goberno son o mesmo?- é soberano para decidir -quen? O “país”, o pobo ou o goberno?- o seu futuro e a súa pertenza ou non a unha alianza militar. Quérese dicir, que iso dos patios traseiros, zonas de influencia, ou países satélites quedou para o pasado. Seguro? Claro que, como a resposta obvia é que non, entón engádese, por parte de certa esquerda, que se rexeitamos a súa existencia no ámbito de dominio dos Estados Unidos, tamén debemos facelo, por coherencia, nos demais lugares; debemos opoñernos a que Rusia queira recuperar o que antes tiña a Unión Soviética (e que agora só ten Estados Unidos). Criticar só aos Estados Unidos e aceptar o mesmo para Rusia sería antiamericanismo infantil. Pero máis ben semella proamericanismo senil; pois, no fondo, a pesar de que se pretenda criticar o realismo político que supoñería estar disposto a aceptalo para Rusia, recoñécese como un feito que hai patios traseiros dos Estados Unidos, por realismo. Traducido á linguaxe da rúa: esixir tal modificación na política exterior norteamericana sería de ilusos.

Fagamos algo de historia. A crise dos mísiles dos anos 60 resolveuse non traendo mísiles nucleares a Cuba pola Unión Soviética, e retirando os Estados Unidos de Turquía os que tiña alí despregados. Non se trataba de ampliar o patio traseiro con Cuba por parte dos Estados Unidos (aínda que lle gustaría), nin de converter a Turquía nun país satélite da Unión Soviética (aínda que lle gustaría). Simplemente era unha cuestión de seguridade, de non ter mísiles nucleares dirixidos desde un país limítrofe ou próximo. E, engadimos, quizais Austria, Suecia ou Finlandia, por exemplo, sexan patio traseiro de non se sabe quen. De que estamos a falar?

  1. Por certo, o programa co que o actual goberno gañou as eleccións non sería un bo punto de partida para as negociacións de paz do goberno ucraíno? Non sería “entregarse” ao agresor, nin premiar a súa agresión. Simplemente sería deixar falar ao pobo ucraíno. Non foi iso o que dixo o pobo ucraíno ao ser preguntado no último proceso electoral?

Por que non o fai o goberno ucraíno? Por que non quere negociar a paz? Nesa negativa real, retóricas aparte, teñen algo que ver os amigos do goberno ucraíno (negámonos, por todo o dito, a chamarlles “amigos” do pobo ucraíno)? Non será que o goberno ucraíno e os seus “amigos” pensan que canto máis dure a guerra máis efecto terán as sancións sobre Rusia, aínda que morran máis persoas (un dano colateral), e máis doado será gañala?

Quizais algunhas das súas últimas decisións, por caso a ilegalización de toda unha serie de partidos políticos, o deixan claro. Fano coa escusa de que son prorrusos. Pero non eran partidos ucraínos, non os votou o pobo ucraíno? En resumo, a pregunta para o goberno ucraíno é: quen conforma para eles o pobo ucraíno? As sospeitas quizais apuntan a un interese pola limpeza étnica. Apuntan a iso porque a política do goberno ucraíno elixido democraticamente fai continuidade coa política do goberno ucraíno golpista.

Semella que o seu modelo é o modelo croata. Cando gañen a guerra, que esperan gañar coa axuda dos seus amigos, xa terán un bo exército armado por estes amigos da OTAN, da que formarán parte o mesmo que da UE. Con Rusia exhausta polas devastadoras sancións, sen capacidade económica nin militar para facerlles fronte (e/ou coa “lección aprendida”), poderán limpar o seu territorio dos que non son “puros ucraínos” (sexa o que sexa iso). Tal como fixo o goberno croata no seu momento en Krajina e Eslavonia (“limpala” de serbios), sen que esta limpeza étnica motivase a máis mínima protesta das democracias occidentais. Xa demonizaran aos serbios, como agora están a facer cos rusos. Pois o mesmo pasará agora, pensa o goberno ucraíno.

  1. Agora ben, independentemente do escenario “doméstico” que represente o goberno ucraíno, o relevante é o escenario que representen os Estados Unidos e Rusia, os reais contendentes.

O pobo ucraíno e o pobo ruso poñen os mortos, seguramente máis o primeiro que o segundo, pero son os gobernos norteamericano e ruso os que están, ou deben estar, no deseño dos acontecementos. E resulta difícil determinar até onde teñen ambos os dous proxectada a nova (des)orde mundial. Pois as medidas de guerra tomadas pola OTAN afectan a toda a orde económica mundial, a institucións internacionais que están perdendo o seu carácter, converténdose en “institucións de parte”, de modo que o desenvolvemento desta guerra, e non digamos o resultado final, atinxe a moito máis que ao escenario inmediato, abranguendo ás mesmas relacións económicas internacionais.

O esperábel é que estean previstas polo goberno ruso as medidas que os seus inimigos poderían tomar, e é de supoñer que todos teñan previstas as consecuencias, que cada vez está máis claro que recaerán moito máis alá dos lugares onde está tendo lugar o enfrontamento bélico.

Pero, ademais, e de darse, a caída, a derrota de Rusia, non o será exclusivamente dela, senón que afectaría tamén ao seu aliado oriental, China, que tería claro que o seguinte acoso e intento de derribo sería contra ela; isto é, que o que está por detrás destes acontecementos é a reorientación económica do novo sistema-mundo oriental centrado na China, desprazando o centro do mesmo dos Estados Unidos. E o goberno chinés sábeo, polo que dificilmente permitirá a caída de Rusia.

Até onde chegarán as apostas, até onde chega o deseño, e até onde está disposto Estados Unidos a utilizar o recurso máis importante que lle queda, o militar, para intentar evitar ou, con máis realismo, atrasar o seu declive, é o que debe estar no centro das preocupacións.

Finalmente, o que está suficientemente claro, e xa agora, é a absoluta satelitización da Unión Europea, sempre incapaz de representarse unha política autónoma e sempre disposta a patentizar na súa política económica a súa inanidade. Ela é a primeira vítima das sancións devastadores, e resulta patético que o presunto “sancionador” acabe sendo o primeiro “sancionado”. De pena.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]