Luns 27, Xuño 2022
HomeOutrosUCRAÍNA (e V): A GUERRA QUE SE PUIDO EVITAR

UCRAÍNA (e V): A GUERRA QUE SE PUIDO EVITAR

por Manoel Barbeitos

Coa invasión de Ucraína, tal como sinalaba no artigo anterior, Vladimir Putin parece tentar reconstruír un novo imperio panruso, pero agora de orde liberal. Coa pretensión de incorporar Ucraína a Rusia, o que non deixa de ser un acto de imperialismo, o xerarca ruso non parece querer resignarse a un papel secundario na nova orde que se está configurando no sistema mundial en torno a China e os Estados Unidos. Unha acción que resulta moi negativa para as esquerdas europeas que ven como os seus argumentos políticos a prol da disolución da OTAN e a creación dun sistema de seguridade europeo distinto, pero que respecte a seguridade de Rusia, perden forza e quedan paralizados con esta invasión.

É ben certo que Rusia estaba sendo acosada polos USA a través da OTAN, como mostra a extensión desta deica as fronteiras rusas. Tamén é certo que, con esta extensión da súa alianza militar, USA está incumprindo as promesas feitas primeiro a Gorbachov e logo a Yeltsin de non facelo, pero isto non xustifica de ningunha das maneiras a invasión que vén a darlle a razón a aqueles estados do leste e norte de Europea que pediron entrar na OTAN. Unha organización que estaba en decadencia, pero que coa invasión recupera protagonismo e incrementa a fronte militar.

Por outra parte, non está claro que Putin vaia a conseguir todos os seus obxectivos. Mais ben parece que puido calcular mal os custos da invasión por non agardar a resistencia que esta ofrecendo o pobo ucraíno, nin tampouco a resposta unitaria da Unión Europea. É moi posible que logre a vitoria militar, outra cousa é a ocupación de todo o país. Algo que tería un custo terrible para Rusia, para Ucraína e poida que tamén para o mundo.

As responsabilidades de Europa neste guerra

Que responsabilidades ten Europa (UE) nesta guerra?: moitas. En primeiro lugar, non querer ouvir o que estaba pasando en Ucraína. Dende o punto de vista da paz e a democracia, é correcto e xusto que Europa denuncie a invasión de Ucraína porque viola os dereitos humanos e lesiona o dereito internacional. Pero tamén tería sido correcto e oportuno que tivera denunciado o peso e a influencia dos grupos nazis en Ucraína, así como a perniciosidade que arrastrou o fomento, por un goberno ucraíno enormemente corrupto (Poroshenko), dun clima político anti-ruso.

En segundo lugar, non ser quen de ver que os Estados Unidos queren volver á guerra fría. Non entender que Rusia xa non é un perigo para Occidente senón que tamén é Europa, polo que cumpría animala e axudala a integrarse na comunidade europea máis que levala a depender aínda máis de China. Neste marco xeopolítico, as guerras dos USA, como sucede co seu enfrontamento con China pola hexemonía na economía mundo capitalista, non son as guerras de Europa, que debe buscar pola súa conta e por mor da súa propia supervivencia unha terceira vía para o que precisa contar dalgunha forma con Rusia. Tal fora a demanda que dou pé á creación (1.991) da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE): poñerlle fin ao pesadelo do enfrontamento entre os dous bloques militares.

Non menos responsabilidade ten Europa en non ver, ou non querer ver, que a agresiva política imperial dos Estados Unidos, como a inxustificable expansión da OTAN á o leste europeo violando os compromisos sinalados anteriormente, remataría provocando unha reacción rusa por sentirse ameazada e humillada. Dunha Rusia que, non o esquezamos, é unha potencia nuclear onde o nacionalismo panruso está en ascenso.

Si quere evitar que se produza unha grande catástrofe –a destrución de Ucraína, ou mesmo unha hipotética III guerra mundial-, Europa debería buscar e conseguir un acordo con Rusia, para o que é prioritario utilizar a vía diplomática que máis cedo que tarde se imporá –esperemos- sobre a vía militar, polo que canto antes se abra ese escenario menor será o sufrimento para a poboación ucraína e o risco dunha nova guerra mundial, que constituiría unha sentenza de morte para a especie humana.

Trátase de salvar vidas, de que os refuxiados poidan volver ás súas casas, de que haxa paz en Ucraína. Pero para iso hai que seguir un camiño diferente ao que marcan os que tocan os tambores de guerra. Porque, sexa cal sexa o resultado desta guerra, Europa vai a saír perdedora (por caso, se o 30% do petróleo e o 45% do gas que consume vén de Rusia, o que lle obriga a seguilos comprando, non menor é a dependencia de minerais estratéxicos como o ferro, o aluminio, o titanio, o paladio….). Logo desta guerra, Europa tamén se verá empuxada a incrementar o gasto militar, que será a costa de reducilo gasto social, do estado de benestar. Nunha das últimas xuntanzas (o pasado día 10) celebrada en Versalles, o Consello Europeo acordou elevar substancialmente o gasto militar, “investir máis e mellor en medios de Defensa e tecnoloxía innovadora”.

Neste camiño autónomo Europa debería ter en conta que a guerra con Ucraína está poñendo en evidencia como, a pesares da represión e a censura, hai entre a poboación rusa  movementos sociais e forzas políticas contrarias á invasión, ao tempo que están en contra dos afáns expansionistas e belicosos da OTAN. Movementos que deberán recibir o apoio dos movementos similares na UE que tamén é preciso que medren como reacción a militarización das políticas e o auxe das ideas patriotas e de ultradereita.

Os novos escenarios en Europa

Fronte ao que vaticinan moitos expertos, os efectos desta guerra que castigará duramente a economía e a sociedade rusas serán, a pesar diso, menores do que afirman as autoridades europeas e estadounidenses, porque Rusia leva anos preparándose para este conflito.

O que debera ser obxecto de preocupación para as autoridades europeas é que vai a ser da Unión Europea e, por extensión, de Europa. Unha UE que, como puxo en evidencia esta guerra, carece dunha política exterior e de seguridade común. Carece tamén dunha política europea cara Rusia á que agora, incluso máis que antes, considera un adversario político e militar. Carencias que levan a Europa á unha maior otanización, a unha supeditación dos seus intereses aos intereses estratéxicos da OTAN que, como é ben sabido, son os intereses dos Estados Unidos e os seus mercados armamentísticos e financeiros. Unha supeditación que condiciona fortemente as relacións da Unión Europea con China quen vai camiño de ser a primeira potencia económica mundial.

Logo das últimas crises vividas (bancaria, euro, brexit, pandemia, invasión de Ucraína) sería desexable que, fronte ás tendencias apuntadas anteriormente, a UE avanzara na súa autonomía estratéxica e na creación dun brazo político-militar propio, un sistema europeo sen alianzas militares dende o Atlántico aos Urais.

Pero antes debe parar esta guerra. Non só polo ben de Ucraína, senón tamén polo seu propio ben. Unha solución óptima pasaría porque Ucraína adoptara un estatus de país neutral similar, por caso, a Austria e/ou Suecia. Unha solución que a UE debería apoiar e impulsar.

Europa no mundo

Para rematar, só subliñar que tamén sería desexable, neste marco dunha Europa defensora da paz e a ausencia de conflitos bélicos, que como parte que somos do mundo actual tomaramos en consideración que a guerra de Ucraína non é a única, nin sequera a máis terrible das guerras que, hoxe por hoxe, castigan a humanidade. Que hai outras guerras como, por caso, no Iemen, Etiopía, Sudán, O Congo ou Siria, onde están morrendo millóns de mulleres e nenos, en moitos casos vítimas de armas que fabrican e vende países da Unión Europea, entre eles España. Vítimas dos intereses comerciais, financeiros e militares do gran capital europeo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]