por Moncho Iglesias Míguez
A Unión Soviética extinguiuse en 1991, pero permaneceu tallada no imaxinario dunha rexión de Moldavia que se recoñece independente dende 1990, Transnistria. Aínda que ningún país admite dita soberanía, agás outras nacións só aceptadas entre elas (Artsaj, Osetia do Sur e Abkhazia), Transnistria foi un dos primeiros estados en independizarse dentro da Unión Soviética, malia a ser o último en saír da órbita ideolóxica da URSS.
A chispa que provocou as ansias secesionistas prendeu en 1989, cando Moldavia adoptaba o alfabeto latino do romanés como lingua propia. Dese xeito, o cirílico ruso, que ata o daquela fora o oficial, quedou reducido a un papel secundario. Isto provocou a inmediata reacción da poboación rusófona, asentada na beira leste da república, que proclamou a independencia de Moldavia o 2 de setembro de 1990.
Transnistria, ou Pridnestrovia, é unha faixa de terra do tamaño da provincia de Pontevedra, fronteiriza con Ucraína pola beira oriental e co río Dniester polo occidental, de onde lle vén o nome, que significa alén do Dniester. Dun lado quedan os vestixios latinos, do outro os eslavos.
Durante dous anos, as comunidades rusas e moldavas loitaron nunha guerra que rematou cun cesamento de fogo en 1992. Dende aquela, a República Socialista Soviética Moldava Pridnestroviana ten un parlamento propio, amais de todo o que se considera indispensable para existir como nación: un territorio con fronteiras definidas, unha poboación estable, e pasaporte e moeda propia. Con todo, a falta de validez destes dous últimos fai que sexa habitual que haxa xente con pasaportes ucraínos e rusos, e que non sexa complicado topar lugares onde cambiar cartos, xa que o rublo transnistrio só pode trocarse no propio territorio.
Transnistria, ou Pridnestrovia, é unha faixa de terra do tamaño da provincia de Pontevedra, fronteiriza con Ucraína pola beira oriental e co río Dniester polo occidental, de onde lle vén o nome, que significa alén do Dniester. Dun lado quedan os vestixios latinos, do outro os eslavos; no medio, como ponte de unión entre imperios e realidades, esta extensión de terra. Os puntos de control militar son só un engadido tramado polo home para definir esta área xa delimitada pola natureza. O verdor dos viñedos moldavos e romaneses, dos seus montes e vales, contrasta coa vexetación seca das chairas rusas e ucraínas. A combinación pasaxeira de ambas constitúe a nación do río Dniester.
Transnistria perde habitantes de xeito gradual debido á situación económica e política, que debilitan as ansias de futuro da súa xente. Na actualidade ten unha poboación de arredor de medio millón de habitantes diseminados en núcleos rurais e aldeas amais de na capital, Tiráspol, que apenas chega aos 150.000 habitantes. A cidade do Tiras, nome grego orixinario da urbe, é a sede do equipo de fútbol Sheriff. Este non só bautiza o grupo de deportistas máis famosos do país, senón tamén ao conxunto de empresas máis prósperas do país. Alén disto, o seu poder ten pactos coa política, e dela saen os dirixentes do goberno.
Tras o nome do club de fútbol de Tiráspol, o Sheriff, atópase un conglomerado de negocios dirixidos por un exoficial de policía soviético, Viktor Gushan. A economía e a política xiran arredor deste empresario, dono de supermercados, gasolineiras, criadeiros de caviar e dunha destilería, Kvint, icona do país.
O club de fútbol de Tiráspol, o Sheriff, é unha das imaxes máis visibles de Transnistria. Tras o seu nome atópase un conglomerado de negocios dirixidos por un exoficial de policía soviético, Viktor Gushan. A economía e a política xiran arredor deste empresario, dono de supermercados, gasolineiras, criadeiros de caviar e dunha destilería, Kvint, icona do país que, con todo, etiqueta as súas bebidas co certificado «Feito en Moldavia». Kvint, acrónimo de coñacs, viños e bebidas de Tiráspol creouse en 1897 e dende aquela conseguiu sona internacional nos mercados chino e ruso, amais do prestixio nacional, o que levou a que a imaxe da fábrica apareza estampada nos billetes de cinco rublos transnistrios.
Tiráspol non só é fútbol. É a capital do país e, como tal, amosa os atractivos de toda cidade onde reside un goberno. Non hai edificios fachendosos nin luces abraiantes, mais si datos históricos feitos figura e memoria. Nas rúas é posible facer un repaso á historia rusa e ver o monumento á nai que chora, co nome das vítimas e dos soldados que morreron na guerra de 1990-1992. Ao seu carón está a igrexa de San Xurxo, gardián dos soldados, e o tanque número 34, que apunta cara a Alemaña nazi e que lembra a chamada Gran Guerra Patriótica, a Segunda Guerra Mundial. Non lonxe está a estatua ecuestre de Suvorov, heroe fundador da cidade e de quen se conta que nunca perdeu unha batalla. A pouca distancia desta está o busto do químico orgánico Zelinsky, inventor da máscara de gas, e entre rúas anchas e edificios de corte comunista, hai xardíns e un paseo a beiras do río, zona da movida nas noites máis calorosas.
Un dos edificios sobranceiros ocúpao a universidade estatal. Herdeira da institución fundada en 1930, segue o currículo ruso e ofrece clases en diferentes graos e mestrías e, como en case todo no país, aposta polo trilingüismo: transnistrio, ruso e ucraíno. Amais, mantén relacións con outras universidades, o que permite que parte do alumnado escolla Alemaña como lugar de formación. Nas paredes da Universidade Nacional Pridnestroviana recollen fotos e imaxes do país, a letra do himno nacional e unha vidreira que amosa a industria e a agricultura como emblemas do centro de ensino.
A habitual tranquilidade da cidade e do país en xeral, sempre en silenciosa alerta, rómpese nas celebracións oficiais. O 9 de maio festéxase o día da vitoria contra Alemaña na Segunda Guerra Mundial. O 2 de setembro conmemórase o día da independencia. Nestes primeiros meses do ano 2022, o frío e a posición case invisible entre o conflito ruso-ucraíno fan que a calma só sexa unha suposición.
O eco da guerra latexa incesante á vez que continúa a construción deste museo de historia que é Transnistria, un lugar onde a figura de Lenin segue a presidir a entrada do parlamento. Porque a imaxinería soviética impregna todo o país e é visible nos nomes das rúas, en memoria do glorioso pasado.
A maior parte da poboación transnistria séntese rusa. No referendo de 2006, o 98% dos votos emitidos mostráronse a favor da unión a Rusia. Semella que o propio goberno cre que a independencia pasa pola unión á federación rusa e alixeira o camiño dun posible e sempre ansiado escenario, pois no devandito referendo só había dúas opcións: a favor da independencia da República Moldava Pridnestroviana e a subsecuente libre incorporación de Pridnestrovia á Federación Rusa ou contra a independencia da República Moldava Pridnestroviana e a subsecuente incorporación á República de Moldavia.
As fronteiras de Transnistria fan que sexa un estado tapón entre Europa e Rusia. Por iso o conflito entre esta última e Ucraína é de indubidable valor. Por unha banda, Rusia non recoñece a independencia do enclave; porén, mantén máis de 1000 soldados na zona, prové a poboación de gas e axuda a conservar as pensións. Así a todo, considera que Moldavia é a responsable de dirimir o futuro da zona. Pola outra banda, Ucraína serve de porta de acceso e saída, sobre todo para a xente que é de orixe ucraína. Alén disto, Ucraína defende a unión de Moldavia, un país que estuda a súa adhesión á OTAN, máxime despois da crise de Crimea en 2014 e a alerta de que Rusia podería anexionar Transnistria, onde se topan as estacións eléctricas que subministran a Moldavia.
A idea da guerra preocupa e sorprende, confirma Nata Scurtul, xornalista independente transnistria. Para ela, como para a súa xente, é difícil entender como dous países irmandados poden rematar así. Na propia Transnistria hai moitas familias mixtas e temen que se repitan as escenas de hai 30 e 75 anos, pero con consecuencias aínda máis devastadoras. «Sería unha guerra híbrida, con armas químicas e nucleares. Curta, pero que eliminaría a toda a xente». Calquera tipo de provocación pode provocar unha escalada militar perigosa e por iso se respira tensión en cada instante.
O eco da guerra latexa incesante á vez que continúa a construción deste museo de historia que é Transnistria, un lugar onde a figura de Lenin segue a presidir a entrada do parlamento, chamado Soviet Supremo. Porque a imaxinería soviética impregna todo o país e é visible nos nomes das rúas, como a 25 de outubro, ou a Gagarin, en memoria do glorioso pasado soviético.
A estabilidade que concede a presunta indiferenza europea e o silandeiro apoio ruso semellan conformar a Transnistria. Con todo, a inestabilidade murmura incesante e o equilibrio da ponte entre Europa e Rusia pode desnivelarse en calquera momento. O presente é incerto, depende das ideas e opinións que se diriman entre montes e chairas, entre fronteiras naturais e lindes humanas.