En destaque
Informe
INDULTOS E ARROUTADA PATRIÓTICA
O goberno de España asume o custo político por deixar en liberdade aos nove presos do procés. Seguirán inhabilitados para ocupar cargos públicos, pero regresan á sociedade na que, á inversa que no resto do Estado, era maioritario o clamor a prol dos indultos. O que para un dos articulistas deste dossier de TN é algo así como unha transversal reaccionaria, nunha estraña mistura de siglas e personaxes de moi contraditorios currículos, levou de novo á madrileña praza de Colón o seu irado discurso españolista, tinguido de supremacismo patriótico. Co pretexto dos indultos, sobre os que botaron todo tipo de secrecións e mentiras, vitorearon baixo milleiros de bandeiras e pancartas todo o que respondía ao eslogan co que os neofascistas acostumbran a negarlle ao goberno de Sánchez —por ilexítimo e por traidor— a auga e o sal. Contaban xa co informe/manifesto do Supremo poñendo os íes contra os indultos non tanto na norma como nas intencións políticas do executivo. Non así co empresariado, nin cos sindicatos, nin cos bispos, que puxeron a Casado e o PP contra as cordas, ao concordar en que a saída do cárcere dos líderes independentistas non é ilegal nin é un ataque ao estado de dereito, senón unha iniciativa que activa o diálogo co que encarar un tempo novo en Catalunya. Non soluciona o conflito político subxacente, pero contribúe a racionalizalo. Que non é pouca cousa.
Neste dossier de TN vai a crónica, a análise e a valoración do sucedido.
Coas colaboracións de Justo Beramendi, Manuel Martínez Barreiro e David Soto
En foco
[SOCIEDADE] GAUDEAMUS, NEGOCIO E IDEOLOXÍA
A iniciativa de Abanca de crear en Galicia unha universidade privada está sendo contestada abertamente desde as tres institucións públicas que integran o Sistema Universitario Galego (SUG) e tamén tanto no Parlamento, cos dous grupos da oposición en contra, como na rúa. Malia todo, o goberno de Feijóo deulle o plácet. O autor deste artigo, profundo coñecedor do modelo universitario galego, aporta os argumentos de peso, tanto cuantitativos como cualitativos, que deberan servir para persuadir da improcedencia deste proxecto. Por Xosé Luís Armesto.
[DESENVOLVEMENTO SOCIAL] XERACIÓN PERDIDA: GALICIA (2000-2019)
Agora que tanto nos ocupamos da Next Generation, paga a pena revisar o que non fixemos ben nestas dúas derradeiras décadas para cando menos modificar aquelo que non ía polo bo camiño nesta última xeración. Antes de fuxir cara adiante con iso da transición enerxética e a dixitalización. Mesmo para que os retos ambientais e tecnolóxicos non empeoren aínda máis aquelas cousas que xa non estabamos a facer ben. Por Albino Prada
[ECONOMÍA] O ANO DA TAXA TOBIN
Cúmprese o ano que vén un cuarto de século dende que a sociedade civil comezou a esixir a implantación en todo o mundo dun imposto ás transaccións financeiras. Popularizouse como Taxa Tobin, lembrando así ao economista que primeiramente formulou a proposta, que ten por obxetivo a redución do dano que a especulación financeira pode ocasionar na economía polo simple funcionamento do sistema capitalista. Por Ricardo García Zaldívar
[INTERNACIONAL] CHILE, EN PROCESO CONSTITUÍNTE: ENTRE O MALESTAR COLECTIVO E O BENESTAR INDIVIDUAL.
Ó xeito dunha novela de crimes onde o asasino é coñecido dende o comezo,
como é o caso de El túnel de Ernesto Sábato, pode semellar demasiado evidente,
pero quero argumentar nestas páxinas que o desenvolvemento da
protesta en Chile a partires do 18 de outubro de 2019 veuse decisivamente
influido pola movilización de imaxinarios políticos pre-existentes, o que a
asentada noción de “individuo” podería chegar a ocultar. Por Modesto Gayo
[ENTREVISTA] CARLOS CRUZADO, PRESIDENTE E PORTAVOZ DOS TÉCNICOS DE FACENDA (GHESTA)
Vén de producirse un acontecemento a contracorrente do que globalmente fora até agora doutrina oficial no tocante á fiscalidade dos grupos multinacionais. Dicíase que, de impoñerlles peaxes, provocaríanse ameazadores estrangulamentos da economía. De súpeto, hai acordo entre os sete países máis ricos do mundo para desafiar ese espantallo neoliberal e, se ben non é para botar foguetes revolucionarios, marca sen dúbida un chamativo cambio de rumbo. Cómpre valoralo máis alá do que simboliza semellante trasacordo, e para iso nada como falar con Carlos Cruzado, o presidente e portavoz dos técnicos do ministerio de Facenda, un dos máis cualificados e comprometidos analistas das políticas fiscais.
Todo é peixe
[CRÓNICA] PLATAFORMA, FESTIVAL DE ARTES PERFORMATIVAS
Por segundo ano consecutivo, o Festival Plataforma retou á pandemia vírica levando a varios espazos da cidade de Compostela diversas manifestacións artísticas integrables, a xuízo dos organizadores, baixo o xeneroso paraugas conceptual das Artes Performativas. David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo forman o equipo organizador que, seguindo un intelixente criterio xa visible na primeira convocatoria, buscan xerar sinerxias con outras institucións locais, como o concello, o CGAG ou DIDAC, o local que eles mesmos xestionan. As exposicións vinculadas a algunhas das actividades poderanse seguir vendo durante certo tempo no CGAC e en DIDAC. Por MIguel Vázquez Freire
ARGUMENTA Ciencia e pensamento
O DEBATE DA SUBXETIVIDADE E DA AUTORÍA. Por Brais Arribas
REPENSAR O LOGOS COMO GARANTE DA DIVERXENCIA DEMOCRÁTICA. Por Rebeca Baceiredo
NINGUÉN FALLA. Por Roberto Abuín
A TRANSFORMACIÓN POLÍTICA DO XIGANTE ASIÁTICO. Por Ricardo García Mira
Cultura
[CRÓNICA] ESCENAS DO CAMBIO 21. INTENSIDADES NOS PALCOS
A edición deste 2021 do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción da Cidade da Cultura, mudou a dirección artística e desprazouse, por causa da pandemia, para a primavera. Celebrouse do 20 ao 23 de maio, principalmente no Gaiás, pero tamén noutros espazos da capital galega. Aquí vou facer un repaso do que se puido ver o sábado 22 e o domingo 23. Propostas cunha especial intensidade e entrega no corpo a corpo co público restrinxido, como un desafío e unha liberación respecto aos tempos dos que vimos e nos que estamos. Por Alfonso Becerra de Becerreá
Protexta
Conversa con Arantza Portabales. Por Mercedes Corbillón
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.
Masa crítica
Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de xullo de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí