Domingo 4, Xuño 2023
HomeOutrosTEMPOS NOVOS Nº 288 · MAIO 2021

TEMPOS NOVOS Nº 288 · MAIO 2021

En destaque                         

Fondos europeos: maná e quimera

GALICIA NEXT

Coa pandemia facendo estragos en vidas e facendas, aos dirixentes da UE non lles quedou outra que desandar políticas de sufrimento, coa austeridade como divisa, e abrir o grifo dos eurobonos. Argallando para iso un instrumental, o chamado Next Generation, dotado con 750.000 millóns de euros, con dous obxetivos a curto e a longo prazo: reparar os danos económicos máis inmediatos, e modernizar a economía produtiva dos Estados membros para que sexa verde e dixital. Algo así como un plan Marshall á europea. Un auténtico maná sobre o que xa sabemos que foron caendo preventivamente en picado todos cantos son expertos en mover os fíos nas recámaras do poder. Co goberno de Sánchez ao timón, o plan nacional que aprobe a UE será un mix público-privado de proxectos marca España con adendas de concesión territorial. A referida a Galicia, entre elas. O escurantismo co que os executivos español e galego levaron o proceso de elaboración do plan e das adendas obriga a pensar mal. E non hai nos borradores coñecidos nada que asegure, no espíritu e na letra, os obxetivos a conseguir, en boa teoría ligados estratexicamente á conquista da autodeterminación enerxética e a soberanía dixital. No Estado e en Galicia. Se como dan a entender, foran as grandes empresas as principais beneficiadas, o gozo nun pozo. O dossier de TN achega análises e argumentos. Con Galicia no retrovisor.

Inclúe os artigos:

· Un Plan Marshal europeo, por María Cadaval Sampedro.
· Outra planificación é posible, por Diego Sande Veiga.
· Non hai alternativa?, por Albino Prada.
· Os fondos europeos como quimera, por María do Carme García-Negro.

En foco                                                                

[SOCIEDADE] A MISTIFICACIÓN DO SUFRIMENTO

Os expertos falan xa dunha nova pandemia, a da saúde mental, para o tempo da postCovid. A problemática entrou asimesmo no debate político a partir de que o deputado Íñigo Errejón reivindicou no Congreso unha política pública capaz de previr e tratar esa doenza. Que ten nas sucesivas crises, a económica e social do 2008, e a sanitaria de agora, o seu principal cebo. Estanse a remover todos os marcos nos que, mal que ben, viñemos sostendo a nosa estabilidade emocional e mental. Sometidos, pois, a un estado de sufrimento que altera o noso sistema de percepción. O articulista afonda na problemática. Por Miguel Anxo García Álvarez.

[ECONOMÍA] O DESAFÍO ATLÁNTICO

Galiza vén de superar a Asturias en PIB per cápita, tras ser unha comunidade bastante máis pobre que a súa veciña desde o comezo da era industrial. No ano 75, cando morreu Franco, o PIB asturiano por habitante era un 43% superior ao galego. Para nós foi decisiva a entrada na UE e a desaparición da fronteira sur en termos comerciais, que nos volveu converter en norte, en termos xeográficos e económicos. Desde entón, Galiza rexistra unha tendencia a crecer máis que a media de España, empurrada en particular pola demanda exterior, polas exportacións. Por Enrique Sáez Ponte.

[POLÍTICA]  ALGUNHAS SUXESTIÓNS SOBRE FEDERALISMO

Foise hai un ano, e cantos facemos ou seguimos Tempos Novos botámolo de menos. A Xosé Luís Franco Grande debémoslle moito cantos levamos anos camiñando a contragolpe nestes tempos convulsos. Foi sempre un espello no que mirármonos. Nada empañou nel a súa imaxe de intelectual, ensaísta e poeta forxado durante os tempos escuros do franquismo, sempre comprometido coas causas da liberdade, da xustiza e de Galicia, que en democracia constituíron tamén o cerne da súa proxeción pública. E da súa vida. Proactivo, lúcido, ética e moralmente incombustible. Un mes antes de caer enfermo, enviou á revista un artigo sobre o federalismo, no que creía, e ao que lle gustaba voltar sempre que a política descentralizadora do Estado entraba en trance. É o que agora reproducimos. Unha síntese á vez -moi esquemática- do seu pensamento político. Por X.L. Franco Grande.

[ENTREVISTA] XAVIER VENCE DEZA, catedrático de Economía Aplicada na USC

“Galiza gañaría moito tendo máis capacidade de decisión e gobernos que
a exercitaran”

Unha boa parte do seu traballo académico dedicouno a investigar no campo da innovación, o cambio estrutural e o desenvolvemento, do que dan conta os seus libros e artigos en múltiples revistas especializadas e de divulgación. Alentador do pensamento crítico, Xavier Vence Reza (Rodeiro,1961) rompeu esquemas na maneira de afrontar intelectual e profesionalmente a problemática socioeconómica de Galicia, sen renunciar tampouco a experimentar ese seu compromiso público nun breve pero intenso período político. Por Manoel Barbeitos Alcántara.

CRÓNICA                                                              

CGAI: ALERTA POR DEMOLICIÓN

O pasado de 15 de marzo, o CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) cumpriu 30 anos. Unha institución cunha vida longa que na actualidade vive o peor momento da súa historia debido ao doloroso desleixo da Xunta de Galicia. Nese día houbo unha visita institucional (con foto, como non) onde o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil, visitaron as súas dependencias. Soubemos pola prensa en que consistirán as medidas a tomar para relanzar a filmoteca dos galegos: varios trocos epidérmicos, mais ningún cambio estrutural nin apunte de autocrítica. Por Xurxo González.

ARGUMENTA Ciencia e pensamento                  

Pensar o teatro

Os tres textos que trae Argumenta este mes son outras tantas olladas sobre os problemas actuais do teatro, ben na súa dimensión escrita e editorial, ben como espectáculo vivo, e sobre a súa vixencia malia todo. Unha entrevista cun dos responsables da editorial La Uña Rota, comprometida con dar a coñecer textos dos renovadores contemporáneos da linguaxe escénica, unha invitación a ler un número seleccionado de textos de autores franceses que atenden á relación entre filosofía e teatro, e unha achega ao pensamento de Alain Badiou sobre o teatro.

Inclúe os artigos:

· Mostrar a confusión, por Paula Sanmartín.
· Entrevista: Carlos Rod, por Penélope Pedreira.
· Libros para pensar o teatro, por Miguel Vázquez Freire.

ESPECIAL LETRAS GALEGAS                    

Conversa con Chus Nogueira e Ana Romaní: “A voz de Xela Arias rompe coas poéticas hexemónicas do seu tempo”, por Francisco Cortez-Lobâo Sineiro.
A xeración Xela Arias. Xela Arias ou o espello esgazado no que se miran as poetas, por Rexina Vega.
Un poema inédito. Diálogo con Scardanelli, por Camiño Noia.
Xela, tradutora. Pioneira profesional da tradución, por Ana Luna Alonso.
As biografías de Xela. A poeta que queremos coñecer, por Camiño Noia.

Masa crítica                                                    

Entrevista con Alfonso Espiño, músico e investigador.
MEMORIA DO POP DOS 60 EN COMPOSTELA, por Carlos Rego.

Música, danza, teatro, cinema.

E todas as nosas seccións habituais: Natureza insólita, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de maio de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí