Domingo 28, Maio 2023
HomeOutrosTEMPOS NOVOS Nº 270 · NOVEMBRO 2019

TEMPOS NOVOS Nº 270 · NOVEMBRO 2019

En destaque                                     

A Catalunya do Procés
UNHA SENTENZA CONTRA O DEREITO A DECIDIR

A sentenza pola que o Tribunal Supremo vén de condenar, con un total de cen anos de cárcere, a sete líderes políticos e a dous líderes sociais do independentismo catalán, resiste mal unha desprexuizada lectura xurídica. Caeu do enlatado acusador o delito de rebelión, e con el a carga ideolóxica coa que o enarboraban desde un principio a Fiscalía e o nacionalismo político e mediático español. Pero non o de sedición, que tampouco ven a maior parte dos expertos penalistas. Velaí polo que Marchena forzou unha pirueta argumentaria coa que descalificar o dereito a decidir, e darlle asi cobertura legal a unha condena que, dunha análise comparativa entre os feitos probados e as penas impostas, resulta a todas luces desproporcionada. Aínda máis: no trasfondo desa forzada retórica autoexculpatoria -o medo a un varapau no tribunal de Estrasburgo- queda escriturada unha gravísima ameaza: permite equiparar o exercicio de dereitos fundamentais como o de manifestación e protesta con un acto sedicioso. Tampouco resiste o que se deduce dunha lectura política. Cos líderes do Procés entre reixas ou exiliados, coa Moncloa e as dereitas en modo Rajoy -a lei con sangue entra-, coa “Brunete” mediática e a opinión pública española en modo patriótico, os lumes acesos entre a sentenza estatutaria do Constitucional no 2010 e esta outra do Supremo teñen o carburante necesario como para violentar a frustración en Catalunya e que o Estado, como resposta, se interne aínda máis en profundas areas movedizas.

É imprescindible restablecer en liberdade os lideratos, asumir as tensións que comporta facer confluir en equilibrio o principio de legalidade e  o principio democrático, e devolverlle así á política o protagonismo que nunca debeu perder. Velaí o camiño, inevitablemente tenso e longo.

Inclúe os artigos:

O PROCÉS: SUMA E SEGUE, por Justo Beramendi
UNHA SENTENZA CONTAMINADA E EXEMPLARIZANTE, por David Soto
QUE VÉN APÓS A SENTENZA?, por Yosua Martínez

En foco                                                                               

[REPORTAXE] A ÚLTIMA LOITA DE ONS

Por Ruth Sousa

A veciñanza da illa afronta unha negociación coa Administración autonómica que lle garanta o libre acceso ás vivendas das que é concesionaria. Sobre a mesa estará unha reivindicación histórica: a de ser propietaria de pleno dereito das casas que construíron os
seus devanceiros.

[SOCIEDADE] NIN DEUS, NIN AMO, NIN PATRIARCADO

Por Celia Pereira Porto

Cando nacemos, unha das primeiras cousas que nos fan é clasificarnos por sexo: nena ou neno. Hai persoal sexador de seres humanos igual que o hai de pitiños. Aínda que o noso caso, coas tecnoloxías de ecografía e prenatais dispoñíbeis –neste noroeste de Europa, do século XXI–, é máis sofisticado e cada vez se adianta máis ao momento do parto.

[INTERNACIONAL] A REBELIÓN DOS ZÁNGANOS

Por Palmira Chavero

Foron días moi tensos os vividos recentemente en Ecuador. A cidadanía reaccionou abertamente contra os recortes que o FMI esixiu do goberno de Lenín Moreno a cambio dun
crédito co que facerlle fronte a unha débeda multimillonaria contraída polo país latinoamericano. A resposta das autoridades foi poñer en práctica unha estratexia de represión e control dos grandes medios de comunicación, coa declaración do estado de excepción e o toque de queda incluídas, con varios mortos e numerosos detidos. Tras doce días de paro nacional, o executivo viuse forzado a negociar cos representantes do movemento indíxena, un actor crucial durante o conflito por mor da súa demostrada capacidade de mobilización e presión, o que comportou a derrogación do “paquetazo” de recortes que ía contra o sostén das clases medias e populares. Non sen comprometer ao tempo un novo decreto con medidas económicas que se descoñecen. A crónica valorativa que envía para TN unha das analistas políticas máis recoñecidas nese país facilita unha comprensión e interpretación do momento crítico que padecen os ecuatorianos.

[ENTREVISTA] JARED LARSON, experto en política internacional e profesor na Universidade de Humboldt (California)

Por Luís Villamor

Veu a falar a Santiago de Compostela sobre o 11-S e a política exterior de Donald Trump, a quen acusa entre outras cousas de ter arruinado doce anos de diplomacia estadounidense, cincelada con presidentes de distinto signo político. O profesor Jared Larson, da Universidade de Humboldt (California), adéntrase nesta conversa, previa á súa conferencia que o IGADI organizou na Facultade de Políticas, na figura do presidente norteamericano, nas relacións comerciais entre dous xigantes -o seu propio país e China-, e non refuga a cuestión catalá. Estudoso das políticas de inmigración en España e Portugal, e da escasa implantación da extrema dereita, albisca con preocupación o crecemento de Vox, e cre que para o exercicio do dereito de autodeterminación das nacionalidades habería que modificar a Constitución, co engadido de que “ningún estado quere ceder territorio”. Mais observa:
“Como politólogo non vexo por que a xente non pode votar”.

Crónica viaxeira                                                            

IEMEN, A NOUTRORA ARABIA FELIZ. Por Moncho Iglesias Míguez

Argumenta [ciencia e tecnoloxía]                               

Entrevista. Antonio Piñero, estudoso do fenómeno relixioso. Por Miguel Vázquez Freire
Por unha teoloxía feminista. Por Lucía Santiago Díaz

Cultura                                                                           

INFORMES
O CGAC na cinta de Moebius. Por Isaac Pérez Vicente
A deriva do cinema de non-ficción  en Galicia. Por Beli Martínez e Xurxo González

Protexta                                                                         

Conversa con Miguel Vázquez Freire, por Montse Pena Presas
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa crítica                                                                   

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.

E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.

Todo isto e máis no número de novembro de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí