Mércores 29, Marzo 2023
HomeOutrosTEMPOS NOVOS Nº 264 · MAIO 2019

TEMPOS NOVOS Nº 264 · MAIO 2019

No número de maio de TEMPOS NOVOS

en destaque

POLÍTICA ELECCIÓNS E DEMOCRACIA. ZONA DE ALTOS RISCOS

Pasou o 28A, con tres noticias-base: fracasan as tres dereitas, as esquerdas manteñen o poder, e a entrada dos ultras no Congreso quedou amortiguada grazas á lección de civilismo democrático que deron as cidadanías de Euskadi e Catalunya. De Galicia tamén hai dobre noticia: o feudo Feijóo entrou en crise ao sobrepasalo o socialismo, e malia contribuir a manter a raia á extrema dereita, o nacionalismo, dividido, non terá representación en Madrid. Xogabamos en zona de altos riscos, e todas as lóxicas da política saltaron polo aire. Para o 26M as tendencias están máis claras. Pero non deberían os progresistas, de nación ou de Estado, deixarse levar pola preguiza democrática. Pola contra: segue sendo imprescindible resistir as embestidas do populismo reaccionario alí onde estamos chamados a revitalizar política e democraticamente o proxecto europeo, e tamén nos concellos, para que non impidan que os convirtamos en verdadeiras escolas de democracia. Coas colaboracións de Justo Beramendi, Manoel Barbeitos, Xosé Antón Jardón e Xosé Allegue.

en foco

A MAFIA POLÍTICO/MEDIÁTICA DE INTERIOR

O documental “Las cloacas de Interior”, que a práctica totalidade dos grandes medios españois se negaron a programar (a catalá TV3 e a vasca EITB foron a única excepción), adiantou dous anos antes o que agora un xuíz da Audiencia Nacional, Manuel García Castellón, está procesando a través dunha investigación que ten como fío condutor o excomisario José Manuel Villarejo, actualmente en prisión preventiva, e aos altos mandos policiais que deseñaron e estruturaron a por eles mesmos denominada “brigada patriótica”. Con que obxectivo? Co de desfacerse daqueles adversarios políticos que, directa ou indirectamente, representaban un maior perigo para o goberno de Mariano Rajoy e para o partido que o sostiña, o PP. Sen reparar en medios—un cento de policías de confianza adscritos a ese operativo e á UDEF, e cantidades de diñeiro extraídas dos chamados fondos reservados—, e utilizando métodos de espionaxe, falsificación de probas e intoxicación masiva, propios dunha ditadura. Por Carlos Montenegro.

UNHA VONTADE INCONFESÁBEL. O caso Altsasu.

Seguro que algunha vez lles pasou. Esqueceron acudir a un evento ao que non tiñan moitas ganas de ir, ou leron mal un escrito de xeito que o que entenderon, pola súa crúa sinceridade, rouboulles un sorriso, quizais tamén lembren cando Rajoy dixera aquilo de “prometemos baixar os impostos e estámolos subindo”. Estes fenómenos son exemplos do que a teoría psicanalítica denomina “actos fallados”, é dicir, aquelas manifestacións erradas que parecen revelar as nosas vontades reais, das que ás veces somos inconscientes. Mais non só os individuos podemos incorrer neses actos fallados: as institucións, ao seu xeito, tamén caen neles. Por caso, no sucedido en Altsasu cos oito mozos que veñen de ser condenados ata máis de 13 anos de cárcere para algúns deles. Por David Soto Díaz.

crónica

ANTONIO FRAGUAS. Unha vida dedicada á defensa da Cuyltura Patrimonial de Galicia. Por Francisco Calo Lourido.

entrevista

ANA ROMANÍ. Alertas no espazo público de comunicación.

opinión

EN QUE ESTADO DE VIABILIDADE SE ATOPA A CULTURA GALEGA? Coas opinións de Emi Candal, Marcos Lorenzo, Isaac Pérez Vicente, Alfonso Zarauza, Clara Rodríguez e Belén Pichel.

Protexta

Conversa coa poeta Olga Novo

Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa Crítica

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.

Coas nosas seccións habituais: vidas wassap, enREDadxs, natureza insólita, gabinete de curiosidades, corpos e almas, boi de canto, todo é peixe, e digo eu…, a velas vir.

Todo isto e máis no número de maio de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar https://temposdixital.gal/hemeroteca/#solicitar