No número de abril de TEMPOS NOVOS…
En destaque
A BATALLA DE ABRIL
Todos os prognósticos para o 28-A hanse coller con pinzas. Son unhas eleccións fortemente polarizadas. O bipartidismo derivou finalmente en bibloquismo: o bloque das tres dereitas de Colón chamando a arrebato para que Sánchez non teña a oportunidade de reactivar o bloque da moción de censura contra Rajoy. Porén, desde un tempo a esta parte a política sofre sorpresivos e permanentes xiros de guión, e nada está definitivamente escrito. Cunha hipotética segunda volta incluida. En Galicia, as augas tamén baixan turbias. Non será, polo demais, unha campaña ao uso. Nin polos contextos -a deriva ultrareaccionaria europea-, nin polas estratexias partidarias, coas redes sociais fermentando estados de opinión adulterada. TN achega voces que valoran o que nos xogamos -nós e Galicia- nesta batalla de abril. Coas colaboracións de Justo Beramendi, Celia Pereira Porto, Ramón López Facal, Mercedes Queixas Zas, David Soto Díaz, Amada Traba Díaze Antonio Campos Romay.
En foco
VALDEORRAS: UNHA RADIOGRAFÍA CRÍTICA
O Sil, ese río de augas encaixadas que busca no Miño o seu descanso definitivo, é a soldadura natural de canto, ladeiras arriba e abaixo, conformou desde os tempos da romanización asentamentos poboacionais que lle dan nome e identidade á comarca ourensá de Valdeorras. Co tempo, os modos de vida víronse alterados pola voráxine industrializadora da lousa, ese ouro negro que dá emprego e diñeiro, pero tamén provoca enormes entulleiras de estériles que matan a vida de ladeiras e aldeas.
Máis alá dese desafío económico/ambiental, as vides que un día plantaron os romanos nas ribeiras do Sil que percorre a por eles chamada Vía Nova tomaron posesión da paisaxe, e convertéronse cos anos noutro factor identitario. A isto contribúe a recuperación do Godello e do Mencía, as raíñas da Denominación de Orixe de Valdeorras, en viños que case medio cento de adegas exportan a medio mundo. De cara ao futuro, os entendidos sinalan a necesidade de cambiar o tamaño das explotacións, pensando en modelos asociativos. Con textos de Pedro Alonso Iglesias e Xosé Carballido Presas.
Crónica
ARCO´19
Con Perú como país convidado, cunha ollada rápida parecera que a pintura abstraccionista segue dominando o mercado da arte española: Millares multiplicados, Saura, Feito, Zobel, Tapies, en galerías non só españolas, tamén estranxeiras. E se finalmente a vella batalla a favor do regreso da pintura acabou triunfando? Miguel Vázquez Freire achéganos á edición deste ano de ARCO.
Entrevista
DIANA TOUCEDO, directora de Trinta Lumes
A realizadora Diana Toucedo, afincada en Cataluña, está a levar a beleza e o misterio do Courel por medio mundo. Trinta lumes recolle en imaxes un espazo máxico que se resiste a desaparecer, unha paisaxe que se vai conformando coas ondas diversas do devir do tempo, e no que o pasado se proxecta no vivir de cada día. Trala súa presentación mundial na sección Panorama da Berlinale, este filme con feituras de documental tamén pasou polo Festival de San Sebastián, o Festival de Málaga ou o Doc’s Lisboa. Acadou o premio á mellor fotografía no Cinespaña de Toulouse e a mellor longametraxe da sección Días de Cine no FilMadrid. A próxima travesía fílmica desta cineasta natural de Redondela vaina levar a outra paisaxe extrema: Puerto deseado, pola costa da Patagonia a bordo dun barco pesqueiro.
En Protexta, as críticas habituais do mundo literario e conversa con Antón Lopo arredor do seu libro Extraordinario, obra gañadora do Premio Repsol.
E ademais as nosas seccións habituais: Tode é peixe, Corpos e almas, Ciencia e pensamento, O café na trincheira, enREDadxs, Vidas whatsaap…
Búscanos en quioscos e librarías ou solicita o teu exemplar directamente en https://temposdixital.gal/hemeroteca/