Sábado 10, Xuño 2023
HomeOutrosTEMPOS NOVOS 291 · AGOSTO 2021

TEMPOS NOVOS 291 · AGOSTO 2021

En destaque                               

Co Xacobeo na gateira

PATRIMONIO VERSUS TURISMO

A confluencia entre a pandemia vírica, que se resiste a ceder, e os fastos do Xacobeo 21, que se negan a non ser, proporciónanos unha ocasión singular para a revisión crítica do concepto de patrimonio cultural e as políticas asociadas con el. Como se sinala no artigo da profesora da USC Nieves Herrero, o consenso sobre o valor do patrimonio cultural, referendado por organismos internacionais como nomeadamente a UNESCO, corre o risco de substraelo á sempre necesaria perspectiva crítica. Nese sentido é lexítimo preguntarse ata que punto a mercantilización da cultura non ten derivado, no caso do patrimonio, cara a unha turistización que en Galicia ten no Xacobeo a súa expresión máis acabada e case monopolizadora. Compárese a carga orzamental do goberno galego destinada ao Xacobeo e ao turismo (que é case dicir o mesmo) e a destinada especificamente a cultura, para a cal por outra banda se carece dun plan específico. Fronte a estes enfoques, hoxe dominantes en Galicia (e non só), nos artigos que compoñen este dossier propúgnase un enfoque crítico que, tendo en conta a ética da sustentabilidade, poña o acento na acción patrimonializadora aberta á intervención dos grupos sociais, consciente de que o patrimonio non é a memoria morta dun pasado arquivado para o ollo ocioso do turista, senón un instrumento capaz de deseñar o futuro polo seu poder cohesionador de grupos arredor de proxectos colectivos. Ademais do artigo da profesora Nieves Herrero, o dossier complétase cunha entrevista con Cristina Sánchez-Carretero, membro do INCIPIT, sección do CSIC dedicada ao estudo do patrimonio e actual presidenta da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE), e dúas reseñas de dous textos especialmente significativos na reconceptualización crítica da idea de patrimonio cultural.

En foco                                                                       

[POLÍTICA] NOVO EQUIPO, VELLOS PROBLEMAS

O 10 de xullo, equidistante entre a independencia yanqui e a toma da Bastilla, Pedro
Sánchez quixo engadir outra data histórica a un mes xa recargado remodelando a fondo
a parte socialista do seu goberno. Tan a fondo que deixou coa boca aberta a propios e
alleos. E naturalmente proclamou urbi et orbi, coa súa habitual retórica monocorde, a
boa nova: este equipo renovado traerá a curación de todos os males que padecemos por
feminista, municipalista, ecoloxista, progresista e demais istas benéficos do seu repertorio.
De verdade? Os problemas maiores seguen sendo os mesmos: pandemia rampante,
desigualdade e pobreza en aumento, xuventude sen futuro, devalo demográfico,
crise económica, dereitas intratables que bloquean o sistema sempre que poden, un
poder xudicial que libra a súa guerra particular e Cataluña, sempre Cataluña. Abondarán
oito caras novas para tanto enredo? Difícil. Por Justo Beramendi.

[SOCIEDADE] AS RAÍCES DO ODIO

É raro o día en que, pasando as follas do xornal, non acabo pensando: o mundo do dereito é ben retorcido. Nestas semanas, moitas persoas tentamos buscar explicacións ao incomprensible, despois do suceso que nos conmocionou, a brutal malleira que rematou coa vida do mozo Samuel Luiz na Coruña. A partir deste crime, abriuse o interrogante sobre o delito de odio neste caso e como está recollido no corpo lexislativo español, é dicir, a promoción, a incitación e a difusión de materiais, accións ou violencia cara a persoas pola súa raza, sexo, orientación sexual, identidade de xénero, entre outros. A miña vontade non é entrar neste debate legal senón que, como psicóloga, a miña mirada vai na reflexión sobre o instalado que está o discurso do odio na nosa sociedade. Por Mª Rosa Álvarez Prada

[SOCIEDADE] A herdanza de Xaquín Álvarez Corbacho. CONCELLOS GALEGOS: MÁIS SON MENOS

Feneceu recentemente quen fora catedrático de Facenda Pública e de Estrutura Económica, ademais de alcalde de O Grove na transición e vogal do Consello de Contas na etapa do goberno bipartito, Xaquín Álvarez Corbacho. Deixou como herdanza unha axenda de asuntos pendentes para a economía pública galega, que segundo apunta o articulista e tamén economista Albino Prada, deberían ser desenvolvidos sen demora. Entre eles, o de dotar a Galicia dun novo mapa municipal, que o profesor e tamén estreito colaborador de Tempos Novos agora desaparecido deixou descrito e argumentado nos seus libros, entrevistas e artigos. Coas provincias e deputacións (“…as deputacións son obsoletas…”) no punto de mira. Por Albino Prada

[CRÓNICA] A GALICIA POSTCOVID. Xornada de reflexión en Outes.

Aínda que sigamos reos da pandemia —coa quinta onda cebándose entre a mocidade—, o ritmo da vacinación que a ciencia puxo ao noso alcance en tempo récord permite pensármonos o suficientemente protexidos como para sopesar o tempo da postpandemia. Para tomar posicións na desescalada afrontando, sempre nun marco de pensamento crítico, a realidade social, económica, cultural e propiamente sanitaria que nos deixa a crise, e tentar revertela no menor periodo de tempo posible. Co obxectivo de contribuir a ese debate, a revista TEMPOS NOVOS e o Concello de Outes convocaron unha xornada de reflexión no Náutico do Freixo, tomando parte nela persoas que desde o activismo, as administracións e a universidade analizan os efectos nos diversos sectores e propoñen alternativas. A xornada abrírona o alcalde dese concello, Manuel González López e o director da publicación, Luís Álvarez Pousa.

[ENTREVISTA] ÓLIVER LAXE, CINEASTA E EMPRENDEDOR RURAL

Oliver Laxe tense convertido nos últimos anos, moi ao seu pesar, nun dos personaxes galegos que máis interese suscita. E non só polos seus tres filmes premiados en Cannes ou por O que Arde, que é o primeiro filme premiado na historia deste festival rodado integramente en galego. O interese ten moito que ver co compromiso vital do cineasta coa recuperación da casa dos seu clan na aldea de Vilela, en Navia de Suarna, nos Ancares. Un proxecto de recuperación que xa está funcionando como motor do desenvolvemento dunha comarca do interior abandonada á súa sorte dende hai décadas. Vítima, xa que logo, dese proceso de obsolescencia programada de amplas zonas do rural galego. Unha entrevista de Aser Álvarez e Xosé Allegue.

Todo é peixe                                                               

[CRÓNICA VIAXEIRA] BAHRAIN, UNHA PONTE A ISRAEL

Bahrain é un arquipélago composto por unha trintena de illas apenas habitadas e unha illa maior arredor da cal se construíron illotes artificiais. A pequenez deste reino árabe, menor cá comarca da Limia, non impediu que fose e sexa o centro de atención de historias que serven para escribir o mundo. Valen de exemplo a teoría de que o xardín do Edén se sitúa neste paraíso ou a actual práctica unión de intereses con Israel. Por Moncho Iglesias Míguez.

Cultura                                                            

[CRÓNICA] ARCO DA POSPANDEMIA

A edición de ARCO no contexto actual ten unhas características de seu, neste verán do 2021 onde aos poucos vai diminuindo o impacto do virus e a sociedade asiste a un cambio de paradigma imposto pola hexemonía dixital. Arañeira global que vai definindo xeitos de vida e valores, no triunfo da denominada con tino sociedade do espectáculo. Por Antón Patiño.

[CRÓNICA] 38 MITCF DE CANGAS DO MORRAZO. A ESCOLA DO TEATRO

Aínda facía fresco cando empezou o primeiro festival estival de teatro deste ano. Boa parte da programación da 38 Mostra de Cangas (MITCF), do 1 ao 10 de xullo, tamén foi fresca. Botamos moito de menos, iso si, a un dos seus principais promotores, Xosé Manuel Pazos. O día 1 inaugurouse unha exposición e fíxoselle un grande acto de homenaxe, coordinado por Casilda Alfaro, no que a Concelleira de Cultura confirmou que o Auditorio Municipal levará o nome do dramaturgo e alcalde da Cangas. Ademais, a Asociación Academia Galega de Teatro concedeulle, a título póstumo, o seu premio de honra. Por Alfonso Becerra de Becerreá.

Agosto de lecer                                                         

En medio dunha quinta onda da pandemia que encolle de preocupación o corazón de agosto, o tempo de lecer vólvese refuxio e á vez un incitador de novos ou recuperados hábitos individuais. O da lectura, para reompoñer ideas e imaxes, ficcionadas ou non, o estado de zozobra mental que nos ten presos. O da música, que abre novos escenarios sensoriais nos que abandonar medos e desesperanza. O das series de televisión, que reproducen e á vez iluminan o lado escuro das crises. Velaí as recomendacións de autores e obras ás que recurrir nas horas lentas deste agosto de transición, aportadas por tres escritoras e críticas (Eva Moreda, Lorena Gómez e Antía Monteagudo) e polo tamén escritor e crítico Manuel Forcadela. Da selección musical encargouse o noso crítico Carlos Rego. Das series de TV ás que acudir encargouse o tamén crítico de TN, Luis Ogando.

E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de agosto de TEMPOS NOVOS.