Non é asunto novo, non. De feito é reiterativo, e case sempre para mal. Cada vez que o cambio climático asoma nos medios é para engadir maior desasosego de cara un futuro que xa se nos bota enriba.
Os vinte e tres anos de TEMPOS NOVOS estiveron inzados de artigos, informes e dossieres nos que mostrabamos tamén a nosa preocupación diante da nefasta situación medioambiental e os constantes pasos adiante e atrás cos que os organismos internacionais e os gobernos parecían evitar tomar decisións para un verdadeiro avance na redución das emisións á atmosfera.
Contamos para iso coas colaboracións de, entre outros, Xabier Vázquez Pumariño, biólogo e consultor ambiental; Xoán Ramón Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC; Juan José López de Uralde, activista de Greenpeace; Xosé Veiras, biólogo; Isabel Pardo Gamundi, catedrática de Ecoloxía na Universidade de Vigo; Fernando Cobo, director da Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da USC.
No número 8, en xaneiro de 1998, un amplo traballo de investigación de Carlos Suárez puña o foco na chuvia aceda cando Galicia era, xunto co centro de Alemania e o sur de Gran Bretaña, unha das zonas máis afectadas por este fenómeno. E xa daquela aparecían como protagonistas as centrais térmicas de ENDESA (As Pontes) e de UNIÓN FENOSA (Cerceda). As deposicións acedas causaban xa problemas respiratorios nas persoas, corrosión do patrimonio histórico, defoliación e morte dos bosques autóctonos e queima xeralizada nos cultivos.
Esta entrevista a Juan José López de Uralde formaba parte daquel traballo.
No número 87, en agosto de 2004, formando parte dun dossier sobre unha daquela inminente ameaza de cambio climático, prestabamos atención ao Protocolo de Kioto. Coincidían científicos de todo o mundo en que a posibilidade dun violento cambio climático xa non era cousa de ficción (acababa de estrearse O día despois), senón que xa se estaba producindo.
No número 118, en marzo de 2007, un traballo de investigación de Aurelio Castro prognosticaba a nova faciana da Galicia se se cumprisen os agoiros do cambio climático.
Estes son só algúns. Non foron os únicos nin serán os últimos.