Luns 2, Outubro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº310

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº310

EN DESTAQUE                             

As rías, con ENCE ao fondo

LITORAL INVADIDO

Na súa compoñente paisaxística e biolóxica, as rías galegas conforman un particular ecosistema. Son fonte de vida e desenvolvemento. Unha regalía que durante anos e anos fixo da franxa costeira -mil cincocentos quilómetros nada menos- un corredor de biodiversidade e biomasa de seres vivos. Porén, a fotografía das rías e dos seus entornos marítimo/terrestres amosa as marcas dos depreda-dores. A sentenza do Supremo que sorpresivamente autoriza a prórroga de Ence en Lourizán veu reverdecer a polémica, tan só días antes de que Bruxelas esixise explicacións ao goberno español porque casos así estarían vulnerando a Directiva de Servizos da UE, vixente desde o 2009. A super-vivencia do litoral galego, e a do ecosistema integrado polas rías, está ameazada por este tipo de industrias contaminantes, pero tamén polos efectos degradantes de políticas públicas que en boa medida teñen como incentivo as contraprestacións dos lobbies da construcción, das grandes ener-xéticas e da hostelería turística. Insistir nesa tendencia, como fai o anteproxecto de Lei do Litoral que tramita o goberno de Rueda, é sacrificar aínda máis a actividade pesqueira tradicional -que se verá alterada ademais pola instalación dos muíños marinos- e os modos de vida dos galegos. Algo que se ben non sorprende, porque en 38 anos no poder nunca o PP asumeu unha verdadeira ordenación do conxunto do territorio, da que tamén ha formar parte o litoral, desafía a legalidade e traizoa o deber que ten un goberno democrático de salvagardar o noso patrimonio natural. Tolerar unha invasión tan brutal do litoral é irresponsable. E intolerable. TN argumenta por que.

Inclúe os artigos:
Un ecosistema degradado, por Joám Luis Ferreiro Caramês
A propósito de ENCE, por María do Carme García Negro
Maquiavelo e a lei do litoral, por Xosé Allegue e  Esperanza Costa

AS CLAVES                                              

[GALICIA] COMO SE ARRUÍNA UNHA RÍA, COMO SE VENDE UN PRESIDENTE

Como vender a Rueda é a maior preocupación da Coalición Inmobilista. O seu coñecemento non se traduce en mellora da súa valoración política. Arestora, as sondaxes sinalan pobres resultados nas eleccións locais. Febreiro deixou unha sentenza infame do Tribunal Supremo, estimada como un triunfo polo PPdeG, que legaliza a continuidade de Ence na ría de Pontevedra até 2073. O litoral, axiña, cartografará unha nova fronte de conflitos en defensa dos bens comúns que, como a masiva manifestación en defensa da Sanidade Pública, sinala o camiño de construción dunha alternativa de cambio. Por Manuel M. Barreiro.

[HISTORIA] LEMBRANZA DE MURGUÍA

Este 2 de febreiro cumpríronse cen anos da morte de Manuel [Martínez] Murguía (1833-1923), e asistimos a unha fervenza de moi merecidas conmemoracións das que Tempos Novos non podía estar ausente. De aquí esta breve síntese sobre a vida e obra de quen sentou as primeiras bases ideolóxicas do nacionalismo galego moito antes de que este se expresase políticamente como tal, ademais de anovar de raíz a historiografía galega do seu tempo. Por Justo Beramendi

[ENTREVISTA] CARLOS BARROS, historiador e investigador dos Irmandiños

Despois de moitos anos de militancia activa no Partido Comunista de Galicia, Carlos Barros retoma en democracia a súa vocación intelectual, que o leva ata a docencia e a investigación na universidade. A súa tese de doutoramento, centrada nunha das etapas máis ficcionadas da nosa historia, a que se corresponde coa revolta irmandiña, en plena Idade Media, comprometeuno no afán por desvelar documentalmente o que realmente sucedeu. Por caso, que os Irmandiños, contra o que nos veu trasladando a versión oficial, non foron derrotados. Ese é tamén o ámbito do coñecemento ao que se dedica como docente na USC. Por Manoel Barbeitos

LUCES LARGAS                                              

[ARGUMENTA] PENSAMENTOS E RESISTENCIA

Argumenta propón este mes un achegamento á figura e obra de Josep María Esquirol, filósofo, ensaísta e catedrático de Filosofía da Universidade de Barcelona, empeñado en mostrar como alternativa a experiencia humana que se agocha nas palabras, nos xestos e actitudes da vida cotiá. É como entende a resistencia fronte a deshumanización tardocapitalista que nos desafía. Por Miguel A. M. Quintanar e Luís G. Soto

CULTURA                                              

[ENTREVISTA] HENRIQUE ALVARELLOS, presidente da Asiociación Galega de Editoras

A Asociación Galega de Editoras acada neste 2023 catro décadas de existencia. Ten sido, pois, espectadora de excepción dun tempo de evolución e normalización da cultura galega e, simultaneamente, de preocupante perda de falantes da lingua propia de Galicia. O seu presidente, o editor Henrique Alvarellos, recunca no cargo logo da elección dunha nova directiva a fins do ano pasado. Cun horizonte onde se perciben luces e sombras, fía na conversa o pasado co presente, pero fai fincapé no futuro e nos desafíos que agardan. Por unha banda, a internacionalización do libro galego, isto é, a translación exterior dun poderoso torrente creativo que hoxe é a cultura e nomeadamente a literatura galega. Pola outra, ser profeta na terra, ou o que é o mesmo, animar ás galegas e aos galegos a optar polo libro no noso idioma. Por Francisco Cortez-Lobão Sineiro

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

Tamén neste número…

TODO É PEIXE
[OLLO PÚBLICO] CONTRA TODO PROGNÓSTICO, CHOVE, por Moncho Fuentes/ Camilo Franco
[ENTREVISTA] SANTIAGO ALONSO FERRAGUD, escritor, por María Xosé Porteiro
[CÓMIC HISTORIADO] LAUREANO, por Juan R. Coca e Eduardo Esteban
[NATUREZA INSÓLITA] RASA CANTÁBRICA, por Roxelio P. Moreira
[BOI DE CANTO] MINORISTAS E MINORITARIOS, por Alberte Santos Ledo