EN DESTAQUE
Lei europea in extremis
DESALAMBRANDO OS MEDIOS
A Comisión Europea vén de abrir o proceso de debate e aprobación dunha lei que sirva para protexer a pluralidade e independencia dos medios de comunicación europeos, para vixiar unha excesiva concentración do sector, forzar unha maior transparencia empresarial, regular a publicidade institucional, protexer os contidos on-line e establecer salvagardas que amparen tanto aos xornalistas como ás súas fontes de información. A xulgar por como foi presentada esta iniciativa -sometida a consulta pública entre xaneiro e marzo deste ano-, cómpre interpretala como unha reacción in extremis fronte a canto está supoñendo un progresivo e imparable deterioro dos diferentes sistemas de medios e, en consecuencia, dos valores que substantivan e lubrifican a democracia. De conseguir a súa aprobación, Bruxelas abandonaría por fin a súa tradicional desidia institucional -ata agora, as súas políticas fiábano todo ao mito da autorregulación empresarial e profesional-, para abandeirar unha estratexia de regulación que choca abertamente co estilo laissez faire, laissez passer que, agás no caso británico (BBC), veñen practicando desde hai corenta anos os gobernos dos diferentes Estados membros. A lei tenta impedir, por caso, que un presidente dunha CRTVE teña que dimitir -como vén de facer Pérez Tornero- polas inxerencias político/partidarias na súa xestión. Ou que os gobernos de Feijóo e Rueda manteñan os medios da CRTVG sometidos ao seu servizo, aínda que iso comporte seguir tendo secuestrada a normativa que os rexe. Por Carlos Montenegro
[REPORTAXE] O GALICIAN PROGRAMME DA BBC. ENTRE O FITO HISTÓRICO E O MITO
Durante case nove anos, entre abril de 1947 e xaneiro de 1956, a BBC de Londres emitiu uns programas culturais en catalán, galego e vasco, organizados desde a Sección Española da emisora, e dirixidos ás audiencias do interior e do resto do mundo, pois por seren en onda curta chegaban incluso ás comunidades americanas. Tanto o seu nacemento como o seu desenvolvemento e peche foron decisións políticas dun Foreign Office suxeito ás distintas visións de España e do mundo dos sucesivos gobernos ingleses, de Clement Atlee (laborista, 1945-51), Wiston Churchill (conservador, 1951-5) e Anthony Eden (conservador, 1955-57). Para o sistema cultural galego, tan precisado de referentes, a simple existencia destas emisións, independentemente dos seus contidos e os seus niveis de seguimento, son un fito histórico que case adquiriu a condición de mito de orixe da radio en galego, construído sobre o que nos contou Francisco Fernández del Riego, único dos protagonistas que escribiu sobre o tema. Por Afonso Vázquez-Monxardín
AS CLAVES
[POLÍTICA] NEGRO HORIZONTE
“Pasou o verán. Uns volveron do lecer “sofrindo” esa carallada de benestantes que chaman síndrome posvacacional, outros aforraron a doenza porque non puideron marchar. E agora, que tal estamos? Mal, grazas. E non é broma, que non está a cousa para chanzas”. Así encabeza o cronista político o relato do que se coce nos escenarios onde a vida das sociedades está sometida a estratexias xeopolíticas que moven os marcos dun mundo en ebullición, e a políticas de impacto, que radicalizan a confrontación e e tensionan a nosa convivencia. Por Justo Beramendi
[GALICIA] DO PLAN RUEDA Á MEMORIA DE FUTURO DO BNG
Iniciouse un novo curso político que rematará, se non hai alteración do calendario electoral, no outono de 2023. Eleccións municipais e autonómicas na primavera do vindeiro ano que han de ser valoradas coma unhas primarias e un indicador de tendencias de cara ás eleccións xerais de novembro. En Galicia, testarase a solidez do PPdeG posfeixoniano e o voto urbano determinará se a correlación de forzas será, no futuro, máis favorable ao cambio ou ao continuísmo político. Na reentré, Rueda aventou un novo plan de acción co que engraxar a maquinaria electoral do que cualificou coma o mellor goberno do Estado. O almanaque rexistrou tamén a presentación, un tanto oblicua e esquiva, de Sumar en Galicia e a celebración da memoria de catro décadas de historia do BNG. Os desencontros cos outrora aliados soberanistas e municipalistas pexan o novo proxecto de Yolanda Díaz. O corenta aniversario ofrécelle o BNG a oportunidade de agrandar os seus capitais simbólicos e políticos como forza do cambio político en Galicia. Por Manuel M. Barreiro
[ENTREVISTA] CARLOS CALLÓN, autor de O libro negro da lingua galega
Carlos Callón atópase mergullado nunha intensa promoción da súa última obra sociolingüística, O Libro Negro da Lingua Galega. Un intenso percorrido, froito de anos de traballo, por unha xenealoxía de agresións ao idioma propia de Galicia dentro dunha estratexia xeral de uniformación lingüística do Estado que se enceta, precisamente, no noso país e en data temperá. Filólogo de formación, doutorado en Estudos Lingüísticos cunha tese sobre as relacións entre persoas do mesmo sexo na troba medieval galega, ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na actualidade imparte aulas no Instituto Espanhol de Lisboa. Nesta demorada conversa mestúranse datos concretos co contexto xeral sobre a historia da represión exercida contra a lingua galega, coma un horizonte que encadra episodios de dor, de vergoña e de resistencia. Como esteo, o investigador dispón sucesivamente fontes diversas, vivas, documentais, agochadas ou públicas, que foi xuntando coa paciencia de quen ten que acometer traballos longamente adiados. Por Francisco Cortez-Lobao Sineiro
[GLOBAL] A GRAN BRETAÑA DO SÉCULO XXI NUNCA SE VIU TAN MEDIEVAL
Calquera no Reino Unido que se imaxinou que vivía nunha democracia representativa, unha na que os líderes son elixidos e responsables ante o pobo, atopouse cun duro espertar nos pasados días e semanas. Os horarios de televisión foron varridos a un lado. Os presentadores deberon vestir de negro e falar en voz baixa. As portadas foron uniformemente sombrías. Os medios británicos falaron e seguen facéndoo cunha soa voz respectuosa sobre a Raíña e o seu legado intachable. Westminster, mentres tanto, foi desposuído de esquerda e dereita. Por Jonathan Cook
Solicita o teu exemplar aquí
Mandámoscho directamente ao teu domiclio
TODO É PEIXE
[CRÓNICA] LONDRES OU A CULTURA DA DIVERSIDADE
No pasado mes de agosto afrontei dúas materias pendentes: mellorar o meu precario nivel de inglés, por unha banda, e pola outra coñecer Londres. A capital británica sempre foi considerada unha das grandes urbes europeas e un dos centros neurálxicos da creación artística en diferentes eidos. A min nunca me chistou iso do turismo, así que fun traballar e intentar, dentro das miñas posibilidades e limitacións, integrarme na vida londiniense. Isto non é fácil nun mes como o de agosto. Porén, nunha cidade duns nove millóns de habitantes, case todo é ou parece posible. Por Afonso Becerra de Becerreá
CULTURA
[DEUS A GODARD] AO FINAL TODOS NOS QUEDAMOS SEN ALENTO
[CONVERSA] LUZ DARRIBA, escritora
[CRÍTICA] Libros, cinema, arte, teatro.
LUCES LARGAS
[ARGUMENTA] HISTORIA, INVESTIGACIÓN E MANIPULACIÓN
Desde hai un tempo, obsérvanse notorios intentos de instrumentalización da historia desde diferentes instancias políticas, algo visible non só en España. Sobre isto, e sobre o papel que o estudo científico e académico debe adoptar con respecto a este debate, Tempos Novos conversa co catedrático de Historia Moderna da USC, Isidro Dubert. Complementa a sección a perspectiva filosófica, a cargo de Miguel Anxo Martínez Quintanar, quen analiza a posición de Adorno respecto da historiografía moderna. Por Isidro Dubert
[ARGUMENTA] THEODOR W. ADORNO: HISTORIA E SENTIDO
Nas sociedades do capitalismo avanzado, a noción de historia experimenta xiros preocupantes. Xa non é obvia para a conciencia individual. Tampouco substancial na constitución das subxectividades dixitais. Non obstante, canto máis se esquece e oculta a historia, máis irresistible é o afán de interpretala desde paradigmas alucinatorios. O curso impartido polo filósofo crítico Theodor W. Adorno, Sobre la teoría de la historia y de la libertad (1964-1965) (Eterna Cadencia, Buenos Aires, 2019, 495p.), deita luz sobre tendencias que hoxe agroman entre as forzas históricas e anti-históricas. Por Miguel. A. García Quintanar
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.