Luns 2, Outubro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº302

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº302

EN DESTAQUE                             

Expreme poboación

TURISMO A GRANEL

Viaxar convertiuse nun imperativo social, e todo lugar quere ter a súa propia atracción turística. Compiten niso os políticos e as políticas públicas. Ata o punto de que espazos naturais como o da praia das Catedrais e cidades históricas como a de Compostela acaban sendo vítimas dun turismo invasivo que desnaturaliza gravemente o seu carácter e a súa calidade de vida. Inclúe colaboracións de Iago Lestegás, Gonzalo Rodríguez e Anxo Rabuñal.

AS CLAVES                                

[POLÍTICA] PINTAN BASTOS NO MAPA ELECTORAL ESPAÑOL

Tendo en conta a sobrecarga de ruído españolista que acompañou o día a día da campaña andaluza, era de esperar que o día despois rompese augas en todos os faladoiros públicos nesa mesma sintonía. O chamado “efecto Feijóo”, que o nacionalismo mediático español asumiu como marca opositora contra Sánchez e o goberno de coalición, absorbe o relato político nas cabeceiras da maior parte da prensa escrita e na programación do duopolio televisivo privado. Pero hai nos resultados do sur outras lecturas que rompen as estreiteces dese polarizado enmarcaxe militante. Están de manifesto nesta crónica valorativa de TN. Por Justo Beramendi

[GALICIA] ANTE A CRISE, SERVIR E PROTEXER A RUEDA

Do not significant harm. Non causar dano significativo é un dos principios da xestión ambiental da Unión Europea que se tornou, hai tempo, na norma básica de relación da prensa coa Xunta. En Galicia, a axenda informativa dominante e a maioría da opinión publicada obedecen a esa directriz proteccionista. Tras a marcha de Feijóo e a estrea de Rueda, a esixencia aos medios para non causar dano significativo é moito máis imperiosa. Non é ano electoral en Galicia, pero é ano Xacobeo e vale para multiplicar o gasto en propaganda. Convenios e patrocinios suman cifras de escándalo e acompañan o ronsel triunfal de Feijóo como presidente do PP e os primeiros pasos de Rueda. A Coalición Inmobilista sinala a quen hai que servir e protexer. Por Manuel M. Barreiro

[GLOBAL] ALXERIA PLÁNTALLE CARA A MADRID

Confiando na súa nova posición estratéxica, que lle confiren a invasión rusa da Ucraína e a crise enerxética mundial, Alxeria non dubida en plantar cara a Madrid, mesmo a risco de comprometer a súa relación coa Unión Europea. A comuñón histórica con Moscova, unha situación socioeconómica cada vez máis morosa, cun Hirak (movemento, literalmente) que aspira a remover os alicerces do sistema de poder militar e, co gallo do Sáhara Occidental, o veciño marroquí sempre no punto de mira, son algunhas das chaves que contribúen a descifrar a deriva estratéxica alxerina. Por David Alvarado

[ENTREVISTA] XOSÉ CARLOS ARIAS, economista

O libro Laberintos de la prosperidad (Galaxia. Gutemberg, 2021) sírvenos de guía para entrevistar a un dos seus autores, Xosé Carlos Arias, catedrático de Política Económica na Universidade de Vigo, un dos analistas cos que conta habitualmente TN para interpretar a actualidade que chega enmarcada na súa área de coñecemento. Nesa nova obra, que ten ao tamén recoñecido economista e ensaísta de orixe galega Antón Costas ao segundo dos seus autores, ambos os dous abordan con valentía e rigor intelectual a complexidade que agocha actualmente nas entoldadas augas da economía e a política democrática. Con que propósito? Co propósito de desvelar e analizar todo o que está condicionando os procesos de cambio e transformación que se visualizan a través da chamada dobre transición, tecnolóxica e medioambiental, e dos fenómenos que parecen estar provocando a crise da que coñecemos como globalización. Coa crise pandémica e a guerra ucraína actuando nesa crise de crises á maneira de potentes e violentos detonadores. Por Manoel Barbeitos

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

TODO É PEIXE                            

[CONVERSA] ALBERTE SANTOS LEDO, consultor de comunicación, xornalista e escritor

O coruñés Alberte Santos Ledo vén de publicar a súa segunda novela, A muller de lona en Laiovento, editorial na que tamén publicou en 2015 O rebumbio dos vagalumes. A través da ficción ofrece unha mirada crítica ao que está constrinxindo a nosa condición de homes e mulleres contemporáneos. Faino a partir do coñecemento adquirido ao longo dos seus anos de profesión en ámbitos ligados ao mundo da comunicación. Primeiramente como xornalista -nos grupos Zeta e Vocento, entre outrose dende mediados dos 90 como consultor de comunicación e estratexia dixital -na consultora CEO Evercom da que é cofundador, con estrutura empresarial en Madrid e Barcelona-. Sen deixar nunca que Galicia, a súa cultura e a súa lingua acabasen relegadas no seu programa vital, político e social, de prioridades. Mantén mes a mes a sección Boi de canto en TN. Por Manuel Forcadela

LUCES LARGAS                         

[ARGUMENTA] A EDUCACIÓN DIXITAL, TODO UN RETO NA ESCOLA

Da crise da educación leva falándose desde o último cuarto do pasado século, se non preferimos recoñecer que se trata simplemente dun dos temas recorrentes ao longo de toda a historia. Os textos que presenta Argumenta poñen o acento en dúas cuestións que acadan especialmente relevancia nos debates recentes. Por unha banda, a introdución das novas tecnoloxías no ensino, a partir dunha investigación que se levou a cabo nas comunidades de Galicia, Canarias e Valencia. Por outra, a controversia arredor do que algúns cualifican como “novas pedagoxías”. Por Manuel Area, Jesús Rodríguez, Silvia López e Montserrat Castro

[XÉNERO] A SEXUALIDADE E A PROSTITUCIÓN COMO INSTITUCIÓN PATRIARCAL

A lei que avoga por abolir a prostitución pasou o seu primeiro trámite no Congreso, e volverá á cámara para a súa aprobación definitiva. Na votación quedou en evidencia a división entre quen ven a prostitución como unha violencia contra as mulleres, unha opinión maioritaria ao contar co apoio de PSOE, PP e parte de Podemos (os de En Común votaron non), e quen defenden a liberdade sexual dos que a exercen e queren regulala. A autora deste artigo, defensora da abolición, vai máis alá do estritamente legal para contextualizar o fenómeno social da prostitución na industria do sexo e na maneira deturpadora de abordala que teñen os medios de comunicación. por Isabel Menéndez

[ECOLOXÍA] AEROXENERADORES ECOLÓXICOS FRONTE A “OUROXENERADORES” ESPECULATIVOS

En 1996 someteuse a consulta do Consello Galego de Medio Ambiente (entón COGAMA, hoxe COGAMADES) o “Proxecto de Ordenamento Eólico da Comunidade Autónoma de Galicia”, tamén denominado “Plan Eólico Estratéxico de Galicia” (PEEG). Como representante de SGHN, formei parte da Comisión de Traballo que se creou para avaliar o citado plan e propoñer un ditame ao Pleno do Consello. Incomprensiblemente (ou non), aos membros da Comisión só nos deixaron ver o volume de conclusións, agochándonos os outros 10 malia as nosas protestas. Esa foi toda a información pública e a tramitación ambiental do PEEG. Malia tratarse dun plan estratéxico, a Xunta encargoullo a unha empresa privada, casualmente (?) a APASA-GAMESA, que se converteu en xuíz e parte pois daquela tiña concedida o 22 por cento de toda a potencia eólica aprobada. Folga dicir que os intereses privados primaron sobre os públicos e os ambientais. por Serafín González

CULTURA                                   

[CONVERSA] MIGUEL ANXO SEIXAS, investigador

A aparición da monumental biografía de Afonso Daniel Rodríguez Castelao que está a publicar a Editorial Galaxia a razón dun volume por ano é, sen dúbida, un acontecemento de magnitude extraordinaria, e isto non só pola evidente dimensión histórica do biografado senón polo detalle e amplitude do seguimento do biografista. Puxémonos en contacto co autor, o investigador Miguel Anxo Seixas, para dialogarmos sobre esta aventura múltipla e as súas condicións históricas e de actualidade. Por Manuel Forcadela

[CINEMA] TRES FILMES GALEGOS NO DOCUMENTA MADRID

O pasado mes, Madrid, ademais de ser España dentro de España, foi un pouco Galicia fóra de Galicia. Non só pola inxente cantidade de galegos que tiveron que migrar nas últimas décadas buscando traballo no paraíso centrífugo neoliberal, senón por motivos positivos. O festival Documenta Madrid contou na súa programación con tres documentos audiovisuais galegos que nos falan dende sitios distintos das feridas do pasado, como seguen a supurar no presente e como buscamos cauterizalas. Por Luís Ogando

Todo isto e máis no número de xullo de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí