Martes 6, Xuño 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº298 · MARZO 2022

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº298 · MARZO 2022

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

En destaque                               

Informe

UCRAÍNA, GUERRA EN EUROPA

Na madrugada do pasado 24 de febreiro, as tropas rusas fixeron soar os tambores de guerra en Ucraína. Un ataque directo ao corazón dun estado soberano, baixo o pretexto enmascarador dunha operación militar especial que ten como finalidade desmilitarizalo e desnazificalo. Cando pechamos a edición de TN, delegacións de Rusia e Ucraína negociaban nun lugar de Bielorrusia unha posible saída ao conflito, que tras os primeiros cinco días de violentos enfrontamentos atopou no exército ucraíno e nos cidadáns unha sorprendente capacidade de resistencia contra os invasores. Porén, o Kremlin desta vez enmarcou a súa agresiva estratexia nun camiño sen volta. Nunha escalada que pon en evidencia a súa non declarada intención de trasvasar os límites ucraínos para desafiar a Europa. E a Occidente no seu conxunto. A utilización da ameaza nuclear por parte do presidente Putin ten ese significado. Máis alá de Europa, a outra gran potencia nuclear, os EUA, pondera e dosifica o seu protagonismo nesta ofensiva rusa tendo moi en conta a posición, ata o de agora de perfil baixo, que adopte China en apoio de Rusia. Porque, como apunta no seu artigo o analista de política internacional e experto en China, Xulio Ríos, podería chegar a producirse un segundo tempo desta crise, pero no Pacífico e con Taiwán como escenario, constatando entón que Putin en Ucraína só foi por diante, abrindo camiño. Unha outra perspectiva que ten na disputa por rexerarquizar a orde xeopolítica do mundo o seu epicentro. Coas colaboracións de Xulio Ríos e Alexis B. Romanov.

As claves                                                                    

[POLÍTICA] ALIMENTANDO A VOX

Os tacticismos miopes, a demagoxia e o xogo sucio –males presentes sempre en maior ou menor medida na política- subiron a nivel de sobredose en España no último mes, acelerando a crecente degradación da súa democracia. Degradación que é moito máis perigosa para a supervivencia do sistema cando pode ter como principal beneficiaria a unha ultradereita que xa non é marxinal senón relevante de abondo. E este é o noso caso. Tres episodios acontecidos nas pasadas semanas ilustran ben ese proceso e ese perigo. Por Justo Beramendi.

[GALICIA] DO ÉXITO DAS TANXUGUEIRAS E O PASO ADIANTE DE FEIJÓO

En Galicia, a política oficial choupa no inmobilismo e no desmaio. A normalidade dos cuarteis de inverno de Feijóo: proxectos en estado de renuncia, rutinas burocráticas, propaganda evasiva, ocultación, silencios forzados e ausencia de iniciativa alén do laio reivindicativo, incendiario pero impotente, diante do Goberno do Estado. A súa prioridade, agora, é ordenar as súas ambicións. Por Manuel M. Barreiro.

[ECONOMÍA] TEMPO DE INCERTEZA

Vivimos tempos de incerteza en tódolos ámbitos da vida colectiva, e en particular na evolución da economía. Non é algo de agora mesmo, senón que arrastrámolo desde hai una ducia de anos, cando -crise financeira mediante- deixamos atrás un mundo que foi imaxinado como estable, seguro é predecíbel. Sen embargo, desde 2008 sucedéronse os golpes inesperados, as sorpresas -a maioría das veces desagradables- e os problemas novos na realidade da economía mundial. Coa pandemia, todo elo exacerbouse, e internámonos xa nunha dinámica de inseguridade e duda extremas, ao que lle vai ben a denominación de “incerteza radical”. Xosé Carlos Arias

[ECONOMÍA] FINANCIAMENTO AUTONÓMICO E BENESTAR SOCIAL

Parece que o goberno español (PSOE/UP) quere rematar coas insuficiencias nas que se apoia o actual sistema de financiamento autonómico -Lei 22/2009 do 18 de decembro, B.O.E. nº 305 do 19/12/2009-. De ser así, benvida sexa esta iniciativa, especialmente se camiña na dirección tanto de aumentar a autonomía e a corresponsabilidade financeiras das CCAA como de incrementar a súa equidade e a suficiencia. O analista quere facer constar que as teses expostas no seu artigo son debedoras dos traballos que sobre o tema publicaron os profesores Álvarez Corbacho, Antoni Castells ou Ángel de la Fuente. Por Manoel Barbeitos.

[GLOBAL] BARALHAR OS DADOS PARA UN NOVO PANORAMA POLÍTICO

O adianto electoral en Portugal premiou a estratexia de António Costa, o primeiro ministro que gobernaba en minoría. Coa maioría absoluta que lle outorgaron as urnas, puido conformar un executivo monocolor, sen ter que seguir dependendo da outra esquerda (Bloco e PCP), a mesma que nas eleccións do 2015 compartira o poder co PS dando pé ao novidoso experimento da geringonça. O experimento é agora auga pasada. E o campo de xogo político, malia a estabilidade gobernamental, queda bastante alterado, coas esquerdas enfrontadas, coa dereita tradicional sen afianzar lideratos e coa extrema dereita empodeirada. Como e por que se chegou ata aqui? Por Patrícia Sila e Joege Tavares da Silva.

Entrevista                                                                    

MANUEL CALVELO, exiliado galego, comunicólogo soocial

“A mocidade vai gañar espazos de poder despois desta pandemia”

Manuel Calvelo é un home cuxa biografía se estende por dous continentes e por un gran número de países. Nacido en Curtis en 1933, a represión franquista caeu con forza no seu máis íntimo círculo familiar. O seu pai, Manuel Calvelo, médico, foi fusilado. A súa nai, Isabel Ríos Lezcano, sufriu anos de prisión. Dende moi novo viviu na Arxentina, e posteriomente en Chile. Cruzan a súa biografía coma fendas que cortasen o seu camiño ditaduras militares e golpes de Estado, dende Franco a Pinochet. Investigador en comunicación, desenvolveu o modelo teórico de comunicación Intelocutor- Mensaxe Interlocutor. É experto da FAO en pedagoxía masiva audiovisual e cofundador da Televisión Educativa Arxentina e a Televisión Nacional Chilena. Este mes de febreiro, visitou Galicia para participar en dúas actividades. Por unha banda, a presentación da tradución ao galego, do libro ‘Testemuño da guerra civil’ da súa nai, Isabel Ríos, editado por Galaxia. Pola outra, a participación no coloquio ‘Comunicación para o cambio social’ no Museo das Peregrinacións. Por Francisco Cotez-Lobão Sineiro

LUCES LARGAS                                         

[ARGUMENTA] ENTREVISTA A FEDERICO LÓPEZ SILVESTRE

federico López Silvestre (Santiago, 1973) é profesor titular de Estética e Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Imparte tamén cursos sobre Estética e Filosofía da Paisaxe na Facultade de Filosofía da mesma Universidade. Mantén unha dedicación investigadora á temática da paisaxe que o converten nun dos máximos expertos internacionais no tema. Dirixe as coleccións sobre estética e teoría da paisaxe das editoriais Marcial Pons e Biblioteca Nueva. Dentro da súa ampla obra sobre estética e teoría da paisaxe, destacan títulos como Os límites da paisaxe na Galicia dos Austrias, A emergencia da paisaxe na Galicia da Ilustración ou Los pájaros y el fantasma: una historia del artista en el paisaje. Por Miguel Vázquez Freire

[ARGUMENTA] ENTRE A VISIÓN TOPOGRÁFICA E A ROMÁNTICA

Dende o inicio da fotografía, a representación do territorio foi unha das súas funcións máis notábeis. Prodúcense imaxes caracterizadas por unha visión topográfica, nas que se persegue a máis precisa descrición dos elementos que configuran o espazo fotografado. Habitualmente foron denominadas vistas, e non paisaxes, e así o facían explícito nos títulos durante o século XIX. Por Manuel Sendón.

[COMUNICACIÓN] ESTABA A VELLA MORRENDO

As movidas que nas últimas semanas fixeron dos servizos no rural un obxectivo reivindicativo, con forte presenza nas axendas de debates e tertulias mediáticas, amosaron ben ás claras o envés da revolución tecnolóxica, que ten na chamada dixitalización a súa fase máis avanzada. A poboación máis envellecida é a que padece con maior frecuencia as consecuencias dese proceso de transición. Evidenciouse, por caso, ao eliminar as entidades bancarias moitos dos caixeiros instalados en poboacións rural/urbanas, e quedaren así sen ese servizo as xeracións máis vellas que, por carecer das habilidades que require o manexo das ferramentas da comunicación dixital, víanse forzados a desprazarse para servirse deles nas vilas ou cabeceiras de comarca. Porén, a problemática que introduce a dixitalización é moito máis variada e está incidindo de moitas maneiras nas vidas da xente. Por Xavier Alcalá

[XÉNERO] FRONTE Á VIOLENCIA SIMBÓLICA, LINGUAXE IGUALITARIA

Sempre ten a linguaxe unha sobrecarga de significados cos que poder enmascarar realidades inxustas. Segundo as máis recoñecidas teorías relacionadas cos estudos de xénero, é a través da linguaxe e dos procesos comunicativos que a fan operativa como a lacra social do machismo mantén engraxada e activada a súa capacidade supremacista. Falamos entón de violencia simbólica, tan corrosiva. Pero sobre a que aínda non están suficientemente orientados os focos da denuncia e da reivindicación. Por María Xosé Porteiro.

CULTURA                                                       

[INFORME] MÚSICA GALEGA DE RAÍZ

O fenómeno Tanxugueiras, que rompeu fronteiras mentais e artísticas a partir do sucedido no Benidorm Fest, no que se seleccionaba quen representará a España este ano en Eurovisión, sorprendeu dentro e fóra de Galicia. O que demostra o escaso coñecemento que da chamada música de raíz hai intra e extramuros. Abundan o talento e a diversidade, e faltan políticas de apoio e proxección coas que facer visible o seu enorme potencial creativo e artístico, como queda de manifesto neste informe. Por Carlos Rego. 

[REPORTAXE] NOVAS CREADORAS. VEÑEN PRA QUEDAR

Un día milleiros de mensaxes de texto votan unha canción feita por mulleres, en galego, e abeirando a nosa tradición e a cultura ergue os brazos. O camiño queda marcado pola sorpresa e pola emoción do descubrimento. Pero elas non apareceron de súpeto. Elas levan anos deixando o mellor de si propias para desenvolver o traballo cultural que decidiron levar adiante, porque, como dicía Remedios Zafra, somos as fillas dun cambio histórico onde nos deixaron crer que podiamos medrar para desenvolvernos laboralmente onde quixer, tamén na cultura. Os seus pasos veñen precedidos por moitas, e por sorte, o espazo desta reportaxe non chega para as nomear a todas: Mercedes Peón, Guadi Galego, Mela Casal, Ana Romaní, Yolanda Castaño, Anxos Sumai… Pero tamén están as que se defenden a diario nun ámbito cultural que devece por ser coñecido por moitos máis. Non están todas as que son, pero son todas as que están, e veñen pra quedar. Por Anna R. Figueiredo.

Todo isto e máis no número de marzo de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí