En destaque
A Limia das macrogranxas
PESTE NA CHAIRA
Un cuarto de século despois, a expansión do modelo de granxas industriais ao largo e ancho da chaira limiá sobrepasou tódolos límites. A estas alturas, a degradación do ecosistema por mor dunha pésima xestión e falta de control dos puríns é escandalosa. E os estudos científicos sobre as condicións de salubridade das augas son demoledores. Tanto as dos acuíferos que aportan caudal a ríos e encoros camiño do Xurés, como as dos pozos particulares. A saúde dos veciños dos oito concellos da chaira que se serven deles para cubriren as súas necesidades vitais está en perigo. O nivel de nitratos e fosfatos é alarmante. E non parece casual que sexa a comarca da Limia a que máis casos de cancro reporta ás estatísticas da provincia ourensá. E a todo isto, as autoridades competentes, e de maneira especialmente significativa o goberno actual do conservador Núñez Feijóo, negando a desfeita, autorizando explotacións industriais sen apenas pasar polo filtro normativo, e mirando para outro lado. Así desde hai 25 anos. Coren facendo e desfacendo ao seu antollo mentres prosegue sen interrupción o éxodo rural. Unha recente sentenza do TSXG pon por vez primeira o modelo das macrogranxas baixo a lupa. Por
As claves
[POLÍTICA] SER OU PARECER
Cando pechamos o proceso de produción deste número de TN, seguía no aire a sorte que ía correr no Parlamento o acordo a tres (goberno, sindicatos maioritarios e empresarios) que, en contra do que seguiron reivindicando os socios nacionalistas do bipartito español, non derroga e só retoca a normativa laboral coa que o executivo de Rajoy delegou na CEOE a capacidade de iniciativa e de control a espaldas dos traballadores. Analízao nesa clave o cronista político, que tamén se fai eco do affaire contra o ministro Garzón. Por Justo Beramendi.
[GALICIA] O IMPERIO DA MODERACIÓN E A XANELA DE OVERTONO
Do centenario da Xeración Nós ás catro décadas do Estatuto de autonomía e do Parlamento de Galicia… O 2021 estivo pautado por conmemoracións que serviron para reeditar dous dos relatos máis aloumiñados da nosa cultura da Autonomía. Por Manuel M. Barreiro.
[ECONOMÍA] MACROGRANXAS, FÁBRICAS DE GANDO
Hai un erro na interpretación do fenómeno coñecido como as ‘macrogranxas’. Un erro que nos impide ver con exactitude o que realmente son. Non se trata de granxas cunhas instalacións maiores cas de explotacións familiares, senón que máis ben se trata de auténticas fábricas de produtos cárnicos e lácteos. É o que explica que Galicia lidere a produción gandeira do Estado pese a que non pare de perder explotacións. Por Henrique Lijó.
[GLOBAL] A CRISE UCRAÍNA, UNHA NECESIDADE ESTRATÉXICA E HISTÓRICA PARA PUTIN
Fronte á ameaza de invasión da Ucraína por Rusia, os Estados Unidos e a UE avogan polo diálogo co amo do Kremlim, quen se sabe en posición de forza fronte a un Occidente debilitado, aínda baixo os efectos da pandemia e vítima das súas contradicións e divisións, e sempre lastrado na toma de decisións pola natureza democrática dos seus sistemas políticos. Moscova ten manifestado o seu rexeitamento a aceptar negociacións interminables, poñendo sobre a táboa condicións imposibles de asumir polo bando occidental, que na práctica significan acordar a Rusia un dereito de veto sobre as decisións da OTAN. A «finlandización» ucraína semella unha opción aceptábel, se ben Rusia non desleixará a integración progresiva de Kiev na súa Federación. Por David Alvarado.
Entrevista
HENRIQUE MONTEAGUDO, sociolingüista e académico da RAE
“O apoio enérxico e continuado dos poderes públicos vai ser vital para a lingua”
Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959), académico de número da RAG, catedrático de Filoloxía galega da USC, sociolingüísta, atendeu a nosa demanda para conversar sobre a súa última obra publicada, un volume de máis de setecentas páxinas, en que verte unha parte considerable do seu saber e do seu oficio como intelectual e escritor, e sobre as tensións e o devir da lingua. Por Manuel Forcadela
LUCES LARGAS
[ARGUMENTA] PANDEMIA, CIENCIA E SOCIEDADE
A perspectiva científica ocupa o espazo do Argumenta deste mes. Ramón Vilalta recupera un tema que xa foi tratado en Tempos Novos: a dialéctica entre a responsabilidade dos científicos e o lugar da política en relación coa pandemia que aínda non nos dá deixado.
[ARGUMENTA] A COOPERACIÓN ENTRE ESPECIES, CAPITAL NA EVOLUCIÓN
Carmela García apunta novos datos que obrigan a repensar certos tópicos sobre as dinámicas competitivas fronte ás colaborativas nos procesos biolóxicos. Todos oímos falar da natureza en termos dunha competencia feroz entre organismos, como unha encarnizada loita coa supervivencia do máis forte. Ademais, estas ideas, supostas “leis do mundo natural”, serviron para xustificar prácticas sociais baseadas no egoísmo, a competitividade, e alimentar o darwinismo social, chegando mesmo a validar a barbarie. É esta, con todo, unha visión totalmente distorsionada das relacións entre os seres vivos e dos complexos mecanismos do proceso evolutivo.
[COMUNICACIÓN] O XORNALISMO IGNORANTE, MALVADO E INDECENTE
A esfera pública española está inzada de bulos, mentiras e falsidades. Quen os inventa e propaga, como se está comprobando na poeira que se levantou por mor das chamadas macrogranxas e a peor calidade da carne que producen, responde a intereses espúreos. Outro tanto sucede a respecto das campañas contra os colectivos máis vulnerables orquestradas pola ultradereita. E son os medios os que irresponsablemente os difunden, multiplicando os seus efectos tóxicos entre a cidadanía, que se ve desprotexida ao non dispoñer de instrumentos legais suficientes para impedilo. Por Dardo Gómez Ruíz-Díaz.
[ECOLOXÍA] A ENERXÍA NUCLEAR, AGORA VERDE?
A principios deste ano, coñeciamos que a Comisión Europea propuña que a enerxía nuclear sexa considerada como unha enerxía verde. Para que saia adiante, a proposta terá que ser aprobada no Europarlamento e no Consello Europeo, e o proceso prevese complicado. Con esta proposta, a CE pretende que a industria nuclear reciba un financiamento que doutra maneira non conseguiría. Por Julen Rekondo.
CULTURA
[REPORTAXE] AVANCES NA SOCIALIZACIÓN DA LECTURA
Hai 12 anos, TEMPOS NOVOS dedicou unha ampla reportaxe á situación das bibliotecas públicas en Galicia. As conclusión eran desoladoras, salvando apenas dúas excepcións: a rede bibliotecaria municipal de A Coruña e o sistema bibliotecario de Oleiros. Parece oportuno volver agora sobre o tema, co obxecto de comprobar que cambiou no tempo transcorrido. E o primeiro que cómpre dicir é que as cousas melloraron moi sensiblemente. Mais tamén hai aspectos que, como se verá, seguen precisando novas transformacións que esperemos acaben chegando. Por Miguel Vázquez Freire.
[ENTREVISTA] DESTEVE RIAMBAU, director da Filmoteca de Catalunya
O director da Filmoteca de Catalunya, Esteve Riambau, participou no Congreso Small Cinemas, en Compostela. Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago, analizou o lugar que ocupan e a función que desenvolven as pequenas cinematografías no escenario internacional do cinema, principalmente aquelas que se expresan a través de linguas minorizadas. A salvagarda da lingua tamén depende da preservación do patrimonio audiovisual, sobre o que cómpre advertir acerca dos riscos que
implica unha aposta exclusiva pola dixitalización. Por Fernando Redondo
Todo isto e máis no número de febreiro de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí