Xoves 30, Novembro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº281 · OUTUBRO 2020

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº281 · OUTUBRO 2020

En destaque                                   

Caixabank e Bankia: máis que unha fusión

CONTRA O INTERÉS PÚBLICO

A fusión de Caixabank con Bankia non se entende se non é como o produto dunha operación política. A contracorrente, por certo, do que ideoloxicamente representa un goberno progresista de coalición. Complicidades adúlteras, sen dúbida. Cando menos pola parte socialista, que renuncia non só ao que comportaría facer de Bankia unha banca pública, seguindo o modelo alemán do fortificado KfW, senón incluso ao que se comprometera no programa electoral do 2016: a non malvendela, e condicionando a súa privatización á recuperación previa do investido nela polo Estado. Uns 22.000 millóns de diñeiro público. Nada menos.
     A operación coincide coa absolución pola Audiencia Nacional dos 34 altos dirixentes da entidade, encausados no seu día por, entre outros cargos presuntamente delitivos, poñer en alto risco o diñeiro de milleiros de inversores coa súa saída a Bolsa. Déronlle a Rato a razón cargándolle o morto ás autoridades supervisoras.Terreo abonado para os malpensados. Con maior razón ao percibir tanto consenso (socialistas, as dereitas políticas e os seus correspondentes medios de comunicación dominantes) en silenciar a fusión.
Inutilmente. Para algúns expertos, a fusión non é senón o último episodio, polo momento, do gran expolio do Estado que comportou a crise financeira do 2008. Un auténtico sabotaxe do interés público. Non só polo que supón na práctica un regalo multimillonario. Tamén porque, lonxe de resolver os problemas económicos desta nova crise, vai crear outros novos. Institucións tan pouco sospeitosas como o FMI teñen demostrado que as crecentes concentracións bancarias son un factor de inestabilidade macroeconómica, de freo da actividade e da ineficiencia.
     TN adéntrase nas escuridades da operación, que aparte de ir contra o interés público e de darlle un golpe de morte á posibilidade dun banco público, comporta altos riscos sistémicos e democráticos. Coas colaboracións de Manoel Barbeitos, Anxo Cardín Toraño e Albino Prada.

En foco                                                                

[POLÍTICA] PANDEMIA E POLÍTICA

Cal é hoxe, 22 de setembro, o problema máis grave que nos afecta a todos a curto prazo? A pregunta pode parecer estúpida polo obvio da resposta: é a pandemia e as súas consecuencias sanitarias, económicas e sociais. Pois a resposta non debe ser tan obvia para a maioría dos dirixentes políticos que, a xulgar polos seus actos, teñen unhas prioridades que non van precisamente nesa dirección. E non porque a situación mellore. Todo o contrario. De aquí a segunda pregunta: que están a facer as forzas políticas con maior capacidade para intentaren evitar ou polo menos aliviar esta desfeita? Resposta: coma sempre, supeditalo todo, incluído o combate contra o andazo, aos seus intereses partidarios a curto prazo. Por Justo Beramendi.

[POLÍTICA] OURENSE: O GROTESCO FRACASO DAS DÚAS DEREITAS

Sinálase a Gonzalo Pérez Jácome, pero o grotesco fracaso da coalición de goberno é responsabilidade das dúas dereitas ourensás. A desfeita ten a sinatura de Jácome, Baltar e Feijóo. Nas vésperas da cita electoral de 2019, fabulouse coa existencia dunha alternativa da dereita —Jácome e Democracia Ourensana— como relevo real da outra —Jesús Vázquez Abad e o Partido Popular—. Para evitar que se materializara, Feijóo iniciou a cazaría: «Sería letal para Ourense ter un alcalde como Jácome. Que un candidato teña unha canle [de TV] é un show. Pido aos cidadáns que voten a Jesús Vázquez, mesmo os que consideren que temos defectos, que os temos, e que hai que mellorar». Por Manuel M. Barreiro

[ECONOMÍA] A MOCIDADE ANTE AS CONSECUENCIAS DA PANDEMIA

Escoitamos acotío que o Estado español, cando menos ao longo das últimas décadas, non é país para mozos. O articulista, experto en economía aplicada, dá conta dos efectos perversos que sobre a mocidade e os seus proxectos de vida comportaron as políticas austericidas durante os anos da gran crise, para subliñar o que a maiores de todo iso vai supoñer para eles os destrozos que previsiblemente cause a pandemia sanitaria que chegou para quedar. E deseña os eixos que, a contracorrente de todo iso, haberían de informar e estruturar un programa de corte emancipatorio que non só de resposta ás máis inmediatas necesidades da mocidade a día de hoxe. Por Pedro Rey

[SOCIEDADE] MADRE COMPRADA

Úsanse especialistas en lingua para darlle nomes a certos feitos e disimular que son prácticas odiosas que co nome real serían rexeitadas pola maioría. Unha delas é a palabra subrogada para nomear a compra dun útero. Subrogar é un termo que, segundo creo, se utiliza na linguaxe do dereito. Significa substituír, poñer unha persoa ou cousa en lugar de outra. Neste caso ao que me refiro quere dicir poñer como madre legal, non a muller que levou á criatura 9 meses no ventre e a pariu, senón outra muller que compra a criatura e a inscribe cos apelidos correspondentes, pasando a ser a súa nai legal. O apelido, no caso de estar casada, non por lei, senón por práctica, será o do seu marido. Aquí encontramos un caso no que as leis están máis avanzadas que a mentalidade das mulleres. Por María Xosé Queizán

Crónica viaxeira                                                             

MONGOLIA, IMPERIO DE AREA. Por Moncho Iglesias Míguez

Argumenta [ciencia e tecnoloxía]                  

Entrevista. Óscar Horta, científico. Por I.V.
A psiquiatría na década dos 20: estado actual e novos retos. Por Iria Veiga

Cultura                                                              

BELI MARTÍNEZ, produtora. “É necesaria unha estratexia integradora para o audiovisual galego”. Por Fernando Redondo

FESTIVAL PLATAFORMA. Por Miguel Vázquez Freire

Protexta                                                            

Conversa con Teresa Moure. Por María Alonso Alonso
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa crítica                                                      

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí