Sábado 27, Maio 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 311

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 311

EN DESTAQUE                             

Eólicas á rapoañota

AMEAZA FLOTANTE

Sen estudos de impacto e sen unha planificación racional, o goberno de España acelerou o seu plan para instalar muíños de vento no mar. O ministerio de Transición Ecolóxica elexiu e publicitou un total de 19 zonas ou cadrantes, boa parte deles coincidentes coas augas nas que os barcos galegos rendabilizan as súas costeiras. Poxar o mar para ocupalo desa maneira, e sen antes saber en que medida os aeroxeneradores poden desencadear efectos perversos como o da espantada do peixe por mor do ruído, baleirando de vida mariña os bancos de especies peláxicas, ou o de curtocircuitar o tránsito migratorio de todo tipo de aves. Así o denuncian nas manifestacións de protesta contra ese despropósito pescadores e ecoloxistas. Con clara incidencia, ademais, no xa tan degradado estado do noso litoral, como subliñan neste mesmo número de TN voces representativas da política, da ciencia, do ecoloxismo e o activismo cívico.

Inclúe os artigos:
Unha distopía feita realidade, por Torcuato Teixeira Valoria
Contra os muíños de vento, por José Pino
Voces contra a degradación e a complicidade política, por Gonzalo Rodríguez e as opinións de Sandra Amézaga, Henrique Lijó, Miguel A. Fernández Lores, Antón Masa, José M. Romarís e Ramón Varela.

AS CLAVES                                              

[POLÍTICA] De Pam a don Ramón

Empezamos o espazo temporal desta crónica coas perlas de quen está a convertir as súas filias e fobias sexuais e políticas na axenda da Secretaría de Estado da que é titular, e rematámolo cun Congreso dos Deputados degradado a escenario dunha peza (mala) do teatro do absurdo. En medio, máis e máis mostras de tacticismos partidistas nuns, de demagoxias noutros e poucas actitudes que intenten respostar aos problemas reais da maioría. Edificante espectáculo que segue a representarse nun circo de tres pistas. Na central, o enfrontamento obrigado entre dereitas e esquerdas. Na esquerda, un complicado xogo de alianzas inestables e de leas entre os partidos desa banda. E na dereita, a competencia continua entre PP e Vox pola hexemonía nese espazo. E todos coa mesma motivación principal: gañar ou polo menos non perder posicións no inminente ciclo electoral. Por Justo Beramendi

[GALICIA] Indignación e coraxe

Escalada de protestas diante da deriva autoritaria da CRTVG. Redaccións baleiras para denunciar a represión laboral e as inxerencias políticas no labor informativo. As fraquezas dos epígonos de Feijóo esixen medios públicos de obediencia cega. O complexo político-mediático trenzado ao redor dos conservadores está envorcado en conter o desexo de cambio. Tras 15 anos sen ampliar as súas competencias e capacidades de goberno, Galicia vése acorada por unha Autonomía zombi. O país necesita un horizonte de esperanza. Levaba razón Agostiño de Hipona: «A esperanza ten dúas fillas lindas, a indignación e a coraxe. A indignación ensínanos a non aceptar as cousas como están; a coraxe, a mudalas». Por Manuel M. Barreiro

[ECONOMÍA] A reforma das pensións: un paso adiante

Malia que xa quedaran sen efecto nos últimos anos as súas dúas principais novidades -o índice de revalorización (IRP) e o factor de sustentabilidade-, é agora cando a reforma das pensións aprobada polo goberno de Rajoy no 2013 quedará definitivamente para o baúl dos recordos. Despois de pactala cos sindicatos CC.OO. e UGT, o goberno español de coalición vén de encarrilar, mediante a aprobación dun decreto-lei, unha reforma global do sistema de pensións que basea a garantía da suficiencia das prestacións sociais non no recorte do gasto, como fixera o executivo conservador hai dez anos, senón no aumento dos ingresos, pero sen deixar de facelo exclusivamente a partir dos salarios. Conta, ademais, co aval de Bruxelas. Non así co dos empresarios (CEOE), que expresaron a súa frontal oposición. Por Manoel Barbeitos

[ENTREVISTA] JOSÉ MANUEL NAREDO, economista e ensaísta

Se alguén merece ser considerado unha eminencia do pensamento económico a contracorrente, ese é José Manuel Naredo, premio nacional de Economía e Medio Ambiente, que vén de publicar La crítica ago-tada. Claves para un cambio de civilización
(Editorial Siglo XXI), libro no que os seus seguidores ven unha mirada lúcida coa que é quen de descubrir as limitacións de cantos se moven na súa mesma beira ideolóxica. Un ensaio sobre como as palabras determinan o pensamento e como o pensamento determina a realidade. A entrevis-ta para Tempos Novos tivo lugar en Madrid, onde reside. Por Manoel Barbeitos

TODO É PEIXE                                              

[ENTREVISTA] FRAN P. LORENZO, autor de A festa equivocada

Naceu Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973) co don da estrañeza. Unha cualidade que latexa nos artigos que publicou entre 2003 e 2010 no desaparecido xornal Galicia Hoxe, unha experiencia de liberdade tan improbable que, cecais por iso, nin sequera sobrevive na memoria do ciberespazo. O seu é un talento, a perplexidade militante de quen mira sempre dende fóra, inda cando está dentro, que se nota tamén en Cabalos e lobos (Xerais, 2005), a novela coa que gañou o Premio Blanco-Amor, e que se fai moi presente na conversa con el. O mellor daqueles artigos acaba de reeditarse nun libro titulado A festa equivocada (Rodolfo e Pricila, 2022), xusto cando o seu autor cumpre sete anos de estrañeza en Madrid, onde asiste como testigo privilexiado ás tormentas políticas da esquerda mentres exerce tarefas de comunicación política que, nestes momentos, lévano a poñerlle  voz á faciana institucional da vicepresidenta terceira do governo español de coalición, Yolanda Díaz. Por Fernando Varela

LUCES LARGAS                                              

[ARGUMENTA] O impacto Latour

O 9 de outubro do pasado ano falecía Bruno Latour, filósofo, antropólogo e sociólogo, cuxos últimos escritos dedicados a pensar o problema medioambiental adquiriron gran notoriedade. Jorge Álvarez Yágüez proponnos un percorrido pola traxectoria deste influente pensador.

CULTURA                                              

[REPORTAXE] Estaleiro, Axóuxere, Eusenio? Editando pensamento

Os límites comerciais que adoitan atribuírse aos libros de ensaio e pensamento fan que raramente constitúan un campo de interese prioritario por parte das principais editoriais. Como é lóxico, isto tende a agravarse no caso de editoriais que operan en ámbitos como o galego, apostando polo emprego dunha lingua aínda en moitos sen-tidos minorizada. Neste contexto, resulta admirable constatar o traballo de pequenas editoriais comprometidas no apoio ás voces emerxentes do pensar filosófico galego. De tres delas falarase aquí. Por Miguel Vázquez Freire

[CRÓNICA] 18º MICE. Unha ponte entre o cinema e o compromiso

A décimo oitava edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego celebrouse entre o 15 e o 21 de marzo en Santiago de Compostela. Foron sete días de programación guiados por unha mesma temática común, a “rururbanía”, concepto co que se definen os lugares do rural afectados polos procesos de urbanización. Baixo este enfoque confluían boa parte dos case corenta filmes internacionais exhibidos. Entre eles, non faltaron esperadas estreas en Galiza, facendo da MICE un dos acontecementos máis imprescindibles da axenda cultural compostelá. Por Severiano Casalderrey

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

Tamén neste número…

TODO É PEIXE
[OLLO PÚBLICO] CÓDIGO BINARIO, por Moncho Fuentes/ Camilo Franco
[DESNORTADOS] PENSIÓNS: CONTRA O CONSENSO NEOLIBERAL, por Albino Prada
[CÓMIC HISTORIADO] LAUREANO, por Juan R. Coca e Eduardo Esteban
[NATUREZA INSÓLITA] ACANTILADO DE HERBEIRA, por Roxelio P. Moreira
[BOI DE CANTO] O DERRADEIRO SOÑO, por Alberte Santos Ledo