EN DESTAQUE
50 anos (1973-2023)
CINEMA DE NACIÓN
Cincuenta anos despois da primeira edición das Xornadas do Cine en Ourense (1973-1978), o audiovisual galego acada as mellores cotas da súa curta historia. Demóstrao non só a nómina de profesionais que lle dan vida e identidade, tamén a súa presenza nos máis acreditados festivais internacionais. De ser a consciencia da súa nada, como hai medio século recoñecían os seus organizadores para xustificar aquela desafiante iniciativa -a acta fundacional do cinema galego, segundo os investigadores-, pasou a ter actualmente consciencia de marca. Ou selo identificador que mestura no seu ADN produción, estéticas e lingua de comunicación. Xusto o que aqueles encontros dos 70 reivindicaron en debates e manifestos (como o dos Cinemas nacionais, que asinaron representantes de Galicia, Euskadi e Catalunya). Coas políticas que en determinados momentos do período democrático afianzaron ese percorrido, e moi especialmente as desenvolvidas no ano 1984, nas que os estudosos ven a recuperación do espírito das Xornadas, dando pé ao comezo da normalización que coñecerá o cinema galego nas décadas seguintes.
Porén, quedan por diante moitos obstáculos que afrontar no encrespado océano da industria do audiovisual. E moi particularmente no que ten a ver co cinema. Coas plataformas e todo o que comporta o enrevesado mundo da dixitalización globalizadora impoñendo as súas regras. Como lidar con todo iso? TN remove o debate neste monográfico dos cincuenta anos andados.
Inclúe os artigos:
Ourense, 1973-1978. As xornadas fundacionais do cinema galego por Xan Gómez Viñas
Os protagonistas. En primeira persoa, por Euloxio R. Ruibal, Enrique R. Baixeras, Carlos López Piñeiro, Antonio Simón, Miguel Castedo, Teo Manuel Abad e Xavier Villaverde.
50 anos en tránsito. Da (enganosa) autoconsciencia da nada ao audiovisual galego actual, por Xosé Nogueira
Vento de proa para competir no océano audiovisual, por Fernando Redondo. Participan Pepe Coira, Manolo González, Xurxo González, Beli Martínez, Alfonso Zarauza e María Yáñez.
AS CLAVES
[POLÍTICA] QUEN DÁ MÁIS
O ruído dos últimos meses ten na estratexia preelectoral das diversas forzas políticas, a dereita e esquerda, un multiplicador de decibelios. Viuse na guerra polo poder xudicial e, como quera que non chegou o apocalipse económico que profetizaban as dereitas, fíxose notar no terreo ideolóxico. Tirando a dar en fogos cruzados. O cronista destripa os feitos que consumen tanta enerxía partidaria e interpreta causas e consecuencias. Por Justo Beramendi.
[GALICIA] REVÁLIDA DE LIDERADOS
A proximidade das eleccións municipais de maio pon en foco os liderados do conservador Alfonso Rueda e o socialista Valentín G. Formoso. Ambos os dous buscan revalidalos neses comicios primaverais. Van telo difícil, a xulgar co que relata o cronista referíndose ao escaso aporte do primeiro na Xunta e á bicefalia que poidera ter que afrontar o segundo deles tras quedar liberado o exsecretario xeral Besteiro da imputación que pesaba sobre el. As boas espectativas electorais favorecen, en cambio, a estabilidade da nacionalista Ana Pontón á fronte do BNG. Por Manuel M. Barreiro.
[GLOBAL] A NOVA ULTRADEREITA E A REBELIÓN DAS MASAS CONSPIRANOICAS
Dicía Luiz Inácio Lula dá Silva o pasado domingo 8 de xaneiro, cando aínda as turbas extremistas dos revoltosos bolsonaristas seguían ocupando e esnaquizando as tres sedes do poder en Brasília, que “nunca a esquerda tomou por asalto as sedes do Congreso, do Tribunal Supremo e da Presidencia”, nin sequera cando el mesmo perdeu, en circunstancias discutibles, varias eleccións presidenciais (1989, 1994, 1998), ou cando o encarceraron con falsos pretextos para impedir que se presentase ás eleccións de 2018. Por Ignacio Ramonet
[RELIXIÓN] FRANCISCO FRONTE Á LEI DO PÉNDULO
Coa morte do alemán Ratzinger, o Papa emérito, ábrese para o arxentino Bergoglio,
o Papa Francisco, unha nova fase do seu pontificado. Se algún día decidise renunciar,
faríao en todo caso despois de deixar atado e ben atado o modelo de Igrexa, que el
mesmo cualifica de poliédrico, que saíra do Concilio que os seus dous antecesores
conxelaron durante os últimos 35 anos. Non llo van poñer fácil os ultraconservadores
que moven capelos e diñeiro na súa contra. Por Xosé Manuel Vidal
LUCES LARGAS
[ARGUMENTA] MÚSICA E FILOSOFÍA
Argumenta abre este mes as súas páxinas á reflexión filosófica sobre o fenómeno musical. Javier Turnes ofrécenos unha reflexión persoal sobre as dificultades que desde sempre a música opuxo aos intentos do pensamento de capturar a súa realidade, reflexión que se cerra cunha proposta inscrita no enfoque que caracteriza á “nova filosofía da música”. A entrevista co ensaísta e músico Pablo Seoane arredor do seu libro Regla y tiempo real (Athenaica Ediciones, 2020), permitirá ao lector asomarse a algunhas das cuestións máis relevantes que son afrontadas por esa corrente filosófica, á que o autor achega un controvertido punto de vista sobre a natureza ontolóxica de aquilo ao que chamamos “música”. Pablo Seoane e Javier Turnes dirixiron os multidisciplinares Encontros de Filosofía e Música. Pensar a voces, que se desenvolveron en Cee e Corcubión a comezos da segunda década deste século.
[SOCIAL] TEN FUTURO A LINGUA GALEGA?
Na última Encuesta de Características Esenciales de la Población y las Viviendas do Instituto Nacional de Estadística (INE) conclúese que os que falan sempre ou con frecuencia en castelán en Galicia superan por primeira vez aos que fan uso exclusivo ou preferente do galego. E, fronte ao silencio nada inocente co que adoita tratarse o devalo social da lingua galega, neste caso o dato tivo repercusión nos medios de comunicación, mesmo nos que na súa práctica habitual non mostran ningún interese por este idioma. Por Bieito Silva Valdivia e Xaquín Loredo Gutiérrez
CULTURA
[ENTREVISTA] ANTON RIVEIRO COELLO
Que é a literatura para Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1864)? “A literatura axuda a vivir máis intensamente”. A escrita é un complemento indispensable na súa vida. Un xeito máis de “acceder á parte da memoria máis esquecida” e facer constantes recapitulacións para mellorar. É, con todo, “unha mentira aceptada por todos que nos fai entender o mundo”. A vida sen un libro sería “imposible”. Días de intemperie (Galaxia) é o penúltimo, porque Hotel Carioca, que vén de conseguir o I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, está xa a punto de entrar no prelo. Por Cándido Paniagua Pousa
Solicita o teu exemplar aquí
Mandámoscho directamente ao teu domiclio
Tamén neste número…
TODO É PEIXE
[OLLO PÚBLICO] E O CORVO DIXO…, por Moncho Fuentes/ Camilo Franco
[ENTREVISTA] CARLOS REGO, guitarrista de Tesouro, por Camilo Franco
[CÓMIC HISTORIADO] LAUREANO, por Juan R. Coca e Eduardo Esteban
[NATUREZA INSÓLITA] ESTEIRO DO MIÑO, por Roxelio P. Moreira
[BOI DE CANTO] A PROL DUN MÍNIMNO VITAL CULTURAL, por Alberte Santos Ledo