Sábado 3, Xuño 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 301

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 301

EN DESTAQUE                             

Os macrocárceres de Teixeiro e A Lama

MUNDOS DE SOMBRAS

De portas afóra, os macro-cárceres de Teixeiro e A Lama responden ao patrón de centro modelo que se encargan de publicitar as webs penitenciarias. Construídos hai tan só 24 anos, a súa arquitectura interior foi deseñada seguindo o manual interpretativo que, por riba de todo, mandata asegurar a reeducación e a reinserción social de presos e presas mentres estean sometidos ao réxime de privación de liberdade (Constitución española, art. 25.2). De portas adentro, ese obxectivo vese curtocircuitado con máis frecuencia da debida por políticas disciplinarias, por unha moi deficiente cobertura de necesidades tan básicas como a da saúde, e por actuacións represivas que non só van en dirección contraria, tamén -e isto é o máis grave- conculcan dereitos fundamentais. A descrición que fai este informe dos procesos de castigo aos que nas últimas dúas décadas foron sometidos -en ambos os dous cárceres galegos- 14 presos, pon os pelos de punta. E se en vez de investigar e procesar aos culpables, o que asesores de presas e presos desas prisións como o avogado e membro do observatorio Esculca, Fernando Blanco, detectan e comproban é ocultamento e nula vontade de esclarecer os malos tratos, favorecendo a impunidade, todo se volve máis alarmante. Por Eric Dobaño

AS CLAVES                                

[POLÍTICA] VÉSPERA DE CONTENDA

Tempos revoltos. Con espías que enmarañan a política e a supervivencia do goberno de coalición, e cun rei emérito que fai o seu camiño de volta non como penitente senón como brivón–“¿explicaciones de qué?”, como resposta-, poñendo no disparadeiro unha vez máis á institución monárquica. Todo isto ás portas dunhas eleccións andaluzas en clave nacional e coas xerais do 2023 en perspectiva pouco favorable para as esquerdas. Esta é a crónica. Por Justo Beramendi

[GLOBAL] ESPAÑA E MARROCOS DE COSTAS AO SÁHARA

A decisión adoptada polo goberno de Sánchez asumindo a tese autonomista de Marrocos para a ex colonia española do Sáhara Occidental, sen que ata a data de hoxe saibamos a que obedeceu ese cambio repentino en abandonar a alternativa dun referendo de autodeterminación apoiado no seu día pola ONU, deixou polo camiño incógnitas que é preciso esclarecer. O articulista é experto nas políticas do Magreb, manexa sempre fontes de primeira man, e está en condicións de contribuir a despexalas. Por David Alvarado

[ENTREVISTA] CARLOS AMOEDO, catedrático de Dereito Administrativo

A de Carlos Amoedo Souto é unha das voces recoñecibles que, dende o mundo do Dereito, se escoita cando se analiza a problemática dos parques eólicos en Galicia. Catedrático en Dereito Administrativo pola UDC, é un dos asinantes do informe do Consello da Cultura Galega que a finais do pasado ano urxiu a revisar o Plan Sectorial da Xunta e paralizar, no ínterim, a instalación de novos parques. Máis recentemente, participou en Santiago de Compostela na xornada técnica de ICOSEspaña sobre xestión e retos do Camiño de Santiago coa conferencia “A desprotección do Camiño de Santiago fronte aos parques eólicos”. Un aspecto, o da protección patrimonial, que ben podería funcionar coma un fío condutor dos discursos que dende Galicia cuestionan o “boom” eólico e o impacto sobre territorio, natureza e paisaxe. Por Francisco Cortez-Lobão Sineiro

[GALICIA] RUEDA, PRESIDENTE DA COALICIÓN INMOBILISTA

Consumouse o proceso sucesorio. Feijóo elixiu o sexto presidente da Xunta. A maioría conservadora do Hórreo bendiciu a decisión. Rueda ocupa a vacante por ascenso burocrático na escala. Imponse a súa folla de servizos: unha década como vicepresidente, unha probada lealdade ao presidente absoluto e unha utilitaria ausencia de escrúpulos. Alfonso Rueda é un exemplo estelar da submisión servizal como carreira política de éxito. Un aleuto haxiógrafo resumiu todos os seus méritos: 6.000 días ao servizo de Feijóo. Por Manuel M. Barreiro

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

TODO É PEIXE                            

[CRÓNICA VIAXEIRA] GJIROKASTRA, CIDADE MUSEO ALBANESA

Gjirokastra é unha cidade sorprendente que, como un ser prehistórico, parece que xurdiu de súpeto no val, nunha noite de inverno, para rubir cara o cumio da montaña. Todo nela é vello e pétreo, dende as rúas e fontes ata os tellados das soberbias casas cubertas de lousas grises semellantes a escamas xigantes. É difícil crer que baixo esa recha coiraza subsista e se renove a carne tenra da vida. Por Moncho Iglesias Míguez

[CONVERSA] DANIEL PINO, sociólogo, urbanista e escritor

Hai na narrativa literaria de Daniel Pino Vicente– sociólogo e urbanista de prestixio, ex director do Instituto Galego da Vivenda e Solo na etapa do goberno bipartito, activista en movementos e iniciativas políticas e culturais na Galicia da transición- unha inqueda e por veces provocadora metodoloxía da supervivencia en espazos e tempos nos que os personaxes da súa obra de creación se presinten indefensos. Son por iso, ao modo pirandelliano, personaxes en busca de autor, porque é quen pode acabar dándolle sentido ás verdades contraditorias que non son quen de desbrozar por si mesmos. Nesta novela, As casualidades necesarias (Autografía, Barcelona 2021), o sociólogo cedeulle toda a súa sabiduría profesional ao creador de atmosferas opresivas, sentimentais, dramáticas, intelectuais e simbólicas -co mar de Arousa no substrato vivencial da ideación ou do imaxinario-, e o resultado é certamente engaiolante. Unha historia densa e tensa, con Viladomar -por algo ten nome de mullerdándolle vida en sucesivas e progresivas secuencias temporais, á maneira dunha matrioska. Por Luís A. Pousa

LUCES LARGAS                         

[ENTREVISTA] MANUEL REYES MATE, investigador da memoria

Traemos ao Argumenta deste mes unha entrevista co profesor Reyes Mate, profesor de investigación no Instituto de Filosofía do CSIC, ben coñecido polos seus traballos arredor dos problemas de violencia, reparación e memoria. As súas reflexións arredor das Leis promovidas no Estado sobre a memoria histórica con certeza contribuirán ao necesario debate, lonxe de posicións sectarias. Xunto á entrevista, José Antonio Binaburo propón un percorrido sobre o lugar das relixións no proceso de laicización das sociedades modernas e contemporáneas. Por Luis María Cifuentes Pérez

[ARGUMENTA] ÁS VOLTAS COAS RELIXIÓNS

Non hai sociedade ou cultura humana coñecida sen relixión, é dicir, sen crenzas e institucións relativas a unha relación co sagrado, misterioso, divino, transcendente ou sobrenatural. As relixións son parte da nosa civilización e cultura. A cultura sobre as relixións é parte da cultura xeral. Trátese dos pobos chamados “primitivos” sen escritura ou de pobos modernos, de culturas rudimentarias ou de culturas tecnolóxicas, as relixións aparecen como un elemento nuclear. Mesmo nos Estados aconfesionais, as relixións persisten como sistemas de crenzas, como fonte de moralidade e como elemento ritualizador de parte da vida da cidadanía. Por José A. Binaburo Iturbide

[XÉNERO] SÓ SI É SI, e outras cousas sobre a lei de liberdade sexual

A Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual vén de ser aprobada no Congreso logo de meses de polémicas diversas, de carácter tanto político como xurídico, incluso entre os dous partidos que compoñen o goberno de España. Votaron non só as 140 deputadas e deputados do PP (88) e de VOX (52), houbo tres abstencións da CUP (2) e PRC (1), e votaron si as 201 dos restantes grupos da Cámara. Empezo falando de números por dúas cuestións que as veces esquecemos. Unha, que a maior parte dos cambios lexislativos que pretenden ser un avance nas liberdades e dereitos das maiorías sociais, aínda que ás veces non o consigan, fanse en España coa radical oposición da dereita (lexislativa, xudicial e mediática). A outra, que hoxe hai maioría suficiente no Congreso para facer estes cambios sen contar con esa dereita, incluso de leis orgánicas que precisan maiorías cualificadas (bloque de constitucionalidade), malia o que os medios hoolingan nos machaquen por terra mar e aire cada día. E sería unha mágoa non aproveitalo. Ana Luísa Bouza

CULTURA                                   

[REPORTAXE] ROMPENTE, ANTES E DESPOIS. COMO CREBAR AS LIRAS E NON MORRER NO INTENTO?

Visualiza isto: un travestí (palabra moi de finais do anos 70 do século XX) chora sen acougo debaixo dun cocotero, Oskar Kokoschka fai de Pygmalion cando folla, entre lágrimas, coa boneca que el mesmo fixera de Alma, e Pulgarcito resulta ser un mariñeiro galego que traballa de sherpa no Himalaia. En 1979, Rompente Edicións, S.L., —un proxecto editorial avalado no banco por Eulogio, o pai de Reixa— publica a serie Tres Tristes Tigres cos libros obxecto dos tres poetas: As ladillas do travestí (Reixa), galletas kokoschka non (Romón) e (Avendaño). Desde 1976, traballamos cos deseñadores-pintores-artistas-cómplices Menchu Lamas e Antón Patiño. Un ano despois, a nosa editorial declaraba bancarrota. Misión cumprida. Hoxe nas facultades de negocios dirían que eramos “emprendedores”. Por Alberto Avendaño

[FESTIVAL PLAY-DOC] QUE FALEN OS OUTROS. 

Dende o inicio dos tempos, o ser humano creou a noción dos Outros en oposición ao Nosoutros. Os Outros escondíanse en Troia, detrás das súas infranqueables murallas. Hoxe en día os Outros están no lado oposto dunha valla con concertinas. Ao longo da segunda parte do século XX, os Outros estaban ao outro lado dun muro imaxinario construído con aceiro. O XVIII Play-Doc International Film Festival dedicou tres retrospectivas, que se puideron ver na fermosa vila de Tui e na plataforma de streaming Filmin, a catro cineastas centrados en dar voz a distintas clases de Outros. Así que nesta crónica imos falar daqueles que se empeñaron en que falasen os Outros, comezando, precisamente, polos Outros da Europa do bloque comunista. Por Luís Ogando

Todo isto e máis no número de maio de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí