Martes 28, Novembro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 299 · ABRIL 2022

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 299 · ABRIL 2022

En destaque                               

Dossier

A NÉBOA DA GUERRA

O que vemos a través das pantallas de televisión é a constatación da crueldade bélica, da que hai que responsabilizar a Putin e á súa estrutura de poder. Morte, éxodo e destrución. Esa é a foto fixa. Máis alá desa desoladora paisaxe, o relato da guerra en Ucraína chega ata nós fragmentado, cos que a xestionan directa ou indirectamente moi desenfocados ou sometidos ás técnicas engañosas do foto shou. Adulterando así a realidade, nada estorba a estratexia propagandística da que se serven para mentalizar as respectivas opinións públicas ao seu favor. Contando, unha vez máis, coa complicidade belicosa dos medios de comunicación dominantes, e poñéndolles bozais ou inhibidores ás redes. Crean así unha néboa espesa que invisibiliza non só os fenómenos tormentosos que están na xénese desta guerra, tamén o seu alcance global e a espiral de consecuencias impredicibles que se albiscan a partir dela. Por caso, a progresiva militarización da seguridade, priorizando os gobernos programas de rearme e non de resiliencia social. Sinto vergoña, declarou o Papa Francisco. Porque o rearme só prepara para as guerras, comportando recortes en investimentos sociais e en dereitos, un maior peso político dos militares e, pola porta de atrás, as ideas xenófobas e antidemocráticas da extrema dereita. Non fai falla ser un lince para vincular a guerra ucraína coa disputa económica e xeopolítica inter-bloques centrada na búsqueda de seguridade e posición global, nun contexto de interregno na hexemonía mundial. Cara unha nova guerra fría? Iso parece. Ucraína estaría facendo de laboratorio. TN abre con este dossier un primeiro achegamento a ese dramático escenario. Coas colaboracións de Alfredo Toro Hardy, Albino Prada, Antón Baamonde e Ignacio Ramonet.

ENTREVISTA. Xosé Fortes Bouzán, Ex Coronel do exército e cofundador da UMD.

As claves                                                                    

[POLÍTICA] ENTRE A PANDEMIA E A GUERRA

Cambiamos de ciclo político ou seguimos no mesmo? A saber. No fondo este tipo de falsos dilemas, que tanto gustan a presuntos expertos, pouco ou nada aportan á análise e comprensión do que acontece. No noso caso, no último mes tivemos unha combinación de continuidades e factores novos que crea unha situación en parte distinta, en parte igual. Que isto poida conducir ou non a un cambio cualitativo no signo dos gobernos non somos quen de predicilo hoxe. Só podemos pescudar as diferentes posibilidades. Por Justo Beramendi.

[GALICIA] A MALETA DE COIRO DE FEIJÓO

Cando Núñez Feijóo pisa a alfombra vermella en Génova 13, faino acompañado por Mar Sánchez Sierra. Vicepresidenta na sombra, como a cualificou Anxo Lugilde. Secretaria Xeral de Medios da Xunta. Sempre ao ronsel do exitoso cursus honorum de Feijóo. A máis lonxeva, eficaz e intelixente das persoas de confianza do presidente. Encargada do coidado do seu relato e imaxe, ocúpase de amortecer ou silenciar nos medios calquera crítica ao seu xefe. Todopoderosa e implacable na xestión de mercedes, convenios e castigos. Mar Sánchez sabe ben que o poder de Feijóo non é eterno, pero ela está onde está para facelo duradeiro. Véñenlle enriba xornadas esixentes e laboriosas para salientar os atributos presidenciais de Feijóo. Por Manuel M. Barreiro

[ECONOMÍA] A GALICIA TRIUNFAL DE FEIJÓO

A xestión dos retos e dos indicadores do Plan Estratéxico para o conxunto de período
2015-2020 debe ser cualificada cun suspenso categórico. Sendo especialmente negativa a avaliación do esforzo innovador e da mellora das exportacións, o crecemento do PIB e o crecemento do emprego.
Por Albino Prada

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

LUCES LARGAS                                         

[ARGUMENTA] EDUCACIÓN MEDIÁTICA 4.0 E XÉNERO

A análise das mensaxes audiovisuais -cine, televisión, publicidade- desde unha perspectiva de xénero é un espazo en continua ampliación no campo da Educación Mediática, hoxe máis necesario ca nunca, cando desde determinados discursos políticos se pretende cuestionar a loita feminista pola igualdade. Abordamos o tema nun artigo da doutora en Pedagoxía e profesora da Universidade de Oviedo, Aquilina Fueyo, e tamén a través da entrevista que lle concedeu a TN Pilar Aguilar Carrasco, pioneira en España no estudo da representación da muller nos relatos cinematográficos. Por Aquilina Fueyo

[ARGUMENTA] ENTREVISTA. PILAR AGUILAR, ensaísta sobre cine e feminismo

Pilar Aguilar Carrasco licenciouse en Filoloxía Moderna en Sevilla. Represaliada política nos últimos anos do franquismo, exiliouse en Francia, onde obtivo a Maîtrise en Socioloxía da Educación na Universidade René Descartes de Paris e a licenciatura en Ciencias Cinematográficas e Audiovisuais pola Universidade Denis Diderot. A publicación do seu libro Manual del espectador inteligente en 1996 supuxo unha das primeiras propostas de análise crítica dos relatos cinematográficos, ampliable tamén aos televisivos, que incorporaba unha perspectiva feminista. Entre as súas obras máis recentes cómpre salientar El papel de las mujeres en el cine (2017), Feminismo o barbarie (2 volumes, 2018 e 2021) e La imagen te ciega (2019), reedición corrixida do Manual del espectador inteligente. Por Miguel Vázquez Freire

[PATRIMONIO] ROCAS, UN COMPLEXO MONÁSTICO AMEAZADO

só 16 kilómetros da cidade de Ourense, no concello de Esgos, e formando parte da Ribeira Sacra, atópase o complexo monástico de San Pedro de Rocas. Corenta hectáreas que lle dan vida a un gran bosque de coníferas en ascenso cara os picos pedregosos que os axentes xeolóxicos produciron no lugar. Excabadas na roca, as tres naves da igrexa do mosteiro eremitario, o máis antigo de Galicia (s. VI) polo que foi declarado en 1923 Monumento Histórico Artístico. Un Camiño Real, de grande interese natural, cultural e etnográfico, discurre por unha vereda que conserva os seus muros laterais, e foi sempre a vía histórica de acceso a Rocas. É a que agora está en perigo, ao empecinarse a Deputación en levar a cabo sobre esa vía obras que ameazan con sepultar baixo toneladas de formigón todo o que estorbe o ancheamento dos 500 metros da estrada Luintra-Esgos que ata o de agora quedaran a salvo das máquinas, e satisfaga a febre turística do presidente Baltar. Xa comezou a talla de árbores, e a empresa contratada demoleu parcialmente o pasado 7 de marzo un dos muros perimetrais do coto do mosteiro, alertando a numerosos colectivos medioambientalistas, sociais e culturais (entre eles, as 70 entidades que conforman a plataforma SOS Ourense), que se movilizaron canda a Fundación Moreiras propietaria do coto para esixir a paralización das obras. Por Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga

[COMUNICACIÓN] AS IDEAS DE MR. WATSON

A desaparición de caixeiros en zonas vilegas e do rural galego por mor dunha progresiva dixitalización dos servizos bancarios provocou un movemento de contestación social liderado por colectivos de persoas maiores, as máis directamente afectadas. É o que lle deu pé ao enxeñeiro e escritor Xavier Alcalá para, tomándoo como referencia, abundar no que ese fenómeno dixitalizador está comportando para as nosas vidas. Agora é outro enxeñeiro quen, collendo ese fío argumentativo, insiste tanto no carácter ético do que comporta para nós a eliminación total do diñeiro físico, ao tempo que amonesta á banca polo acelerón dixital. Por Xoaquín Lameiro

CULTURA                                                       

[CONVERSA] LUZ PICHEL, autora de Alén, Alén

[REPORTAXE] O LUGAR DA POLÍTICA NA ARTE. Contra a instrumentalización turística.

[ENTREVISTA] MARCOS NINE, director de cine

Todo isto e máis no número de abril de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí