En destaque
Galicia 2022
AXENDA NON AUTORIZADA
Propuxémonos elaborar umha Axenda Non Autorizada, que reivindica para este novo ano todo o que a axenda loficial, autoritaria e entumecida, non se atreve a encardinar. TEMPOS NOVOS pulsou ao respecto a opinión de expertos que coñecen moi ben a realidade política, socioeconómica e cultural de Galicia, que son os que escriben dando resposta á seguinte pregunta: cal tería que ser a Axenda da Galicia de 2022?
Coas colaboracións de Xosé Constenla Vega, xeógrafo e profesor; Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do SLG; Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor de Economía; Patricia Iglesias, ecoloxista; Francisco Vizoso, médico epidemiólogo; Miguel Anxo García, psicólogo clínico; Carme Adán, profesora e ensaísta; Eva Garea, pedagoga; Pilar Bermejo, profesora de Química; Marcos Lorenzo, técnico cultural; e, Carlos Montenegro, xornalista.
As claves
[GALICIA] A ECONOMÍA DA DESAPAARICIÓN E A TERCEITA VÍA DE FEIJÓO
A política contenciosa reséntese en Galicia. As estratexias de ocultación, dispersión e virtualización do PPdeG empardecen os conflitos e semella non haber alternativa. Con todo, a crúa realidade salienta que hai máis conflito que futuro nas políticas conservadoras. Agochada nos medios, dispersa territorialmente e trasladada a expresión do malestar das rúas ás redes, a orde feixoniana alardea de non ter contestación. Por Manuel M. Barreiro
[ECONOMÍA] OS DÉFICITS QUE NOS DEBERÍAN IMPORTAR
Aínda non demos superado o impacto provocado pola pandemia, pero xa dende círculos de opinión, maiormente neoliberais e vinculados aos bancos, chaman a atención sobre os déficits públicos que, nunha grande recesión como a actual, non deberan estrañar. Evidentemente, estas elites falan dos déficits fiscais e non doutros déficits como resultaría necesario que se falara. Porque os que máis deberan preocupar aos nosos gobernantes son aqueles que afectan ás familias e as pequenas e medianas empresas, en definitiva os déficits da xente corrente. Por Manoel Barbeitos.
[GLOBAL] CALLARÁ UNHA NOVA GUERRA FRÍA?
Nada invita a pensar que o exercicio entrante do 2022 experimentará unha modificación substancial da axenda precedente. En efecto, tras un ano de presidencia da Administración Biden nos EUA, os fundamentos da nova contenda estratéxica global establecidos durante o mandato de Donald Trump víronse non só confirmados senón mesmo acentuados, ensaiándose agora opcións sen dúbida máis eficientes e afastadas do histrionismo do líder republicano. Por Xulio Ríos
Entrevista
JOSÉ MANUEL PÉREZ TORNERO, presidente da Corporación RTVE
“O que nos propoñemos é unha refundación de Radiotelevisión Española, cun marco económico e xurídico novo”
O peculiar desta conversa está en que entrevistador e entrevistado seguiron traxectorias paralelas e ás veces tanxencialmente semellantes. Os seus percorridos académicos teñen puntos de encontro na preocupación pola alfabetización mediática, por unha banda, e na mútua convicción do carácter imprescindible dunha radiotelevisión pública estatal forte que axiña poida recuperar na valoración da cidadanía o prestixio e o respeto que chegou a ter en tempos pretéritos, pola outra. Presentáronse os dous ao concurso público para optar á Presidencia e ao Consello de Administración de RTVE, e os dous foron valorados entre os 5 mellores proxectos evaluados por un Comité de expertos. José Manuel Pérez Tornero é agora o actual Presidente da Corporación, e o profesor Agustín García Matilla (catedrático de Comunicación Audiovisual no campus universitario de Segovia) entrevístao para Tempos Novos co obxectivo de clarexar as razóns do que moitos estiman que é a última oportunidade para que a Radiotelevisión pública poida saír da crise á que a levaron os anos de abandono e desidia amosados polos sucesivos gobernos que lideraron España. A conversa tivo lugar o domingo 28 de novembro último entre as 18:30 e as 20:00 horas da tarde, vía online. Por Agustín García Matilla
LUCES LARGAS
[ARGUMENTA] ACCESO AO POS-MUSEO: RIQUEZAS MARXIVAGANTES
María Bella, crítica de arte e curadora, proponnos unha reflexión sobre a evolución na concepción dos museos e as teorías museolóxicas. Nunha das experiencias máis insólitas da creación artística recente no contexto galego, a obra do alemán Man na vila mariñeira de Camelle, atopa a ocasión para pór a proba os retos contemporáneos sobre o futuro dos museos. E fai esa reflexión a través dunha entrevista coa investigadora portuguesa Carolina Rito, tamén curadora e na actualidade catedrática na Universidade de Coventry.
[COMUNICACIÓN] JULIAN ASSANGE E O XULGAMENTO DA LIBERDADE DE PRENSAS
O alto tribunal británico vén de dar vía libre para que o fundador e editor de Wikileaks, Julian Assange, sexa extraditado aos Estados Unidos, onde o queren xulgar por espionaxe e revelación de 250.000 documentos oficiais do Departamento de Estado que demostraron gravísimas violacións dos dereitos humanos e crimes de lesa humanidade cometidos polo Pentágono e a CIA. As autoridades norteamericanas non lle recoñecen a súa condición de xornalista e/ou editor, eludindo así calquera posible alegación relacionada coa liberdade de prensa que ampara a Primeira Enmenda constitucional. Para elas trátase dun hacker/espía que, ao divulgar a información confidencial hackeada, puxo en risco a seguridade do Estado.
A recoñecida xornalista e escritora brasileira Roxana Baspineiro, da Agencia Latinoamericana de Información (ALAI), dá as claves do caso Assange, e internacionaliza as consecuencias que se derivarían da extradición aos EUA de Assange tanto para el como para a liberdade de prensa e a dos xornalistas que no futuro se atopen ante situacións como a que lles deparou Wikileaks aos da propia plataforma e aos dos principais medios de comunicación do mundo.
[MEDIO AMBIENTE] UN PACTO NON TAN VERDE COMO PARECE
O Pacto Verde Europeo (PVE) é un programa de reformas que pretende “situar a Europa con firmeza nunha nova senda de crecemento sustentábel e integrador”, marcada polo despregamento de tecnoloxías verdes como as enerxías renovábeis e o vehículo eléctrico. Por Xosé Veiras García
CULTURA
[DEBATE] SER ACTRIZ EN GALICIA: COMPAXINAR CREATIVIDADE E RESILIENCIA
Catro actrices de dúas xeracións, a das pioneiras do teatro galego contemporáneo -de resistencia e ruptura creativa- e a das continuadoras que o tensionan nun tempo de transicións e crises, aceptaron o convite de TEMPOS NOVOS para poñeren en común as súas respectivas miradas sobre a maneira de encarar os desafíos culturais e artísticos da profesión en Galicia. As catro teñen participado en numerosas montaxes teatrais -con compañías e co Centro Dramático Galego- así como en series de TV, en curtas e longametraxes cinematográficas. Por Francisco Cortez-Lobão Sineiro. Interveñen María Barcala, Esther F. Carrodeguas, Luma Gómez e Rocía González.
[CRÓNICA] CINEUROPA 35
A cita anual de Compostela co cinema volveu reunir unha escollida selección de filmes que, nalgúns casos, veñen facendo un percorrido por festivais de sona como Rotterdam, Sitges, Venecia ou Cannes, ou ben foi nos mercados destes eventos onde se logrou a súa contratación para Cineuropa. O importante é armar unha programación na que se prioriza a exhibición de títulos que dificilmente poderían verse doutro xeito na cidade. Por Fernando Redondo
Todo isto e máis no número de xaneiro de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí