Sábado 10, Xuño 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS 303

SUMARIO TEMPOS NOVOS 303

EN DESTAQUE                             

Felices ou deprimidos?

A GALICIA ANÍMICA

Dun ano a esta parte, tivemos coñecemento dunha enquisa do Instituto Sondaxe para La Voz de Galicia na que se abordaba a cuestión do estado anímico dos galegos e galegas. Os resultados publicados eran a un tempo excelentes e asombrosos. Se o 24 de outubro de 2021 se informaba de que 9 de cada 10 residentes na Comunidade se consideraban felices, o 6 de marzo de 2022 esa cifra baixaba levemente para quedármonos cun 86% de cidadanía feliz. En calquera caso, un éxito rotundo como sociedade. Un artigo de Marcos Lorenzo

Entrevista

ROSA CERQUEIRO, psicóloga clínica

A pandemia alentou procesos críticos que incrementaron o número de persoas que viron seriamente deteriorada a súa saúde mental. Por máis que é un fenómeno xeneralizado, a incidencia en Galicia recrudeceu estados depresivos na sociedade, que teñen no número de suicidios e na inxesta de psicofármacos unha dramática e alarmante constatación. Velaí polo que a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro e outros recoñecidos doutores da súa especialidade veñen demandando a través do Movemento Galego de Saúde Mental políticas públicas que sirvan para afrontar ese deterioro e poñerlle coto. Polo de agora con escaso éxito. Rosa é a súa portavoz, e con ela falamos sobre as causas que inflúen negativamente no estado anímico do país.

AS CLAVES                                

[POLÍTICA] MOITO RUÍDO E POUCOS CAMBIOS

Estas últimas semanas, no ronsel da resaca das eleccións andaluzas de 19 de xuño, estiveron inzadas de feitos políticos relevantes que, en opinión de faladoiros e analistas varios, alteraban en rápida sucesión a dinámica política, como se todos os partidos quixesen deixar feitos os seus deberes antes da pausa estival. E así, logo duns días de baixón anímico das esquerdas e de euforia máxima do PP, o día 23 prodúcese unha masacre de inmigrantes na fronteira de Melilla, o 28 e 29 celébrase o cumio da OTAN en Madrid, o 6 de xullo fracasa o primeiro intento de acordar un pacto de rentas entre goberno, patronal e sindicatos, dous días despois chega por fin o lanzamento do Sumar de Yolanda Díaz, o 12-14 de xullo ten lugar un debate sobre o Estado da Nación que marcou posicións, e finalmente o 15 Pedro Sánchez e Pere Aragonés acordan desenterrar a mesa diálogo antes de que remate o mes. Asemade nese tempo o goberno consegue, non sen dificultades, que o Congreso aprobe varias normas e medidas importantes tanto no político como no económico. Por Justo Beramendi

[GALICIA] SEN ALIANZAS, NIN DEMOCRACIA NIN CAMBIO POLÍTICO

A onda democratizadora que abrollou nas prazas en 2011 está, desde hai tempo, en devalo. A perspectiva máis optimista advírtenos sobre unha próxima glaciación conservadora de dereitos e liberdades. A máis realista salienta xa unha intensa depreciación da calidade da nosa democracia coa reconfiguración do Réxime do 78 seguindo o padrón do liberalismo autoritario: orde e seguridade como emenda de liberdade e xustiza social. Por Manuel M. Barreiro

[GLOLOCAL] MADRID TOMA PARTIDO

As últimas decisións en política exterior do actual goberno en Madrid ilustran un cambio de enfoque que ten como premisa maior un aliñamento máis substantivo coas teses e orientacións de Washington. Deuse carpetazo definitivo -e por ambas as dúas partes- ao simbólico desplante de Rodríguez Zapatero en 2003. Por Xulio Ríos

[ENTREVISTA] BASILIO LOSADA, in memoriam

En maio do 2000, Rexina Vega entrevistou a Basilio Losada, quen daquela se xubilaba como catedrático na Universitat de Barcelona. Agora, vintedous anos despois parte definitivamente coa maioría e deixa aquí un ronsel de afecto e de admiración. Reproducimos aquela conversa delongada publicada orixinalmente no número 7 da revista Vento do Leste, da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña. Albíscase nela a súa enorme talla humana e intelectual. Por Rexina Vega

Solicita o teu exemplar aquí

Mandámoscho directamente ao teu domiclio

TODO É PEIXE                            

[CRÓNICA] FESTIVAL PLATAFORMA 2022

Entre o 9 e o 28 de xuño, desenvolveuse en Santiago de Compostela a terceira edición de Plataforma, Festival de artes preformativas, promovido pola Cooperativa Performa e dirixido por David Barro, Mónica Maneiro e Ikaki Martínez Antelo, que contaron co apoio institucional da concellalía de Cultura da capital de Galicia. O cronista seguiu de preto día a día o desenvolvemento dun programa de actividades do que, malia ter aínda poucos anos de vida, pasa xa por ser un dos máis innovadores festivais artísticos que se celebran no país. Por Miguel Vázquez Freire

[INCENDIOS] LUMES: TRAMAS E TRAMOISTAS

A vaga incendiaria deste verán devólvenos á realidade dunha das lacras que ameaza a nosa biodiversidade e unha das fontes máis importantes da riqueza natural e económica do país. Milleiros de hectáreas de monte e terras arrasadas, e case un cento de lugares habitados destruídos polo lume. Cebouse moi cruelmente no Courel e en Valdeorras, pero tamén no parque natural O Invernadoiro (en Vilariño de Conso) e en Oímbra, que o recibiu do veciño e novamente castigado Portugal. Unha traxedia que o economista e ensaísta Albino Prada analiza con ollos críticos, apostando por unha ofensiva de calado estrutural, e que unha das voces máis lúcidas da creación poética galega, Olga Novo, interioriza e denuncia nun poema, Chegará o día, que circula polas redes á maneira dun berro cósmico e desafiante. Por Albino Prada

CULTURA                                   

[CRÓNICA] 39 MITCF DE CANGAS. ALGO MÁIS QUE COMEDIA

O solsticio de verán abriuno a festa de San Xoán e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a MITCF, que vai pola súa 39 edición. Este ano sen máscaras e, por primeira vez, nun Auditorio Municipal que leva o nome de Xosé Manuel Pazos Varela. Por Afonso Becerra de Becerreá

ESPECIAL TEMPO DE LECER                                   

[LIBROS] LITERATURA REFRESCANTE

Sempre resulta dificultoso orientarse entre as augas bravas das novidades editoriais, un torrente tan caudaloso que provoca que ás veces traballos literarios de gran interese pasen desapercibidos. Dende esta sección (que terá continuidade cada tres meses en TN) tentaremos rescatar algúns deses títulos que, cremos, merecen máis de atención da recibida. Unha selección refrescante contra a calor estival. Por Manrique Fernández

[CINEMA] MELLOR RIR QUE CHORAR

Nestes tempos escuros nos que nos atopamos, non é sinxelo andar coa moral alta. A onda reaccionaria bate con forza en moitas costas, tamén nas nosas. A inflación non está dando moitas alegrías e o sistema conceptual neoliberal xa volveu devorar aos discursos redistributivos que xurdiron coa crise pandémica. Sen embargo, non hai que botar a toalla. O desalento é un dos peores inimigos da esperanza. Como di miña nai, sempre é mellor rir que chorar. Por iso, para este verán traemos a este pequeno recuncho do mundo tres películas e dúas series que quentan un chisco o corazón, incluso nos días máis nubrados. Por Luís Ogando

[EXPOSICIÓNS] NO SOLLEIRO DA ARTE

Estamos en pleno verán, e é un bo momento para ampararnos ao frescor que nos ofrecen os museos e as diversas salas expositivas, apreciando as súas propostas, devagar, sen présa, reconciliándonos coa arte, cos espazos, e coas xentes. O noso compás guíanos nesta ocasión cara a catro exposicións ben diferentes, e todas elas co seu atractivo especial. Por Rocío Figueroa Guisande

[MÚSICA] DE PORTAS PARA DENTRO

Non sei se un esquío será quen de atravesar Galicia sen tocar o chan, na Limia ou na Terra Chá halle costar, pero o que si é seguro é que este verán se podería coñecer o país a fondo saltando de festival en festival. Apenas hai cidade, vila, aldea ou lugar que, dentro das súas posibildades, quede sen o seu festi. En xullo poidemos ir do Resurrection, paraíso do metaleiro sen etiquetas, ata o elitismo intelectual do Sinsal, sempre con cartel sorpresa, pasando pola catedral do folk de Ortigueira, do masivo entre os masivos Festival do Camiño ata pequenos e encantadores como Festival das Carrilanas de Esteiro, o Castelo Rock de Muros ou o exquisito Ribeira Sacra. Por Carlos Rego

[BANDA DESEÑADA] INMERSIÓN E FABULACIÓN

O período estival é un deses momentos do ano no que hai que facer reconto do que levamos e xuntalo todo nunha cómoda e, certamente, típica lista. Aínda sen terlle moita fe a estas acumulacións breves de recomendacións, non cabe dúbida que cumprir as tradicións é importante, polo tanto, aí vai a nosa. Por Manu Barreiro

Todo isto e máis no número de agosto de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí