En destaque
O cumio de Glasgow
UNHA GRANDE ESTAFA
Todos o recoñecen: non hai tempo que perder. Cantos veñen de participar en representación dos seus respectivos países no cumio da COP26, en Glasgow, coñecen as prediccións científicas tanto do IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático) como da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), e saben que só con medidas tan drásticas como acelerar a eliminación do carbón e rematar coas subvencións aos combustibles fósiles é posible ganarlle a dianteira á catástrofe. Como saben tamén que non existe unha solución estrutural sen unha diminución global da produción, o consumo e o transporte, modulada en base ao que se entende por xustiza social. Precisamente todo o que non casa coas leises fundamentais do capitalismo. Diante destes postulados, aos gobernantes éntralles o canguelo e, en aberta sumisión ás políticas neoliberais, frean calquera tipo de avance nesa dirección. Tódalas promesas de cumios anteriores están baleiras, e moi especialmente as que tiñan como obxectivo axudar con 100.000 millóns de dólares por ano aos países do Sur global que carecen de recursos para afrontar o desafío climático. Velaí polo que regresaron da Conferencia internacional case como entraron. Desta maneira será imposible o subscrito no Acordo de París, en 2015, no que se marca un límite de 1,5 graos de quecemento global a finais de século. O imprescindible para que o Planeta sobreviva. O experto internacional en cambio climático Horacio Fazio e o activista galego Henrique Lijó, de Ecoloxistas en Acción, analizan e valoran para TN o alcance deste novo fracaso diplomático. Á súa vez, o recoñecido teólogo e intelectual brasileiro Leonardo Boff fai da Terra ameazada o máis radical dos argumentos contra esa grande e nova estafa política.
Inclúe os artigos:
CRISE CLIMÁTICA E COP 26: MÁIS DO MESMO, por Horacio Fazio
A ACTITUDE PUSILÁNIME DO GOBERNO ESPAÑOL, por Henrique Lijó
A TERRA AMEAZADA, por Leonardo Boff
En foco
[POLÍTICA] RENOVAR DEGRADANDO
Nos dous últimos séculos temos exemplos de abondo de que as democracias non sobreviven se a maioría da sociedade chega ao convecemento de que son unha farsa que ademais non sirve para solucionar os seus problemas maiores. Ábrese así a porta a alternativas que ao cabo resultan moito peores pero que de momento parecen a solución. Nestes días en España deuse un paso máis nese perigoso camiño que ogallá se rectifique a tempo. Por Justo Beramendi
[SOCIEDADE] TANCREDI E AS LEIS DE VIVENDA
Para o autor deste artigo de análise e valoración, un experto en urbanismo, as dez medidas que se contemplan no proxecto de lei de Vivenda que actualmente está en tramitación parlamentaria nada resolverían a curto prazo á hora de reverter os enormes déficits habitacionais detectados nos diferentes territorios do Estado. Para esclarecer as causas, recurre a contrastar os procesos históricos que fixeron da chamada Viena Vermella e do desarrollismo franquista dous modelos diametralmente opostos: a capital austriaca como un espazo urbano ao servizo da poboación e as cidades da ditadura e da xa alongada transición deixadas en mans dos promotores privados, sen unha aposta decidida pola vivenda pública. Se, como sucedeu en Galicia coas leis do 2008 e do 2012, a lei estatal que se aprobe no Parlamento non rompe con ese cordón umbilical, aparte de seguir facendo inviable o dereito constitucional a unha vivenda digna, agrandarase a crise habitacional, social, que a día de hoxe sufren milleiros e milleiros de persoas e familias. Por Xosé Allegue.
[ENTREVISTA] JUAN ALBERTO TURNES, economista.
“O primeiro a discutir no modelo de financiamento son os recursos que se queren destinar ao estado do benestar”
As liortas políticas que se roducen en paralelo coa reivindicación dun reorientado financiamento autonómico provocan tanto ruído —porque as demandas proceden de comunidades que representan intereses contrapostos e difíciles de conciliar—, que fan inaudibles os argumentos cos que os estudosos tentan definir o modelo máis acaído, quérese dicir, o máis xusto e equilibrado. Un deles, o profesor da USC, Juan Alberto Turnes Abelenda, colaborador de TN, que vén de publicar precisamente o libro Descentralización fiscal e desenvolvemento (Laiovento, 2021) no que aporta os resultados dun traballo sistemático e rigososo de investigación sobre esa problemática. Con el mantivemos unha entrevista, na que desvela datos que axudan a entender en que dirección se terían que orientar os fluxos fiscais directos e indirectos entre Galicia e o Estado. Por Manoel Barbeitos Alcántara
[MEMORIA DEMOCRÁTICA] A SACUDIDA DA FICCIÓN NO TEMPO POST-ETA
Tal como sucedera tras a publicación da novela Patria, de Fernando Aramburu, que tivo deseguida a súa versión e co mesmo título como serie de televisión, a película Maixabel, dirixida por Icíar Bollaín, que segue estando nas carteleiras dos cinemas do Estado despois da súa estrea no festival internacional de Donosti, removeu de novo o debate a respecto de se a ficción é ou non o soporte axeitado para conformar e difundir no tempo da post-ETA o relato político sobre a situación dramática que se viviu no País Vasco, en tamén en España, durante 40 anos. Non son os únicos referentes, porque antes saíron do prelo outras novelas de escritores vascos, reflectándose tamén en diversos filmes esa tan doorosa realidade, pero son os que acadaron maior eco. Joseba Eceolaza escribe sobre iso para Tempos Novos. Por Joseba Eceolaza.
[ENTREVISTA] ROSA MARÍA CRUJEIRAS, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia.
“Queremos establecer unha axenda científica enfocada aos grandes retos globais”
Rosa M. Crujeiras (Ribeira, 1978) vén de ser nomeada directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga), un novo centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica, de referencia non só para Galicia senón para todo o estado. Rosa M. Crujeiras foi investigadora postdoutoral na Université Catholique de Louvain (Bélxica). Dende xaneiro de 2008 é profesora no Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC. Foi secretaria do Instituto de Matemáticas da USC entre 2010 e 2013, e Optimización e coordina o Programa de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa dende xaneiro de 2019. En diversos períodos ocupou o cargo de vicedecana da Facultade de Matemáticas e a Vicerreitoría de Comunicación e coordinación de USC. Por Luís cachafeiro
ARGUMENTA Ciencia e pensamento
REALISMO ESPECULATIVO, POR QUE?
Carlos Lema, Brais Arribas e Ahraham Rubín achégannos a unha corrente de pensamento aínda non moi coñecida mais que, segundo a súa apreciación, está chamada a ter unha importante repercusión e influencia. Trátase da corrente que vai desde o realismo especulativo do francés Quentin Meillassoux á Ontoloxía orientada aos obxectos dos estadounidenses Graham Harman, Levi Bryant, Ian Bogost e Timothy Morton.
CULTURA
[IDEAS] Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán
Pecha o ano no que se conmemorou o centenario do falecemento da escritora, catedrática, ensaísta e crítica Emilia Pardo Bazán, sen dúbida algunha unha das figuras máis relevantes na transición española entre os séculos XIX e XX. Tal e como se presumía, por se tratar dunha personalidade poliédrica e contraditoria, o ano deu de si unha confrontación de retratos que dela fixeron investigadores e investigadoras da súa obra, vida e pensamento. Converxen uns e outras en valorar a fortaleza da súa literatura, recoñecéndolle tamén a súa teimosía en abrirse camiño nun mundo de homes, pero abrollaron profundas diverxencias a respecto fundamentalmente do posicionamento político da condesa de Meirás, da mirada que proxectou sobre Galiza e do seu publicitado feminismo. Unha das voces máis críticas ao respecto é a da profesora e ensaísta Pilar García Negro, autora do libro Galiza e o feminismo en Pardo Bazán (Editorial Alvarellos), do que reproducimos as conclusións, cunha introdución xornalística previa que fixo para TN. Por Pilar García Negro.
Protexta
Conversa con sara Plaza. Por Manuel Forcadela.
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.
Masa crítica
Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí