En destaque
A axenda ultra
GUERRA CULTURAL
A raíz da descuberta de sucesos homófobos que por enésima vez volveron conmocionar a conciencia da cidadanía democrática, retomouse o debate que enmarca esa e outras tipoloxías de violencia no caldo de cultivo producido, e alimentado, polos discursos de odio. Europa vén de aprobar por iso que este tipo de atentados teñan a dimensión xurídica de delito. A abstención dos parlamentarios do PP na UE resituou máis unha vez á dereita española no campo onde a extrema dereita, a de VOX e a de Orbán ou a dos lepenianos, entre outros, ten a súa anclaxe e a súa ben engraxada axenda deconstrutiva, por antidemocrática. Pero máis alá desa anomalía estratéxica —están no todo vale para volver ao poder perdido—, o que a proliferación dese tipo de actos bárbaros e brutais suxire é que as dereitas radicais e ultras poideran estar gañando a batalla da opinión entre aqueles sectores sociais que en tempos de crises son máis permeables a discursos simplificadores, inevitablemente demagóxicos e populistas, cos que elas tentan embaucalos. Quedármonos, pois, na dimensión política dese fenómeno sería entender a medias ese ascenso ultra e a conseguinte proliferación de actos violentos —volveu quedar en evidencia na recente marcha de neonazis polo barrio madrileño de Chueca— contra os diferentes. Cómpre ter en conta a súa dimensión cultural. En como se constrúen e difunden os discursos de odio que lle dan substancia. É no que o ensaísta e filósofo Jorge Álvarez Yágüez centra o seu artigo de análise. Que ten na sección de Argumenta deste mes tres textos de reflexión cos que contextualizar, seguindo a teóricos como Hannah Arendt, Frantz Fanon e o filósofo da burguesía liberal Popper, a sempre espiñenta relación da violencia e a política nas sociedades actuais.
En foco
[POLÍTICA] DE PERAS E OLMOS
Pedirlle peras ao olmo é o dito popular que usamos cando se procura de algo ou de alguén un imposible ou case. Nesta rentrée, inzada de dinámicas negativas, de confrontacións políticas e socioeconómicas que se retroalimentan nunha polarización crecente, temos no plano do real unha boa colección de olmos e no plano dos bós desexos moitas peras necesarias para mellorar algo as cousas. Mutarán algúns olmos en pereiras? Por Justo Beramendi
[POLÍTICA] PONTÓN E A NOVA FRONTEIRA
O 26 de agosto, Ana Pontón comunicou que abría un período de reflexión sobre a súa continuidade como portavoz do BNG. Unha sorpresa maiúscula que acendeu luces de alarma. Hai tempo que unha sonada entidade financeira se anuncia exitosamente como «o banco non-banco». De igual modo, co paso dos días, a suposta crise de liderado no BNG tornou nunha «crise non-crise». Por Manuel M. Barreiro
[ECONOMÍA] SOBERANÍA E AUTODETERMINACIÓN
Imos supor que rematamos este ano deixando atrás a incerteza sanitaria na que nos meteu esta pandemia a comezos de 2020. Que coas vacinas e as precaucións sociais somos quen de recuperar o punto no que colapsou case todo. Ao parecer xa temos á venda dous tratamentos sociais de amplo consenso: unha acelerada recuperación con transición enerxética e dixital. Por Albino Prada
[SOCIEDADE] CAMIÑA SEN RITMO PARA NON ATRAER AO VERME
As aulas empezaron un nove de setembro e o dezasete estrenouse a nova versión de Dune, que quere deixar atrás o universo Lynch no que hai tempo que semellamos sobrevivir. O nove, ironicamente, tamén foi o día no que eu entreguei este artigo para a súa publicación. De xeito irónico sei que o futuro non está escrito. Por Anna R. Figueiredo
[MUNDO] FUTUROS PARA AFGANISTAN
O 11 de Setembro, 20 anos despois do fatídico 11S, os EUA debían completar a retirada das súas tropas de Afganistán, cumprindo así coa promesa realizada nos acordos subscritos cos Talibán en Doha en febreiro de 2020. Fixérono, pero o desenlace quedou en mans dos fundamentalistas, que detectan todo o poder. E agora que? O experto en temas internacionais e analista de TN aporta as claves coas que prefigurar os escenarios posibles. Por Xulio Ríos
[REPORTAXE] AS PANTASMAS DE MEIRÁS
A discusión sobre os usos do Pazo de Meirás, agora que pertence ao patrimonio do Estado, coincidiu co centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, reavivando o debate na opinión pública. Pescudamos que significados garda este histórico lugar hoxe en día, por que se trata dun caso de recuperación patrimonial destacable e cal podería ser o seu futuro inmediato. Por Sara Silvar Prieto
[ENTREVISTA] Mª XOSÉ VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, profesora de Economía Aplicada
Para avaliar o impacto que as crises económica e sanitaria está producindo tanto no tecido económico como no social, e de maneira especialmente preocupante no que ten a ver coas mulleres, entrevistamos a María Xosé Vázquez Rodríguez, profesora de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Unha das máis cualificadas expertas en temas de economía social e ambiental, ten participado en investigacións sobre o noso medio natural e sobre os fenómenos de todo tipo que o contaminan e destrúen (por caso, tras a catástrofe do Prestige). De todo elo dan conta as súas moitas publicacións académicas. Por Manoel Barbeitos Alcántara
ARGUMENTA Ciencia e pensamento
Violencia e política
Hoxe pode parecer que o ideal pacifi sta e democrático apenas ten oposición dentro dos discursos políticos dominantes nos países desenvolvidos. A violencia extrema das accións terroristas exercidas por grupos fundamentalistas de pretendida inspiración islámica seguramente ten contribuído ao abandono do recurso á violencia entre grupos políticos revolucionarios. Porén, pensamos que pagaba a pena botar unha ollada retrospectiva a tempos non tan afastados, nos que as críticas sobre os déficits de lexitimación dos réximes democráticos abonaron o terreo para a circulación de discursos que favoreceron a xustificación do uso da violencia. Os tres artigos, que asinan Miguel Ángel M. Quintanar, Ángel Pérez e Miguel Vázquez Freire, achégannos reflexións sobre Hanna Arendt, Marx e Frantz Fanon que revisan desde unha perspectiva actual a espiñenta cuestión da violencia e a política.
Protexta
Conversa con María Alonso. Por Ana Garrido
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.
Masa crítica
Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí