Domingo 1, Outubro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS 285

SUMARIO TEMPOS NOVOS 285

En destaque                                   

Dos neocon aos ultras da Alt-Right

A DECADENCIA DO SOÑO AMERICANO

EEUU. é vulnerable. Esa é a primeira idea que lles veu á cabeza aos observadores internacionais mentres contemplaban, abraiados, a dramatizada secuencia dunha turba que asaltou o Capitolio sen apenas resistencia policial. Máis alá da pretendida anulación dos votos cos que ía ser ratificado Joe Biden como presidente do país, obxetivo no que fracasaron, os amotinados quixeron e conseguiron demostrar a súa posición de forza na batalla que están dispostos a librar —co trumpismo como enseña patriótica— contra as elites, ás que responsabilizan de todos os males. A violencia como actor político co que restaurar as esencias do soño americano, que só os estadounidenses da América branca teñen o dereito e a capacidade de compartir. A segunda idea xurde por deducción: algo moi grave ten que estar removendo as cimentacións sobre as que se ergueu a arquitectura política e institucional do país, noutrora o máis rico e poderoso do mundo. Unha crise de desgaste físico e deslexitimación democrática consentido polos neocon das últimas décadas e aproveitado nos últimos anos polos alt-rightianos para levaren a cabo a súa reaccionaria, conspiranoide e negacionista contrarreforma. Unha crise sistémica, en definitiva. Que presaxia, malia as expectativas creadas por Biden, tempos colvulsos. Coas colaboracións de Carlos Montenegro, Boaventura de Sousa e Xulio Ríos.

En foco                                                                

[POLÍTICA] TRIÁNGULO TÓXICO

Que 2020-2021 vai ser un bienio negro por moito que claree ao final, é evidente. Que 2021-2022, declarado Santo por Bergoglio que para iso é Papa, sexa santo tamén para a saúde e a economía da xente, está por ver. De momento empezou mal, moi mal. Nas tres semanas que levamos de xubileo, a pandemia, co seu ronsel de hospitais desbordados, mortos e ruinas, vai de mal en peor. Chegaron as vacinas, pero pasarán moitos meses antes de que levanten un cortalumes eficiente. Entre tanto, parados, precarios, crebados e famentos non albiscan saída no horizonte. E por se todas estas ledicias fosen poucas, chegou a avoa Filomena e pariu unha nevarada e unhas xeadas das que entran moi poucas en século, que deixaron aos poderes públicos máis espidos do que estaban, que xa é dicir. Por Justo Beramendi.

[POLÍTICA] ESE PAZO QUE SEMPRE TIVEMOS DIANTE

Meirás. Granxa? Torres? Pazo? Só o seu nome sirve para trasladarnos mentalmente á visión dende lonxe dunha zona verde axardinada no cumio dunha ladeira rematada por un inmoble pétreo, adusto, señorial… O espazo soñado por Dona Emilia Pardo Bazán. O traslado a unha realidade allea ó tempo e ó espazo, feito e construido para o deleite dos sentimentos. Pero o Pazo tamén é a imaxe do franquismo durante catro décadas. Un símbolo da ditadura, e tamén a imaxe dun réxime que pasou outro tanto tempo tras a morte de Franco en propiedade privada. De Granxa a Pazo. Atopábase diante de nós, dia tras día. Por Emilio Grandío

[POLÍTICA] BATALLA POLO GOBERNO DO PODER XUDICIAL

A negativa do PP a negociar a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, cuxos membros de ideoloxía maioritariamente conservadora están en funcións desde hai máis de dous anos, fai que como tal órgano de goberno do poder xudicial estea baixo sospeita. Obrigan a pensalo de parte a súa pouco disimulada estratexia de confrontación co actual goberno de coalición —o que se entende por lawfare— e a indisimulada política de nomeamentos de xuices para as máis altos tribunais de xustiza no Estado. Por David Soto

[ECONOMÍA] O IMPACTO DO BREXIT NA PESCA GALEGA

Gosto moito do dito —e máis nestes tempos— de que “nunca choveu que non escampara”. Porque, a pesares dos diferentes temporais que veu soportando dende a entrada na, daquela, Comunidade Económica Europea (CEE) en 1986, o sector pesqueiro aínda existe e aguanta —moitas veces só “á capa”, pero aguanta—. Sempre, iso si, alternándose sobre el ameazas e oportunidades. Volven agora, como veremos de seguido, tras as negociacións entre a UE e Gran Bretaña por mor do Brexit, acordando moi a última hora que a flota europea poida seguir faenando en augas británicas durante cinco anos e medio, período durante o cal verá reducidas nun 25% as súas actuais cotas pesqueiras. Por Torcuato Teixeira Valoria

[SOCIEDADE] SOBRECARGA IDEOLÓXICA NO APOIO ÁS FAMILIAS NUMEROSAS

O Parlamento, a proposta da Xunta e só cos votos do PP, vén de aprobar unha lei de impulso demográfico para combater o declive da natalidade. Coido que a preocupación pola evolución demográfica está sendo aproveitada pola Igrexa e as súas organizacións, nomeadamente o Opus Dei, para transferir diñeiro público ás familias de tres ou máis fillos, independentemente de se o necesitan ou non. Xa o están facendo de diversas formas (apoio nos gastos do ensino, vantaxes fiscais diversas…), pero son insaciábeis. Por Enrique Sáez Ponte

ARGUMENTA Ciencia e pensamento                  

O FOSFANO E A VIDA EN VENUS. Por Ramón Vilalta López
EDITAR O ADN HUMANO. Os límites da manipulación xenética. Por Carmela García González López

Cultura                                                                   

ENTREVISTA CON PEPE PAZ, profesor e alma mater do Cine club Padre Feijóo. Por Luís Álvarez Pousa

Protexta                                                          

Conversa con Xavier Queipo. Por Manuel Forcadela
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa crítica                                                    

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de febreiro de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí