Domingo 28, Novembro 2021
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS · NOVEMBRO 2021

SUMARIO TEMPOS NOVOS · NOVEMBRO 2021

En destaque                               

Anteproxecto de Lei do Audiovisual

ESPAÑOLISTA E NEOLIBERAL

Un goberno progresista, pero neoliberal no audiovisual. De confirmalo así encárgase a vicepresidenta Nadia Calviño no anteproxecto de lei que pensa levar canto antes ao Consello de Ministros. De saír adiante, agravaríase a crise que desde hai anos veu lastrando o servizo público audiovisual. Se a lei do 2009, con Zapatero na Moncloa, xa nacera escorada cara a TV privada, e se a contrarreforma de Rajoy non só mantivo esa tendencia senón que a reforzou permitindo a xestión privada das TVs autonómicas e locais, a que agora se tramita asume todo iso e plégase aos intereses corporativos tanto dos operadores de televisión vixentes como das grandes plataformas dixitais. Os ususarios dos servizos audiovisuais non están no centro da normativa, que se limita a establecer uns mínimos legais e unhas regras de tráfico entre operadores. Porén, ademais de mercantilista e conservador, o anteproxecto españoliza as contadas regulacións —cuestións como a do pluralismo, a calidade, o número de actores, os novos valores…encoméndallas á autorregulación!— coas que protexer e fomentar no audiovisual a lingua oficial do Estado, negándolles porcentaxes definidos ás linguas cooficiais, que son igualmente ninguneadas na porcentaxe de español que as plataformas (Netflix, HBO, Amazon Prime, Disney+…) quedan obrigadas a incluir (na dobraxe, no lexendado e nas audiodescripcións das obras europeas) nos seus respectivos catálogos. A lectura crítica que do anteproxecto fixo o colaborador de TN, Ramón Zallo, e que na súa versión en castelán vén de ser publicada en CIC, Cuadernos de Comunicación e Información, 26, pon ao descuberto a trabe neoliberal e centralista que sostén esa alarmante proposta lexislativa, porque entre outras cousas penaliza o público e predestina a lingua de Galicia á orfandade dixital. Queda por saber que son capaces de conseguir a Generalitat de Catalunya e ERC, que axustaron contas a tempo co goberno de Sánchez. Pero a cousa pinta mal. Un artigo de Ramon Zallo.

En foco                                                                       

[POLÍTICA] TEMPO DE CONGRESOS

Aínda que algúns digan o contrario, todos os actores políticos están convencidos de que o máis probable é que o goberno esgote a lexislatura, a non ser que se cruce no camiño algunha catástrofe imprevista. Así que, espaventos e postureos á parte, todos dedican hoxe as súas mellores enerxías a prepararse para o vertixinoso ciclo electoral que entre finais do ano próximo e finais do seguinte decidirá quen manda no Estado, nas autonomías e nos concellos. E moi en particular teñen que facelo PSOE e PP, as dúas forzas que, malia a creba do bipartidismo imperfecto, seguen a ser, agás en Euskadi e Cataluña, as trabes mestras de calquera poder posible. Por Justo Beramendi

[ECONOMÍA] NOVO SHOCK ASIMÉTRICO: A INFLACIÓN ELÉCTRICA

Agora que un factor decisivo para o encarecemento da electricidade en España está sendo a evolución do prezo do gas natural —e máis alá de facerse necesario desmontar un sistema marxinalista que fai que o megavatio hidráulico ou nuclear se facture ao prezo do gas—, é boa ocasión para aclarar que está pasando co gas a nivel mundial. Porque podería ser un caso máis, entre moitos, de como se poden encarecer os recursos naturais que un non ten. E da subseguinte prioridade de non facer o primo cos recursos que un ten. Por Albino Prada

[DEBATE] UNHA GALICIA EN REDE URBANA E ABERTA A PORTUGAL

O libro Unha nova Olanda… De Ferrol ao Porto: As cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global (Galaxia, 2021), do filósofo e ensaísta Antón Baamonde, é unha suxerente reflexión sobre o modelo de sociedade rede onde nos estamos a sustentar. Nas grandes cidades e areas metropolitanas que chamamos megarrexións constrúese o vindeiro sistema mundo. Toca pensar a cidade como espazo público, de mobilidade, conectividade e mesmo identidade. O futuro de Galicia está ligada ao carácter urbano. A obra introduce a reflexión de se o proxecto de Galicia é unha nación no sentido clásico ou se é o dunha cidade nación, inserida no sistema mundo a través desa urbanidade.
Como pode Galicia atraer poboación e integrarse mellor na economía mundial preservando os marcos dunha sociedade civilizada e sen medo ao futuro? Eis a pregunta sobre a que pivotou o debate que organizou TN, aproveitando esa novidade editorial. Texto de Francisco Cortez-Lobão Sineiro.

ARGUMENTA Ciencia e pensamento                    

MATEMÁTICAS NA COVID

As Matemáticas na COVID teñen abordado facetas tan diferentes como o modelado da evolución da enfermidade e a súa predición, o deseño das enquisas de seropositividade, os sistemas de monitorización de carga viral en augas residuais ou o deseño de estratexias para paliar o colapso dos recursos sanitarios. Pero quizais a grande diferenza da achega das Matemáticas á comprensión desta pandemia con respecto a outras ciencias é a dificultade que ten a sociedade, e porén, as autoridades gobernamentais, para aproveitar o coñecemento xerado na toma de decisións. Por Rosa M. Crujeiras Casais

SOBRE OVNIS, TERRESTRES E EXTRATERRESTRES

Segundo a primeira acepción do dicionario Xerais, ‘ver’ é ‘percibir polos ollos a forma e cor dos obxectos mediante a acción da luz’. Sobre cores e formas, existen multitude de experimentos que poñen en evidencia como podemos enganar aos nosos ollos e á parte do cerebro que traballa con esa información. No mesmo dicionario, como última acepción de ‘ver’, a número 14, aparece ‘Xuízo, maneira de pensar’. Efectivamente, aínda admitindo que coincidimos no primeiro significado, á hora de xulgar feitos, cabe aplicar esta última acepción con coidado. Por Ramón Vilalta López

CULTURA                                                       

[CRÓNICA] Jácome, Baltar e Simone Weil en Ourense: o importante é non explicarse

Pe(n)sar a(s) cultura(s) (memoria para esquecer a historia), é o título das primeiras xornadas culturais que se celebraron en Ourense co carimbo do colectivo Emerxencia Cultural, entre o 24 e o 25 de setembro. Curadoría colectiva, congreso e anticongreso. Chamamento e petición de axuda: un xeito de amosar que a cultura non ten dono, aínda que o amo —o fillo do cacique Baltar, neste caso— sexa un dos principais pagadores de cultura da península ibérica, tendo en conta o seu orzamento.

Protexta                                                          

[ENTREVISTA] Bibiana Candia, escritora. Por María Xosé Porteiro.
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa crítica                                                    

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí

Novidades