Luns 5, Decembro 2022
HomeOutrosROCAS, UN COMPLEXO MONÁSTICO AMEAZADO

ROCAS, UN COMPLEXO MONÁSTICO AMEAZADO

A só 16 kilómetros da cidade de Ourense, no concello de Esgos, e formando parte dese microcosmos de excepcional arquitectura natural que é a Ribeira Sacra, atópase o complexo monástico de San Pedro de Rocas. Corenta hectáreas que lle dan vida a un gran bosque de coníferas en ascenso cara os picos pedregosos que os axentes xeolóxicos produciron no lugar ao longo dos anos. Excabadas na roca, as tres naves da igrexa do mosteiro eremitario, o máis antigo de Galicia, datado polos historiadores no século VI, polo que foi declarado en 1923 Monumento Histórico Artístico. Un Camiño Real, de grande interese natural, cultural e etnográfico, discurre por unha vereda que conserva os seus muros laterais, e foi sempre a vía histórica de acceso a Rocas. É a que agora está en perigo, ao empecinarse a Deputación en levar a cabo sobre esa vía obras que ameazan con sepultar baixo toneladas de formigón todo o que estorbe o ancheamento dos 500 metros da estrada Luintra-Esgos que ata o de agora quedaran a salvo das máquinas, e satisfaga a febre turística do presidente Baltar.

       Xa comezou a talla de árbores, e a empresa contratada demoleu parcialmente o pasado 7 de marzo un dos muros perimetrais do coto do mosteiro, malia estar pendiente un xuizo no que se ha de avaliar a legalidade/ilegalidade dos informes técnicos -os da asociación Icomos España, asumido pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e pola Deputación- nos que, malia omitirse neles a lexislación que protexe os BICs e as Paisaxes catalogadas, como é o caso de Rocas, se apoian a presidencia e sorprendentemente a oposición da corporación provincial para acometer o que outros expertos non dubidan en calificar de auténtico atentado.

      A Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas (os donos do couto, que presentaron no seu día un contencioso administrativo aínda pendiente contra a Deputación) e os arqueólogos que  a asesoran seguen pedindo a adhesión de academias, consellos e asociacións á chamada Declaración de Rocas, na que reclaman a suspensión das obras. Asimesmo, son numerosos os colectivos mediomabientalistas, sociais e culturais -entre os que se atopan os 70 que integran SOS Ourense- que se veñen manifestando contra o proxecto da Deputación, tanto a pé de obra como diante da sede do organismo provincial, recibindo o apoio de xentes de toda Galicia na xornada de reflexión e protesta que celebraron na Casa da Coutada, en Esgos, o pasado 29 de marzo.

por Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga

O complexo monástico de San Pedro de Rocas, cuxa igrexa está catalogada como Monumento Nacional desde 1923, atópase en perigo inminente. Nin por iso, nin por estar declarado ese lugar como Ben de Interese Cultural en 1999, nin por estar incluido no BIC Ribeira Sacra de 2018 -que protexe toda a zona delimitada como paisaxe cultural-, nin por estar considerado área de especial protección paisaxística no Catálogo de Paisaxes de Galicia se libra da ameaza que comporta para el un proxecto de estrada de apenas 500 metros que tenta levar a cabo a Deputación de Ourense. Trátase do tramo da estrada OU-509, entre Tarreigo e Luíntra, que quedou excluído cando foi construida de novo en 2011, por mor do informe negativo que emitira daquela a Dirección Xeral de Patrimonio, que informou de novo negativamente a solicitude de permiso para dita obra no 2018.

Dous anos despois, sen embargo, a mesma Dirección Xeral autoriza as obras baseándose nun exiguo e apenas documentado informe de Icomos España e noutro de Tragsatec, documentos ambos cuxa legalidade está por determinar nun xuizo que quedou aprazado o pasado 10 de marzo. Malia todo, a Deputación pretende levar igualmente a cabo os traballos, con impactos irreversibles, e a xustiza non se pronuncia, pese á insistencia dos máis directamente afectados e diversos colectivos sociais que están alertando da situación, sobre as medidas cautelares solicitadas.

A estrada actual discorre sobre o camiño medieval, mantendo o seu trazado, topografía e perfís. As obras previstas farían desaparecer o muro que delimita o camiño, erroneamente considerado muro de contención nos informes técnicos que as autorizan, tal como o demostra unha fotografía de 1928 na que se observa un trazado idéntico ao actual.
Os valores do complexo de Rocas

A estrada actual discorre sobre o camiño medieval, mantendo o seu trazado, topografía e perfís. As obras previstas farían desaparecer o muro que delimita o camiño, erroneamente considerado muro de contención nos citados informes ou documentos técnicos, tal como o demostra unha fotografía de 1928 na que se observa un trazado idéntico ao actual. Todo o lugar considérase chan de especial protección arqueolóxica, no que non se levaron a cabo aínda de maneira oficial investigacións que  permitan facérmonos unha idea dos usos anteriores, ou probables construcións previas nos terreos que hoxe ocupa a Casa da Coutada.

As investigacións realizadas no marco do proxecto Petra Sacra, da Fundación Moreiras San Pedro de Rocas, que demostran a utilización de diversos espazos no coto, non se tiveron en conta, pese a ter sido comunicadas á Dirección Xeral de Patrimonio. Na época medieval, e integrado na orde beneditina, foi un complexo de actividades agropecuarias especializadas das que vivían non só os monxes, senón tamén a poboación que traballaba para eles. Porén, apenas sabemos nada aínda da organización deste coto, que debe ser estudado na súa integridade, tal como pretende a Fundación Moreiras San Pedro de Rocas. Por iso falamos de complexo monástico e non de mosteiro ou igrexa.

En canto ao trazado de muros e vías, son elementos que aportan información arqueolóxica moi valiosa, tal como sucede co camiño que comunicaba San Pedro de Rocas con Santo Estevo de Ribas de Sil. Por desgraza, parte deste muro xa foi destruído nas obras da estrada en 2011. As obras de mantemento non se fan manualmente por parte da Deputación, destruíndo así tamén parte da estrutura.

As vías medievais son chan de especial protección arqueolóxica, como recoñece a lexislación vixente. Abonda con pensar nas vías romanas, amparadas por ela. Pero, ademais, o chan considérase de especial protección xeolóxica. Desde o neolítico, as formas graníticas de San Pedro de Rocas espertaron os sentimentos relixiosos deses primeiros habitantes, deixándonos algún petróglifo e asociándose a cultos telúricos, unha tradición que, reinterpretada polo monacato, fixo da rocha natural unha xigantesca escultura da que hoxe admiramos non só a igrexa, coa súa necrópole de tumbas antropomorfas, senón tamén chanzos e canalizacións en pedra que poden observarse arredor dela. Un lugar sagrado desde antigo.

Un ecosistema maduro no que habitan árbores autóctonas como a Carballa a carón da Fonte de San Bieito, pero tamén fermosos exemplares de tilos, cipreses, pseudotsuga, cedros, alerces, abetos, secuoias, thuias e importantes áreas conservadas de bosque de ribeira. Un dos exemplares que se pretende tallar é un ciprés duns douscentos anos.

Aínda máis. O complexo alberga unha das formacións silvícolas máis importantes da provincia de Ourense polas dimensións e variedade das especies, cunha idade media de sesenta anos. Un ecosistema maduro no que habitan árbores autóctonas como a Carballa a carón da Fonte de San Bieito, pero tamén fermosos exemplares de tilos, cipreses, pseudotsuga, cedros, alerces, abetos, secuoias, thuias e importantes áreas conservadas de bosque de ribeira. Un dos exemplares que se pretende tallar é un ciprés duns douscentos anos. Árbores de grande valor situados noutro elemento singular, unha finca privada de 40 Ha, correspondente ao antigo coto do mosteiro, que permanece indivisa desde a desamortización de Mendizábal en 1836, mentres que a desamortización noutros mosteiros da Ribeira Sacra e Galicia  provocou a fragmentación da propiedade comprometendo a súa conservación e estudo.

No trazado atópase ameazado tamén o regato de Rebordoverde, que abastecía de auga ao mosteiro, e constitúe un elemento máis desta paisaxe que foi configurándose pola adaptación ás necesidades dos seus habitantes, unha paisaxe profundamente transformada pola acción humana, tal como recoñece e protexe o BIC Ribeira Sacra.

A Fundación Moreiras fomenta a investigación e a divulgación dos valores deste lugar, tal como está facendo a través da súa páxina en Facebook. Valores, por certo, que non se divulgan no denominado Centro de Interpretación aledaño á igrexa, ao que dotaron dunha gran explanada para que cheguen os autobuses, pomposamente publicitado como centro de interpretación da Ribeira Sacra, un centro xeneralista que fracasa na misión de poñer en valor a riqueza do espazo no que se ubica.

O que a Deputación pretende facer

Que se pretende facer? Non é un ancheamento da estrada, como se insiste desde a administración, senón un vial novo que levantaría a estrada cun muro de contención duns 5 metros de altura en formigón ciclópeo. Segundo a Deputación, coa finalidade de mellorar a seguridade vial do tramo. Pero cal é a sinistralidade? Nos rexistros da Dirección Xeral de Tráfico, nese medio kilómetro supostamente perigoso rexistráronse desde o 2006 un total de 12 accidentes, dos cales 8 foron relacionados coa fauna salvaxe (corzos e xabaríns). O ancheamento da estrada actual é posible, renovando o firme e mellorando se se quere a seguridade vial, pero respectando a lexislación e permitindo a conservación do patrimonio.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]