por Paula Vázquez Verao
Coa crise da COVID 19 e a súa importante incidencia nas residencias de maiores -en Galiza as mortes nos centros representan o 46,5%- púxose en evidencia unha situación á que a Xunta non era allea, malia que deliberadamente ignorase, fosen denuncias ou informes do Concello de Contas: estamos ante un modelo de atención fracasado, sustentado no sobreesforzo e precariedade do seu persoal, maioritariamente feminino.
Non é que a situación das residencias sexa causa directa das mortes, pero o sistema das residencias galegas é un factor que favorece unha das maiores taxas de letalidade por praza da COVID 19 no Estado, máis cando se observa que esta é maior nos centros privados ou nos públicos de xestión privada.
Estas semanas asistimos a denuncias de familiares, mesmo ante a Fiscalía por delitos como denegación de auxilio, e ata a clausura dunha vivenda comunitaria na Fonsagrada por maltrato ás persoas maiores. Particularmente escandalosa é a falta de aplicación de protocolos de hixiene e illamento correctos e a falta de Equipas de Protección Individual para o persoal en centros, tanto públicos coma privados, situación irresponsable que incide directamente no aumento dos contaxios. Asemade, e isto vén de vello, sistematicamente incúmprense as esixencias sanitarias en canto a presenza de persoal médico e mantéñense convenios específicos de prestación farmacéutica. Este modelo é o que o Presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía propón mudar, integrando ás persoas das residencias na rede de saúde.
Fíxose evidente que houbo erros de xestión inmediatos nas residencias ante a crise da COVID19, pero tamén un sistema de fondo que fomentou o caos.
Temos un modelo de macrocentros, coa maioría destes privados ou de xestión privada, sobre todo no que respecta ás prazas de Dependencia. En 2018, o Consello de Contas enviou ao Parlamento Galego un informe sobre os centros de maiores que ofrecía un amplo panorama da situación: número de prazas inferior á media estatal, comunidade autónoma con maior número de prazas en residencias privadas, concerto como modalidade de xestión máis utilizada nos últimos anos, sobre todo en prazas para persoas dependentes (xestionadas de xeito privado nun 78,7%) ou duros recortes en persoal de atención directa, coa sistemática falta de cobertura das baixas médicas de curta duración ou a non cobertura íntegra de permisos e vacacións – denunciado recorrentemente polos sindicatos -. O Consello de Contas cifrou o recorte en persoal en 13 millóns de euros entre 2010 e 2012; ademais, en 2015 o gasto de persoal aínda era un 7,1% menos que en 2010. Alertaba, asemade, dos escasos efectivos de inspección e do feito de que ante irregularidades detectadas a Xunta non impuxera sancións.
Segundo os últimos datos – confusos e incompletos – fornecidos a min mesma como Deputada pola Xunta (9/10/2019) en canto a número de prazas, en 2019 serían 7.969 as prazas con financiamento público. Aínda que non desagregou os datos, sabemos que a maioría son prazas en centros públicos con xestión privada e prazas concertadas en centros privados. Segundo o último informe “Envejecimiento en Red”, do CSIC, Galiza ten (abril 2019) 247 centros privados, con 16.341 prazas (o 77,1%), e 74 públicos, con 4.838 prazas.
Cos datos do 25 de abril fornecidos pola Xunta, o 27% das persoas residentes infectadas morreron con COVID19 – fronte ao 7,4% de taxa xeral -, centrados estes casos en determinados centros privados e de xestión privada, así como de fundacións relixiosas.
A situación de inicio ante a crise da COVID 19 foi – tal como denunciaban os sindicatos – de falta de previsión, material e protocolos claros, tanto nos centros públicos coma nas residencias integradas como nos centros privados intervidos.
E, de fondo, temos un precario desenvolvemento dos dereitos recoñecidos pola Lei de Autonomía persoal: as prazas en residencias – alén de non ser o modelo prioritario na atención a maiores – son insuficientes, cunha das taxas máis baixas do Estado, o que provoca listas de agarda de ata máis de dous anos e que, cando se produce unha necesidade de ingreso por emerxencia social, as persoas que non poden pagar unha custosa praza privada teñan que acudir a residencias moi afastadas do seu lugar, sendo macrocentros como o de Monforte (xestión privada) ou o do Barco (iniciativa social dunha fundación relixiosa, intervida pola Xunta durante a crise) lugares de paso de persoas de toda Galiza. De feito, todo apunta a que aumentaron os expedientes de emerxencia social para poder fornecer de praza a persoas que, doutro xeito, terían meses de agarda. A precariedade de medios provoca deshumanización e desarraigo da comunidade.
Unha sociedade ten que decidir que modelo quere: se recorta no público para a atención a coidados, recaerá nas mulleres en condicións cada vez máis precarias. A Enquisa estrutural a fogares do IGE de 2017 revela que aumentou o número de persoas (144.000) que realizan tarefas de coidado de persoas dependentes, máis do 62% das cales son mulleres, fundamentalmente maiores de 45 anos, e un 30% das mesmas adican máis de 70 horas á semana a esta tarefa, reducindo tempo de ocio, traballo e estudos. Temos que rachar o rodopío e apostar por modelos de dimensións medias e pequenas que blinden o dereito a coidados axeitados e emprego digno, garantindo así, ademais, a revitalización de zonas interiores do País con alta taxa de avellentamento.
O sector das residencias, coa crise do ladrillo, foi copado por fondos de investimento e capital risco, por quen a Xunta deliberadamente apostou ao non crear máis prazas públicas que aquelas que concertaba con centros privados, ademais de seguir mantendo privatizada a xestión de residencias públicas. Na Galiza, a SOGASERSO creada en 2006 pasou totalmente a mans das caixas, que pasaron as residencias a Geriatros, agora integrada en Domus-VI.
En definitiva, cómpre pasar da especulación coas necesidades na vellez ao compromiso real co dereito á vida autónoma.
__________________