RECUPERAR AS AXENDAS

| Outros

por Luís Álvarez Pousa

Tódolos frentes dun tempo distópico están abertos ás portas do novo ano. Pónnolo en celuloide o director Adam Mckay na tan intelixente como caótica Non mires arriba, que non por casualidade se convertiu en poucos días nun acontecemento de masas. A submisión da política ao mercado, a plutocracia corporativa, os tentáculos do capitalismo dixital e de vixilancia, a febleza da democracia representativa, a instrumentalización da ciencia e a tecnoloxía, a sociedade do consumo e do espectáculo, a postverdade dos medios de comunicación, a toxicidade das redes sociais, a impostura dos millonarios filantrópicos ou a manipulación da opinión pública… Todos eses fenómenos aparecen personalizados e satirizados na ficción, tomando como pretexto a capacidade destrutiva dun xigantesco cometa que avanza en dirección á Terra.

A produción da multinacional Netflix -que paradoxa!- fai desa desasosegante paisaxe o argumentario do que se vale para poñer a feder o sistema sen por iso poñelo en cuestión  entre outras cousas porque se autoinmolaría no intento-. Serve, con todo, para concienciar, inda que sexa a base de gags, da existencia dos virus nos que se encarna o mal. Que non é un xigantesco cometa cósmico. E por iso nunca o poderemos detectar mirando arriba, senón mirando de lado. Porque está entre nós.

O que vimos experimentando coa pandemia, e o que nos move a repensar o noso modelo de supervivencia nun planeta que ten no cambio climático un dos seus máis dramáticos desafíos, non ten unha explicación razonada nas forzas cruzadas do cosmos. Cando menos a curto e medio prazo, ese hipotético colapso civilizatorio estaría vinculado ás consecuencias ambientais e sanitarias da dinámica capitalista e do que a sostén ideoloxicamente, o máis voraz dos neoliberalismos. Sen esquecer o papel que desenvolven nesa dinámica as tecnoloxías, que en lugar de conseguir as sociedades perfectas que proclamaron urbi et orbi os gurús tecnoutópicos – volvendo ao filme citado, ese personaxe/especie de híbrido de Elon Musk, Jeff Bezos e Mark Zuckerberg-, acaban converténdose en medios de control pertencentes ao Estado, a institucións e, o que aínda é peor, a grandes corporacións empresariais.

As crises dos últimos anos evidenciaron a forza do poder corporativo para condicionar sistemas políticos, gobernos e todo canto podería darlles ás institucións democráticas a capacidade financeira e reguladora coa que desactivar a corrente ultraliberal que salvagarda a supervivencia do sistema capitalista. No que está, por iso mesmo, a raíz do mal.

É nese caldo de cultivo onde as escandalosas cifras de desigualdade social, de pobreza e desesperación existencial envenenan a convivencia e incentivan odios antidemocráticos. E o que leva a unha progresiva desintegración da relación entre representantes e representados. Coa política e cos partidos desacreditados e en forzada corentena, non teñen apenas barreiras os movementos neofascistas para instalar as súas tendas no corazón das vellas democracias. Con evidente éxito electoral.

Francia é seguramente o mellor observatorio no que descubrir esa palpable realidade. A esquerda fracasou nos últimos vinte anos á hora de impulsar unha política emancipadora, capaz de competir agora pola hexemonía co dúo constituído polo extremo centro neoliberal e a extrema dereita neofascista. Nas presidenciais deste ano, todo apunta a que serán a dereita macronista e a ultradereita lepenista as que midan as súas forzas nunha segunda volta electoral. Noutros países danse diagnoses parecidas. E xa anda mediando Orbán para que os dous grupos de extrema dereita que compiten no Parlamento europeo se fusionen nun supergrupo de 145 deputados. Un ameazador cabalo de Troia no corazón institucional de Europa que tanto detestan.

Que a esquerda goberne en España non é, a dous anos vista, garantía de continuidade. Hai diferenzas con Francia. Alí a esquerda segue debilitada, e nin sequera toda unida poderá superar o 27,7% dos votos que acadou na primeira volta das presidenciais últimas. Pero tamén hai coincidencias, das que extraer leccións nada edificantes. Ao contrario que a Merkel, o francés Macron esqueceu poñer en práctica o seu anunciado bloqueo, e non fixo outra cousa que explotar as obsesións, a linguaxe e as propostas da extrema dereita. E os ultras non fixeron máis que medrar. Que outra cousa están facendo Pablo Casado e a madrileña Ayuso en relación cos ultras de Vox, que por iso, e pola visibilidade que lle dan os medios hexemónicos de comunicación, seguen en ascenso?

Como facerlle fronte a ese tsunami? Non hai vitoria sobre o fascismo sen unha alternativa política. Que ha ter como substrato unha alternativa ao capitalismo neoliberal. E non será posible sen unha estratexia coa que recuperar as axendas globais das mans do poder corporativo. Contando coas mobilizacións e a participación da cidadanía nelas, e cunhas institucións gobernamentais que non supediten as súas decisións ao tan socorrido como enmascarador mal menor. Porque por ese funil entra todo o que lle boten. Hai uns días, un acordo cos empresarios da CEOE que, agás no referido á ultraactividade dos convenios e a redución da atemporalidade, deixa a agresiva reforma laboral de Rajoy viva e coleando, como apunta con visible deleite a FAES de Aznar.

Cobra por iso unha excepcional relevancia a vitoria electoral do frente amplo que en Chile liderou o activista Gabriel Boric. Ten, en efecto, un fortísimo contido simbólico nesta hora do mundo. Porque se nese país os impulsores e executores do golpe militar contra Allende  coa CIA e Kissinger marcándolle o paso a Pinochet- lle deron o pistoletazo de saída ao liberalismo máis extremo, en poucos anos normalizado en boa parte do planeta, 48 anos despois son os cidadáns os que libre e democraticamente se encargan de poñerlle fin. Chile, principio e fin do neoliberalismo no mundo?

A resposta admite condicionantes. Hai por diante moito que mallar. Pero ninguén pode negar que a vitoria progresista do 19 decembro último é o triunfo da esperanza -a volta ás grandes alamedas- fronte ao medo – encarnado principalmente no candidato da extrema dereita e pinochetista de convicción, José Antonio Kast. Unha derrota, pois, a tódolos efectos dos herdeiros daquel réxime criminal, da ideoloxía e do modelo capitalista que se encargaron de sostelo. Unha derrota que en poucos meses quedará sancionada pola nova Constitución.

O dito. Nada como empezar recuperando as axendas.