Venres 26, Febreiro 2021
Home Outros QUEN PAGA OS OUVEOS?

QUEN PAGA OS OUVEOS?

por Xabier Bruña

A Comisión de Patrimonio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica aprobou a principios de febreiro incluír ao lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE). Isto implica que o lobo non poderá ser cazado en todo o Estado (a diferencia da regulación anterior que o permitía por riba do río Douro) e tan só se poderán facer controis poboacionais. Esta decisión abre un debate sobre esta situación e polariza as posicións entre os eixos Norte-Sur e Urbano-Rural.

Nun primeiro achegamento, parece razoable que o lobo, como especie emblemática, deixe de ser un trofeo cinexético e se rompa o anacronismo de ter unha regulación distinta a unha beira e a outra do río Douro.

Se rascamos un pouco máis no acontecido, aparecen claroscuros na forma e no fondo de como se toma a decisión. En primeiro lugar, pártese dun ditame científico que non contempla os ecosistemas modificados e a realidade na que convive o lobo (diferente nos distintos territorios); en segundo lugar, fronte ao tradicional consenso deste organismo impúxose a aritmética como criterio decisorio (tendo o mesmo peso o voto de Galicia co 30% dos grupos familiares de lobo do Estado que o de Melilla, sen presencia algunha de lobo).

Non se pode esquecer o medio (tanto físico como social) no que o lobo vive e realiza a súa actividade, e non ter en conta o conflito (polos danos á gandería) que existe en determinados lugares e momentos. Na vez de optar por unha xestión participada e progresiva, imponse unha medida que non ten en conta a relación lobos-persoas e o papel que debera desempeñar cada parte nesta relación.

En definitiva, a cuestión que se está a dilucidar é quen paga a factura da conservación do lobo. Estarías disposto a pagar máis pola carne que mercas para compensar os danos producidos polos ataques de lobo ao gando? Respostar sen que che afecte ao peto pode ser doado, mais cando iso supón perda dos teus ingresos a cousa cambia un pouco. Ese é un dos motivos da posición que tomaron as comunidades do Norte fronte ás do Sur, e o que acontece entre as posicións máis conservacionistas de zonas urbanas fronte á situación das persoas gandeiras do rural.

A efectos prácticos, a decisión pouco cambia as cousas no control dos danos. As batidas de lobo en Galicia foron escasas, pouco selectivas e de baixa eficacia para controlar as poboacións de lobo. Tiveron máis un efecto sociolóxico de reducir a conflitividade que o de ser unha ferramenta útil para a xestión dos danos.
Agora toca que a Xunta de Galicia mova ficha e adapte o plan de xestión de conservación do lobo (decreto 297/2008) á nova realidade. E que iso comporte apostar por actuacións preventivas e compensatorias activas -que se anticipen aos danos á gandería e nas zonas onde se produzan de forma reiterada que se faga un pago anual ás persoas gandeiras polo servizo de conservación que prestan-, medidas de diálogo social que xeren unha verdadeira cultura de conservación do lobo a todos os niveis e en todos os territorios, e seguimento e controis selectivos das poboacións existentes de lobo.

Nesta nova orientación da conservación do lobo, vai ser moi importante que nos momentos que aparezan conflitos se poidan facer controis poboacionais con criterios científicos baseados na participación de todas as partes interesadas, e por outra parte que as persoas consumidoras apoiemos de forma activa as rexións gandeiras que participan na súa conservación.


 

Novidades