Macchu Picchu, pusiste
piedra en la piedra, y en la base, harapos?
por Manoel Barbeitos
O pasado 28 de xullo, mércores, unha semana máis tarde de que o Jurado Nacional de Elecciones do Perú declarase a Pedro Castillo vencedor nos comicios presidenciais que se tiñan celebrado practicamente dous meses antes, o líder político de PERU LIBRE podía por fin tomar posesión da presidencia do Perú. Un dirixente que marca un fito histórico por ser o primeiro presidente na historia dese país de orixe campesiña.
Dado que só vén de tomar posesión da presidencia, polo que non é posible enxuizar as accións do novo goberno, recolleremos os aspectos máis relevantes de, por caso, o seu discurso presidencial, para así poder coñecer a personalidade e o ideario político do novo mandatario. Polas súas primeiras declaracións, parece querer seguir un camiño moi semellante ao que antes iniciaran líderes latinoamericanos como Chavez, Lula, Morales, Correa, Mújica…… Líderes quen sen esconder as diferenzas entre eles, algunhas moi importantes, coincidiron no obxectivo de querer colocar a Latinoamérica no lugar que historicamente lle corresponde, para o que precisa recuperar a súa autonomía e autoestima.
Critica do colonialismo e reivindicación do indixenismo
Para eles, esa autoestima empeza por reivindicar unhas orixes moi maltratadas tanto pola historia escrita das potencias occidentais, como polo comportamento político dunhas elites locais enfeudadas co imperialismo e o colonialismo.
Reivindicación que Pedro Castillo quixo deixar moi clara e expresa aproveitando o eco mediático provocado pola súa toma de posesión. Tomando como apoio unha realidade social peruana marcada por unha relevante presencia indíxena (12% da poboación, 55 grupos que falan 47 idiomas diferentes) o xa presidente mostroulles aos convidados, e ao mundo que quixo escoitar as súas palabras, a visión que os nativos peruanos e latinoamericanos teñen da súa historia, e que resulta tan dispar coa visión que, por caso, se ten maioritariamente en España. “Eu non gobernarei dende a Casa de Pizarro” -a sede da Presidencia de Perú, un edificio construído no mesmo lugar no que o conquistador Francisco Pizarro fixou a súa residencia ao tempo que fundaba Lima e a nomeaba capital do seu vicerreinado- “pois coido que temos que romper cos símbolos coloniais para rematar coas ataduras de dominación que se mantiveron vixentes durante tantos anos“.
Unha moi explícita critica ao colonialismo que se acompañou dunha decidida reivindicación e defensa do indixenismo popular. Para Pedro Castillo, dado que “os peruanos e peruanas dos sectores populares teñen sido invisibilizados na formulación das políticas públicas (….), é necesario interculturalizar o Estado e establecer que cando se tomen decisións relevantes se teñan en conta as voces das comunidades orixinarias e do pobo afroperuano“. Recoñecendo a grande diversidade cultural da poboación peruana, o mandatario considera necesario “transformar lingüisticamente o estado peruano, co obxecto de que as institucións públicas onde predominen linguas orixinarias se comuniquen en ditas linguas“.
Aposta pola loita contra a corrupción e a desigualdade
Aínda que Perú non está entre os estados latinoamericanos con maiores índices de corrupción (con un índice de Corrupción de 31, Perú sitúase na zona intermedia de Latinoamérica que presenta unha media de 43), o novo presidente apuntaba a necesidade de “contar cunha lexislación que desalente a corrupción e a criminalidade de todo tipo, non como a actual que a alimenta. A corrupción desfalca máis de 20 mil millóns de soles ao ano. Teremos que potenciar a Controlaría General da República, a Fiscalía da Nación e o sistema xudicial anticorrupción“. Non cabe a menor dúbida de que esta será unha tarefa titánica dados os precedentes históricos (nas últimas tres décadas, Perú tivo 6 presidentes acusados de corrupción).
Como sucede en toda Latinoamérica, a desigualdade é un fenómeno sistémico no Perú. Cun Índice de Gini que se move ó redor dun 0,40, sitúase nunha zona intermedia dunha rexión que cun índice medio de 0,50 presenta os maiores niveis de desigualdade a nivel mundial. Tomando como referencia o estado actual das pensións, “os sistemas públicos e privados de pensións están en crise“, Pedro Castillo declarou no seu discurso de toma de posesión que “a protección social en Perú debe pasar polas políticas de aseguramento. Ningún peruano debe facer boletas, denigrarse en programas de espectáculos para ter unha pensión digna. A saúde e as pensións serán universais, crearemos un novo sistema de protección social, impulsaremos un só sistema de saúde unificado (….), impulsaremos a conformación de 5.000 equipos de atención comunitaria integral para que ningunha familia peruana quede sen cobertura médica. Ao término do meu mandato entregarei hospitais especializados por rexión…”
Grandes promesas que comprometen ao novo goberno peruano e que sementaron ilusión en millóns de familias. Tempo haberá para xulgar o cumprimento de tales compromisos. Pedro Castillo espera poder cumprir estas promesas mellorando os ingresos públicos, para o que ve preciso recuperar a soberanía sobre os recursos propios, como por caso o cobre. “Moitos dos nosos recursos están en mans estranxeiras. Esta é unha das razóns que nos motivan a buscar unha nova constitución política que entre outras cousas permita garantir os ingresos do Estado“. Con esta declaración política, apunta ao camiño emprendido no seu día tanto polo Ecuador (Rafael Correa) como por Bolivia (Evo Morales).
Apoios relevantes
As promesas de Pedro Castillo teñen levantado grandes expectativas entre os sectores populares peruanos que con o seu apoio elevaron a este autocalificado como campesiño á presidencia do país. Un importante apoio popular que se puxo de manifesto nos días previos á toma de posesión, cando miles de organizacións comunais das zonas rurais, moreas de asociacións de campesiños e de indíxenas, de mestres e outros sectores populares se mobilizaron na capital, Lima, para defender o seu voto, apoiar ao seu candidato e facerlles fronte aos intentos desestabilizadores dos partidarios da candidata perdedora, Keiko Fujimori.
Xunto a este indiscutible apoio interno, maioritario entre as clases populares, tamén resulta destacable o importante apoio que a nivel rexional lle expresaron tanto desde importantes líderes latinoamericanos (Duque -Colombia-, Fernández -Arxentina-, Piñeira -Chile-, Morales -Bolivia-, Lasso -Ecuador-, Lula -Brasil-, Zelaya -Honduras- Mújica -Uruguai-…) ata o propio secretario xeral da OEA -Luis Almagro-. Non menos importante resulta a posición inicial dos mandatarios estadounidenses, tan poderosos aínda na rexión, cuxo presidente (J. Biden) parece querer marcar diferenzas co mandatario anterior (D. Trump) non mostrando unha posición belixerante. Tamén resulta destacable a posición do actual goberno español cuxo presidente (P. Sánchez) parece querer iniciar unha relación con Latinoamérica radicalmente distinta á dos gobernantes anteriores.
Enormes dificultades a superar
Para lograr cumprir as súas promesas, Pedro Castillo vai ter que superar non poucas dificultades e resistencias. Empezando pola que precisa fronte á postura progolpista da oposición adoptada polo fujimorismo e os seus poderosos aliados que ocupan postos relevantes nos aparatos do Estado, o mundo empresarial e mediático, exmilitares, deportistas, xente da farándula, sectores relixiosos, etc., nos que as posicións de extrema dereita e os actos parafascistas abondan tanto nas rúas coma nas redes e tamén nos medios maioritarios de opinión. Dados os precedentes habidos tanto de golpes militares como de gobernos autoritarios, as incógnitas e dúbidas sobre o futuro da democracia no Perú están xustificadas.
Entre as maiores dificultades políticas está, por caso, a de non contar inicialmente co suficiente apoio no Parlamento, onde a oposición é maioritaria. Algo do que Pedro Castillo é perfectamente consciente, polo que haberá que estar á espreita para ver cales son os seguintes pasos que dá, e que deberan empezar necesariamente por consolidar a alianza partidista que o lanzou á presidencia. Tamén será relevante a resolución final do proceso xudicial no que se atopa Keijo Fujimori, en liberdade condicional pero investigada e imputada pola xustiza peruana por presunto lavado de diñeiro e financiamento irregular das súas campañas, así como por delitos de obstrución á xustiza e fomento dunha organización criminal.
Pero de todo isto, como do impacto da pandemia e da situación social, tratarei no meu seguinte artigo sobre Perú, que camiña entre a ilusión e a incerteza.