PERÚ (e II): ENTRE A ILUSIÓN E A INCERTEZA

| Outros

por Manoel  Barbeitos

Remataba o artigo anterior sinalando que Perú se move hoxe, logo da vitoria de Pedro Castillo, entre a ilusión a a incerteza. Unha ilusión xustificada tanto pola derrota das dereitas lideradas por Keiko Fujimori como polas promesas do novo presidente de dar un xiro ás políticas públicas e poñer como referente as necesidades das clases populares. Unha incerteza grande dados os enormes problemas con que se vai atopar o novo presidente, e para cuxa resolución necesitará tanto do maior apoio popular como dunha non menor intelixencia política.

Segundo unha enquisa oficial recente (2021), os problemas que máis preocupan aos/as peruanos/as son, en liñas xerais, bastante parecidos ao que preocupa á maioría dos cidadáns latinoamericanos e tamén aos de occidente. Por esta orde, a pandemia, a falta de seguridade cidadán, a situación económica, a corrupción e o estado dos servizos públicos de benestar aparecen como as maiores preocupacións.

Como sucede practicamente en todo o Sur, a pandemia está facendo estragos entre a poboación peruana ao provocar a maior crise sanitaria e económica da época moderna. Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Saúde peruano, téñense rexistrado 2.140.000 casos confirmados (6,5%) con 198.000  falecidos, datos que situarían a Peru como o quinto pais latinoamericano máis afectado en termos absolutos. O impacto económico está sendo tamén brutal, pois calcúlase unha caída do PIB do 11,1% no ano 2020, cifra que colocaría de novo a Perú entre os máis afectados da rexión.

En Perú as situacións conflitivas que afectan á seguridade cidadá son numerosas e teñen maiormente causas políticas. Por caso, o país aínda non foi quen de cicatrizar as feridas provocadas polo terrorismo tanto de Sendeiro Luminoso como dos aparatos do Estado. A situación de moitos/as presos/as  acusados/as ben de terroristas ben de tráfico de drogas é terrible, e son frecuentes os intentos de suicidio debidos ás moi duras e inhumanas condicións penitenciarias. Tamén son frecuentes os abusos dos aparatos do Estado contra as voces críticas, o que é un constante e sistemático ataque aos dereitos e as liberdades democráticas. Se a estas actuacións represivas lle engadimos a crecente violencia nas rúas das maiores vilas, atoparemos a explicación do por que de tan grande preocupación pola seguridade cidadá: calcúlase en torno a 2.500 a cifra anual de mortes por violencia. Unha violencia que se ceba nas mulleres: segundo a Defensoría del Pueblo, no ano 2020, un total de 132 mulleres foron vítimas da violencia (166 no 2019) e 5.500 están desaparecidas (o 80% son menores de idade).

A pandemia e os fortes déficits económicos e sociais

Como sinalaba antes, a pandemia golpeou duramente a economía peruana, que no ano 2020 entraría nunha grande recesión (tivo unha caída do PIB do 11,1% en termos globais e do 13% en termos per cápita), o que disparou o desemprego (pasando dun 6% de media a un 14% (son cifras oficias, e con toda seguridade o número real é claramente superior). A pesar diso, a análise das respectivas balanzas presentan resultados dispares incluso coa pandemia. Mentres o déficit fiscal foi do 0,6% no 2020 e se calcula que chegará ao 6,2% no 2021, a balanza de pagos presentaba no 2020 un saldo positivo (+0,5%) grazas a factores varios como a alza dos prezos en materias primas estratéxicas (ouro e cobre), a caída das importacións e a importante suba nas remesas procedentes do exterior. Doble balance que non puido impedir o crecemento da débeda, que ascendería dun 27% do PIB a un 35% no 2020. Unha situación moi inestable pola súa enorme dependencia do exterior. Unha recesión que agravou a situación das maiorías, pois a pobreza incrementouse en 11 puntos (pasando dun 20% a un 31%) afectando especialmente as áreas rurais (46%), máis castigadas que as urbanas (26%), o que fixo que se acentuasen aínda máis as desigualdades territoriais.

En termos económicos, Perú segue o camiño da maioría dos países latinoamericanos lastrados pola súa dependencia: crecemento das débedas e incremento das desigualdades e a pobreza. Segundo o coeficiente de GINI, o país esenta un dos niveis de maior desigualdade de América do Sur (0,6/0,7) ocupando o posto 79 segundo o IDH (0,78) e o 95 en renda per cápita. Perú tamén presenta un dos índices mais elevados en Latinoamérica de emprego xuvenil (29,8%).

Tampouco foi quen  ese país de fuxir da praga da corrupción sistémica que inunda Latinoamérica. Serva como referencia a dato que dos 4 últimos presidentes 3 foron encausados por corrupción e 1 suicidouse: os subornos son práctica frecuente en Perú como mostra o dato anterior, pero que se amplía a 6 os presidentes xulgados se tomamos os 30 últimos anos.

Como país do Sur, vítima do desenrolo desigual e das políticas corruptas, Perú presenta os indicadores sociais propios dun pais menos desenvolvido e pobre. Cunha esperanza media de vida calculada en 76,5 años, sitúase por baixo da media latinoamericana (79 anos) a pesares do ascenso nos últimos anos (71 no 2000). A mortalidade infantil segue sendo elevada (17,8 por cada 1000 nacidos) e con grandes diferencias a nivel territorial (9,6 por mil nacementos nas zonas urbanas, 39 nos rurais): é de xustiza destacar que en Latinoamérica a mortalidade infantil móvese de media en torno a un 26/28 con picos entre un 8 (Cuba) e un 72 (Haití).

Moito ten que ver con esta situación o moi deficitario estado dos servizos públicos de benestar. Perú ocupa o posto 27 segundo o Foro Económico Mundial no ensino, cun elevado índice de abandono escolar que se acentuou coa pandemia (pasaría do 1,3% ao 3,5%) que é mais mais acentuado no ensino secundario (4%). Ten un dos gastos públicos en ensino máis baixos da rexión (o 3,7% PIB fronte ao 5% de media en Latinoamérica), aínda que ten un dos ratios máis altos en anos de ensino obrigatorio (14). E polo que respecta ao seu sistema sanitario público, só cubre ao 60% da poboación, o que significa que practicamente a metade da poboación queda fóra. Entre as causas están o moi baixo nivel de gasto público (o 3,3% PIB fronte ao 6,6% de media en Latinoamérica) o que, como afirma o BID,  o sistema sanitario peruano aparece como un dos máis deficientes da rexión (vacinación, mortalidade infantil, atención directa ao parto….).

Esta é a situación a que se enfronta o novo goberno progresista de Pedro Castillo. O reto é maiúsculo, pois xunto aos problemas políticos xa citados está unha situación económica e social moi necesitada de estímulos, que serán moi difíciles de implantar dado tanto a forte dependencia do comercio e as finanzas exteriores como o probe balance fiscal  e o non menor problema da corrupción sistémica a nivel interno. A pesar diso hai sinais certas de que Perú se quere sumar aos pobos latinoamericanos que están despertando e tomando as rendas do seu destino: moito dependerá este de que sexan quen de pechar as oportunas alianzas rexionais.