Xoves 3, Decembro 2020
Home Outros PAZ LÓPEZ FACAL: A BELEZA ESTÁ NA OLLADA

PAZ LÓPEZ FACAL: A BELEZA ESTÁ NA OLLADA

por Marilar Aleixandre

Escribirase algún día a historia das mestras que case adolescentes como Paz López Facal ensinaban no rural a comezos dos sesenta. En Brates, Boimorto, nin a escola unitaria nin a casa da mestra coa que compartía edificio tiñan auga corrente. Afastada nun lugar solitario, o peor eran as noites cando os mozos apedraban as fiestras berrando ameazas de acoso sexual. Non, o rural non era idílico, e menos para as mulleres. As mestras novas que, como Paz, poñían todo o seu entusiasmo no traballo coas criaturas eran auténticas heroínas.

Nacida en Toba, Cee, en 1938, segunda de nove irmáns, asistiu en Lalín ao parvulario de Julia Blanco –nai de Gonzalo Navaza–; xa tiña sona de facer estremonías. Interna para estudar maxisterio en Santiago, nos Remedios, lugar “peor que un cuartel” o frío enchíalle as pernas de frieiras. Mestra en Brates, Outes, Vigo, Santiago, expresando a súa creatividade en materiais para infantil e primaria, logo publicados con Berta López Villamel e o colectivo de innovación Xirimbao, en Nobelos de papel.

Segundo unha lenda familiar, Camilo Nogueira ao ver unha foto que tiñan os seus irmáns, compañeiros de enxeñaría e de angueiras nacionalistas, afirmou que ía namorala. Compañeiros de vida, de amor por Galicia, de compromiso co galego. Gozando de todo o que a vida ofrece, das fillas, dos netos, das viaxes polo mundo adiante. Feminista, ollando con lentes violeta. Devorando libros; lectora incansábel de poesía da que reproducía fragmentos nos exquisitos cadernos de colaxes para as fillas e irmás, combinando debuxos propios, fotos, poemas, flores secas e cariño. Cando empezou a quedar cega díxolle á irmá: síntome viúva dos libros.

En 1972 o seu irmán Xaquín foi encarcerado e torturado, igual que Camilo, que fora despedido de Citroën por apoiar as folgas de Vigo. Xaquín lembra a auga que lle levaba Paz á sinistra comisaría da rúa Luís Taboada nun hermético con tapa azul, unha auga que “me devolvía a vida”.

Durante toda a súa vida arrecadou formas de falar de Toba, anotadas en cadernos, que deberán ser publicados un día: arrepiáronseme as carnes; levades que rañar; reviroulle a man; por campar, rabear e moitas máis.

Paz deixounos nas primeiras horas da mañá do 21 de outubro, cando a lúa de couce crebou o fío que termaba dela nesta banda. A beleza, Paz, está na túa ollada e se Rostro, tan querido, nos parece fermoso é por velo a través do teu sorriso pillabán, dos teus ollos.


Publicado en Nós Diario o 24 de outubro de 2020

Novidades