Domingo 1, Outubro 2023
HomeOutrosOS DEREITOS NON CADUCAN COA VELLEZ

OS DEREITOS NON CADUCAN COA VELLEZ

por Alba Nogueira López

Chegar a unha idade avanzada non vai restando puntos no dereito a ter dereitos.  A vida, a dignidade, a integridade física, o dereito á saúde non teñen graduacións en función da idade das persoas. Por iso, é un verdadeiro escándalo o mal estado das residencias de maiores, que non é cousa de agora, pero que coa tremenda crise sanitaria da covid19, mostra con toda crueza a indignidade do sistema de coidados aos maiores en residencias.

Agora hai que poñerlle remedio con urxencia á desatención porque constitúe un dos principais focos de resistencia da epidemia.  As normas sanitarias e de alarma permiten a intervención das residencias privadas para poñer fin a esa iniquidade.  Despois haberá que revertir o intenso proceso de privatización, falta de investimento, relaxación nos contratos e desidia inspectora que temos. Endurecer a normativa de servizos sociais e poñer en marcha un verdadeiro sistema de servizos sociais como esixe o artigo 50 da Constitución.

A práctica totalidade dos casos detectados e dos falecementos son en residencias privadas onde o aforro de medios é clamoroso e era denunciado polo seu persoal pouco antes da pandemia.  En Galicia, case o 70% das prazas de residencia son privadas, mesmo moitas das públicas xestiónanse indirectamente, e temos unha ratio moito máis baixa tamén de prazas por habitante, por exemplo, que os nosos vecinos de Castela León con semellante estrutura poboacional e número de habitantes.  Feijóo permitiu a privatización de varios centros construidos conxuntamente pola Xunta e as caixas de aforro que agora están en mans de fondos de investimento internacionais. E insistiu na privatización financiando con cartos públicos tanto prazas de residencia, coma cheques directos para gasto en residencias privadas.

O incumprimento dos prazos establecidos la normativa de dependencia para acceder a prazas parece hoxe un incumprimento menor cando hai denuncias por comida en mal estado, incumprimentos nas ratios de persoal que figuraban nos pregos contractuais, amoreamento de vellos e ausencia do persoal sanitario preciso.  A medida que aumentaban as prazas privadas de residencias reducíase o número de inspeccións anuais para vixiar o cumprimento da normativa de servizos sociais.  Tan só 11 inspectores controlan todos os centros de servizos sociais dependentes da Xunta (familia e menores, maiores, discapacitados e dependencia, e inclusión social e servizos).  Os contratos carecen en moitos casos dun responsable do contrato que vixíe o cumprimento dos termos contractuais (calidade, persoal…).

Os dereitos non caducan. (Re)construir un sistema público de residencias e coidados aos maiores digno é o mínimo que teñen que agardar do gobernó galego despois dunha vida de traballos.

____________

Alba Nogueira é catedrática de Dereito Adminidstrativo na USC.