Mércores 3, Xuño 2020
Home Outros O VIÑO DE AQUÍ, SE PODE SER

O VIÑO DE AQUÍ, SE PODE SER

por Xosé Carballido Presas

Teño un amigo, bastante millonario, co que coincidín no Colexio do Corral do Carballiño. Listo coma un allo, e botado para adiante, non lle tiraban moito os libros, pero no fútbol caneaba que nindiós, burlando a atenta mirada de don Gumersindo, profesor de Educación Física e Formación del Espíritu Nacional e árbitro nas contendas futboleiras do Parque Municipal. O caso é que aprobou o Bacharelato polos pelos, cun empuxonciño do director, tras a súplica paternal: “- Por favor, don Juan, apruébemelo, que lo tengo que exportar”.

E alá marchou facer fortuna ás Américas. Cando vén por aquí, sentamos as dúas parellas arredor dunha mesa e levantamos un par de botellas, a escote, que todo hai que dicilo. Por que un non é tan millonario, pero unha ronda aínda se paga. Eu pido, indefectiblemente, Ribeiro, que para iso nacín no barrio de Flores do Carballiño, mentres que el pide sempre Albariño das Rías Baixas, por que lle parece máis «finolis».

A fin de ano seica se lle casa unha filla, non sei moi ben contra quen me dixo, e pídeme opinión por un dilema que pensei superado: Rioja ou Ribera del Duero. O branco xa o ten acordado, un Rías Baixas do Condado pois “aínda me lembro do que tomaramos na miña voda, aquel que tiña un rodaballo colgando”.

– Atinas ben, díxenlle, pois o Condado, terra de Albariño, Treixadura e Loureira ten bo viño, incluso antes de que as rías baixas chegaran ata a Frieira. Pero no tinto, xa non che son os tempos do teu casorio, cando o prestixio estaba en función das bandas azuis, vermellas ou douradas que vestían certas etiquetas de extramuros.

Hoxe haiche aquí uns tintos de “padre y señor mío” na Ribeira Sacra, Valdeorras ou Monterrei. E tamén no Ribeiro, claro. Ademais, á túa filla, que fala ese fermoso galego con acento de Jalisco, halle gustar que as etiquetas recen tamén en galego para presumir das súas orixes diante dos convidados americanos. E despois das que pasamos co tema do virus, hai que meter os dólares no mercado local, que hai que revitalizar o tecido económico e social máis próximo, para recuperarse canto antes. Ben sabes que o pequeno comercio, os pequenos negocios, permiten que a riqueza se distribúa entre a sociedade máis achegada creando comunidades fortes e creando emprego.

Acabado o sermón, aínda non o vin plenamente convencido, polo que lle mandei outro envite, sabendo dos seus posibles:

– A ver, hainos de todos os prezos e para todos os bolsillos. Tamén hai algún que lle chega ben: tomamos esoutro día un tinto de Monterrei de trinta e pico euros. Certamente Boccato di Cardinale, pero bastante caro, remachei.

– De onde dixeches que era?

– De Monterrei, tinto de Monterrei , con Mencía e Arauxa, dúas uvas con nome de muller para quitarse o sombreiro.

– Pois veña. Non se fale máis. Branco do Condado e tinto de Monterrei.

– O viño, de aquí, se pode ser, e coa etiqueta en galego, lembreille.

– Si home, si!!!

__________________________

Novidades