Sábado 31, Outubro 2020
Home Outros O TRUCO DO CONFINAMENTO ELECTORAL PROVINCIAL

O TRUCO DO CONFINAMENTO ELECTORAL PROVINCIAL

por Albino Prada

Este domingo eliximos 75 deputados para o Parlamento Galego. Pero aínda que cada cidadán ten un voto, non todos os votos terán o mesmo valor para a elección dun deputado. Se todos os votos tivesen o mesmo peso, valesen igual, en 2016 o PP non tería acadado a maioría absoluta. Pois co 48 % dos votos acadou nada menos que o 55 % dos escanos.

E moi probablemente cos votos emitidos o vindeiro domingo tampouco o conseguiría. Pero como o actual reparto de deputados por provincia impide que cada voto teña o mesmo valor, a dereita unida é moi probable que volva obter a maioría absoluta de deputados sen ter a mesma maioría nos votos.

O mecanismo, o truco, pasa por non ter unha única circunscrición autonómica; o que ten tela tratándose dunhas eleccións precisamente Autonómicas. Feito isto, o truco péchase confinando un excesivo número de deputados en Ourense e Lugo, en detrimento de Pontevedra e A Coruña (ou de Álava en detrimento de Vizcaya, no caso do País Vasco). Desequilibrio que recollemos no gráfico seguinte:

Se o reparto fose proporcional axustado á poboación con dereito de voto, estas últimas provincias terían que ter dez deputados máis e aquelas dez deputados menos. Pero non é así. Daquela, no 2016, un deputado en Ourense precisaba 12.600 votos de media mentres que en  A Coruña precisaba de media 23.500 votos. Case o dobre. E vai suceder de novo este domingo.

E se temos en conta que o voto urbano e do litoral do país está menos virado ás posicións políticas que defende o PP, mentres que na Galicia en proceso de despoboamento e menos urbana a cousa é ó revés, daquela cae de caixón imaxinar eses dez deputados confinados en Lugo e Ourense de que lado van a caer. Un asunto crucial cando as maiorías se deciden por un ou dous escanos.

Pero aínda que así non fose, aínda que as preferencias políticas fosen totalmente homoxéneas en todo o territorio do país, e tal reparto non beneficiase a unhas opcións en detrimento de outras, en pleno século XXI e no mundo que se di dixital nada hai que xustifique que 12.600 votos sexan o mesmo que 23.500 votos.

Si, xa sei que os máis honestos dos meus lectores dirán que é un xeito de evitar que unhas zonas sexan relegadas en favor de outras. E por que van ser xusto as provincias esas “zonas” do século XIX? Por que non cidades, bisbarras, comarcas ou áreas metropolitanas? A nada que un o pense só un proxecto nacional de país, pode evitar a desfeita territorial na que levamos o último século. E xusto ese proxecto de país atopa un non pequeno atranco no reparto non proporcional da soberanía cidadá. Un círculo vicioso.

Porque nun Estado que se declara Autonómico a única circunscrición electoral supra municipal que debera existir é a Autonómica; non pinta xa nada a demarcación provincial. E é dentro de cada Autonomía que deben gobernarse e embridarse os desequilibrios territoriais polos representantes do conxunto da soberanía popular. Non por grupos de presión localistas.

Por certo, e sen que sirva de consolo, non somos os únicos. O próximo domingo en Euskadi vai ser verdade de novo que un deputado en Álava se elixa con 5.600 votos de media mentres en Vizcaya son precisos 21.800. Porque as dúas provincias elixen 25 deputados cada unha. Unha co 14% da poboación e outra co 54%. E viva la Pepa.

Repito: dá igual a quen beneficie. Mesmo se non beneficia a ninguén, estraga a igualdade do valor democrático dun voto. Estamos diante dunha malformación por contaxio do histórico confinamento de deputados para o Parlamento español; un mecanismo secular deseñado para devalar o peso electoral do voto urbano sempre menos proclive a secundar maiorías conservadoras. Vestido, iso si, da entrañable intención do reequilibrio territorial.

Parapetarse neste asunto no argumento da España, da Galicia ou da Euskadi “vaciada” paréceme pornográfico. Pois é este mesmo sistema de confinamento electoral o que polarizou como nunca os territorios. Xusto polos intereses daqueles que pasan por protectores dos territorios desfavorecidos, cando só buscan blindar as súas maiorías electorais rachando a igualdade do voto.

Xa bastantes trucos hai previos a todo isto (financiamento das campañas, medios de comunicación concertados, redes sociais tóxicas, reparto dos restos, etc.) como para quitarlle xa de entrada peso a uns votos en favor de outros. As provincias, como ben se mirou no confinamento, son divisións territoriais obsoletas, cousa do pasado. Se se trata dunha pandemia, temos ás Áreas Sanitarias (como a da Mariña de Lugo) … e se se trata do Parlamento de Galicia temos iso: Galicia. Unha circunscrición electoral única. Ou, mentres tanto, elixamos deputados segundo a poboación. Sen trucos que retorzan a vontade popular.


Albino Prada é membro de ECOBAS.

Novidades