O SECTOR DA DEPENDENCIA ALÉN DA COVID

| Outros

por Francisco L. Vázquez Vizoso

A pandemia da COVID-19, co elevadísimo número de mortos por SARS-CoV-2 nas residencias, fixo aboiar publicamente unha realidade antes case totalmente descoñecida para a maioría da poboación: a precaria situación do sector da dependencia no conxunto do Reino de España, así como a súa abafante privatización. Por outra banda, e malia o escurantismo que veu caracterizando a actuación da Xunta de Galicia no relativo á información cuantitativa relacionada coa pandemia, e sobre a posíbel asociación entre as mortes nas residencias e a súa privatización, existen evidentes indicios de que esa asociación existe. O obxectivo deste informe é o de afondar na descrición da realidade do sector da dependencia e, por outra banda, apuntar o que sería imprescindíbel acometer nel -e de maneira moi especial nas residencias- para o tempo da pospandemia.

Durante o ano previo á Declaración do Estado de Alarma, desde a primavera de 2019, quen subscribe este informe impartiu numerosas charlas por todo o país sobre cal era a realidade do sector da dependencia en Galicia. As charlas estaban organizadas polo colectivo de pensionistas ao que pertenzo, así como por asociacións de familiares de persoas ingresadas nas residencias e por traballadoras deses establecementos. Naquelas charlas adoitaba facer un “test”, co que pretendía demostrar o profundo descoñecemento cidadán da realidade do sector da dependencia en Galicia que existía daquela. O “test” consistía en preguntarlle ao auditorio da charla, que con frecuencia  incluía a persoas con boa información da realidade económica e social do país, se sabían que era “DomusVi”. O silencio adoitaba ser clamoroso.

Logo explicaba, en medio da sorpresa xeral, que DomusVi era a principal empresa da dependencia en Galicia e en España; que xestionaba unhas 22.000 prazas de residencias no conxunto do Estado, entre elas 4.200 no noso país; que contaba con máis de 22.000 traballadores no conxunto do reino, dos que 2.700 traballaban na nosa comunidade; que facturaba uns 600 millóns de euros anuais; que era propiedade dunha multinacional ligada a fondos voitre de investimento (daquela aínda non sabía que a empresa tiña un sofisticado sistema contábel para tributar cifras irrisorias na Illa de Jersey, un coñecido paraíso fiscal de soberanía británica situado no Canal da Mancha, como ten informado Manuel Rico en infoLibre); e que tiña a súa sede empresarial central para todo o estado na Rúa García Barbón de Vigo. A sorpresa adoitaba ser xeral, pois practicamente ninguén coñecía esa realidade.

O Índice de cobertura de prazas residenciais en Galicia é baixo, de 3,46 prazas por 100 persoas de 65 ou máis anos, lonxe das 5 prazas por cada 100 maiores recomendadas pola Organización Mundial da Saúde. De seguirmos esta recomendación da OMS, no noso país deberían existir neste momento 34.385 prazas, 9.556 menos das que se necesitarían nas residencias.

Despois das primeiras vagas da pandemia, coas súas moitísimas mortes nas residencias, a situación cambiou radicalmente, e o nivel de coñecemento sobre a realidade de DomusVi medrou espectacularmente: moita xente coñece os datos antes descritos, así como a traxectoria da súa principal responsábel, Josefina Fernández Miguélez, e a realidade da súa excelente “conexión” cos responsábeis políticos da Xunta de Galicia.

Naquelas charlas, temporalmente suspendidas a causa da pandemia, alén de dar información sobre DomusVi, tamén informabamos da situación global do sector da dependencia: da súa enorme privatización; da forte presenza da igrexa católica no sector, coa Fundación San Rosendo á cabeza; da precaria situación laboral e retributiva das traballadoras da dependencia, da precariedade que afecta ás traballadoras, non só das residencias senón tamén dos servizos de atención a domicilio (SAD), e dos centros de día de maiores. E informabamos tamén da moi mellorábel atención prestada ás persoas ingresadas en moitas das residencias galegas de maiores e dependentes, que tiña como causa principal as baixas ratios de persoal por usuario coas que contaban, ocasionadas sobre todo polo afán de obter os maiores beneficios económicos posíbeis.

Os servizos sociais para maiores e dependentes

O Artigo 15 da Lei de Dependencia (LAPAD) establece o catálogo dos 5 servizos que inclúe a lei: os servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal, o Servizo de Atención Residencial, os Servizos de Axuda a Domicilio, o Servizo de Centros de Día, e o Servizo de Teleasistencia. Por outra banda, nos Artigo 17, 18 e 19 da LAPAD defínense os tipos de prestacións económicas que inclúe a Lei.

1. As Residencias

De acordo cos datos do RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia), no mes de xaneiro deste ano 2020 existían un total de 478 Centros Residenciais e Pisos/Vivendas/ Apartamentos Tutelados dirixidos a persoas maiores e/ou discapacitadas, que contaban en total con 24.819 prazas.

Suficientes? En absoluto. Son menos das prazas precisas para poder garantir unha correcta atención aos nosos maiores e dependentes. O índice de cobertura de prazas residenciais en Galicia é baixo, de 3,46 prazas por 100 persoas de 65 ou máis anos, lonxe das 5 prazas por cada 100 maiores recomendadas pola Organización Mundial da Saúde. De seguirmos esta recomendación da OMS, no noso país deberían existir neste momento 34.385 prazas, podendo así establecer que o déficit de prazas nas residencias de maiores e dependentes está neste momento en 9.556.

Como se amosa na Táboa 1, en xaneiro de 2020, os 324 Centros Residenciais (sen contar os Pisos/vivendas/Apartamentos Tutelados) existentes en Galicia dirixidos aos maiores e discapacitados,  contaban con 23.036 praza autorizadas. O seu nivel de privatización é enorme, o 84% delas son xestionadas por empresas privada, e o 76,9 % son de plena titularidade privada.

Na Táboa 1, tamén se pode observar como 9.540 (o 41,4%) das prazas residenciais autorizadas contan con financiamento público. Esas son as prazas residenciais do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), e están  enormemente fragmentadas, pois o 53,3% delas están en 254 centros residenciais de plena xestión privada, nos que as instrucións que poidan derivarse da Consellería de Política Social verán moi reducida a súa posibilidade de aplicación cando os propietarios deses centros non concorden con elas.

Os 324 Centros Residenciais (sen contar os pisos /vivendas/apartamentos tutelados) existentes en Galicia dirixidos aos maiores e discapacitados aportaban 23.036 prazas, das que 9.540 (o 41,4%) contaban con financiamento público. O 76,9% das prazas son de titularidade privada, e a xestión de cando menos o 84% desas prazas lévana tamén a cabo empresas privadas.

 

Entre as grandes empresas da dependencia en Galicia, destacan de xeito sobranceiro DomusVi, da que son propietarios varios fondos de inversión internacionais, e a Fundación San Rosendo, da que é propietario o Bispado de Ourense. Ambas as dúas estiveron e aínda están no centro da polémica pública por mor do alto número de contaxios e de mortes por COVID que se produciron nas residencias que xestionan. Entre as dúas levan a xestión do 33,3% das prazas dos centros residenciais galegos 7.

Por número de camas e volume de negocio, DomusVi é a maior empresa privada da dependencia con ánimo de lucro no Estado Español. Xestiona 4.204 prazas en 29 centros residencias galegos que teñen un tamaño medio de 145 prazas cada un. Desas prazas, 3.127 están nos 21 centros de titularidade propia que esta empresa ten en Galicia. As outras 1.032 prazas están nos 8 centros de titularidade pública e xestión privada que a administración, fundamentalmente a Xunta de Galicia, lle cedeu para que as xestionara en réxime de concesión.

A outra grande empresa da dependencia en Galicia, a Fundación San Rosendo, está declarada como de xestión privada sen ánimo de lucro. Polo número de camas, ocupa o posto número 10 no ránking de empresas de dependencia existentes no Reino de España. Xestiona en Galicia 3.476 prazas nun total de 66 centros, situados sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo, tendo cada un deles o tamaño medio de 52,7 prazas.

As traballadoras das residencias galegas teñen denunciado en múltiples ocasións as precarias condicións laborais que soportan, con salarios que non chegan habitualmente a mileuristas, e ratios moi baixas de traballadoras por usuario. Estas condicións laborais contribúen dun xeito importante a facer especialmente penoso o traballo das profesionais das residencias, e están na base dunha calidade de atención aos usuarios das residencias que conta cunha ampla marxe para a mellora. Por caso, para reducir as demasiado frecuentes infeccións asociadas aos coidados, ou o claro exceso das úlceras por presión debidas a unha reducida mobilidade que se contabilizan nesas dependencias. Á mellora da calidade de atención aos usuarios tamén podería contribuír unha mellora na súa alimentación, motivo tamén de frecuentes queixas por parte dos usuarios e os seus familiares. Os gastos en persoal e alimentación representan, respectivamente, un 44,2% e un 13,6% dos gastos medios dunha residencia, e son os conceptos nos que é máis doado reducir gastos, e así maximizar os beneficios dos propietarios.

Polo demais, conseguir praza nunha residencia é moi difícil, pois existe unha forte demanda e, como xa quedou exposto, o número de prazas é escaso. Os que dispoñen de bastantes cartos e poden pagar os altísimos prezos das residencias privadas, que nas provincias occidentais en xeral non baixan dos 1.500 euros e con frecuencia chegan aos 3.000, teñen moitos menos problemas. Porén, a gran maioría da poboación ten que afrontar unha auténtica carreira de obstáculos para conseguir unha praza nunha das poucas residencias públicas que existen. E pagar os prezos das privadas require en xeral un importante esforzo persoal e familiar, algo que a maioría da poboación non se pode permitir.

Por outra parte, conseguir axudas económicas da administración, do Sistema de Axuda e Atención á Dependencia (SAAD), é tamén moi complicado. O tempo medio de tramitación dos expedientes de avaliación da dependencia, desde o momento da solicitude até o da súa resolución era en Galicia de 342 días en xaneiro de 2020 [i], e contar cunha resolución favorábel e co recoñecemento dun Grao de Dependencia I, II ou III, tampouco supón a percepción inmediata da prestación, pois existe unha importante Lista de Agarda que en Galicia se cifraba en 5.663 persoas a principios de agosto de 2020 [ii]. Ademais, dacordo co citado organismo público, das 23.036 persoas usuarias que en xaneiro de 2020 estaban ingresadas nas residencias galegas, só 8.205 estaban recibindo axuda para poder pagar a súa estadía na residencia, pois tiñan recoñecido un Grao I, II ou III de dependencia e estaban percibindo a prestación. Esas axudas, por regra xeral, non chegan para pagar nin a metade do que custan as residencias, sobre todo nas provincias de A Coruña e Pontevedra.

2. Os Servizos de Atención a Domicilio (SAD)

É unanimemente aceptado entre os expertos que o SAAD debe constituír a cerna dos servizos sociais de atención á dependencia, tendo como elemento central manter aos dependentes na súa contorna familiar e social o máximo de tempo posíbel, de acordo co principio de “Envellecer na Casa” (Ageing at Home).

A 01/01/2020 había en Galicia un total de 23.884 dependentes que recibían axuda no seu domicilio financiada polos SAD. Esa cifra representaba nesa altura o 87% das persoas que estaban sendo atendidas por Servizos de Atención Domiciliaria. O 13% restante carecían de calquera tipo de financiamento público ou estaban sendo atendidos con fondos municipais.

Entre as grandes empresas da dependencia en Galicia destacan DomusVi, da que son propietarios varios fondos de inversión internacionais, e a Fundación San Rosendo, da que é propietario o Bispado de Ourense. Ambas as dúas estiveron e aínda están no centro da polémica por mor do alto número de contaxios e de mortes por COVID que se produciron nas residencias que xestionan. Entre as dúas levan a xestión do 33,3% das prazas dos centros residenciais galegos.

O índice de Cobertura dos Servizos do Atención a Domicilio é baixo en Galicia: un 4,0%. Quérese dicir, tales servizos só os reciben 4 de cada 100 galegos e galegas que teñen 65 ou máis anos, mentres que no conxunto do Estado acadan un 5%, inferior sen embargo ao índice doutros países europeos, chegando o de Suecia ao 8,5%. Ademais, as horas semanais de cobertura son moi escasas e afastadas das moi superiores necesidades reais dunha parte moi importante dos usuarios dos SAD.

Os actuais SAD, que por lei son de competencia municipal, desenvolvéronse en boa medida despois da entrada en vigor da LAPAD (Lei da Autonomía Persoal e Axuda á Dependencia) en xaneiro de 2007. Esa lei, cuxa aprobación comportou daquela moitos aspectos positivos, tiña sen embargo un claro contido neoliberal, facilitadora da privatización dos Servizos Sociais.

O grande desenvolvemento dos SAD que tivo lugar despois da aprobación da LAPAD caracterizouse ao seu abeiro polo enorme peso que neles teñen as empresas de xestión privada, con cada vez maior presenza das grandes empresas da dependencia, moitas delas ligadas a fondos de investimento internacional, como é o caso de DomusVi, que en 2019 xestionou os servizos de SAD de máis de 30.000 persoas, obtendo neles uns ingresos de 543 millóns de euros no conxunto de España. É difícil atopar concellos nos que os SAD non sexan de xestión privada, tanto en Galicia (onde posibelmente non chegue a unha ducia os concellos que non os teñen privatizados) como no conxunto do Reino de España. Unha realidade sobre a que o debate entre os sectores sociais progresistas é polo de agora case inexistente. Pola contra, unha parte considerábel das organizacións políticas de esquerda e os grandes sindicatos estatais veno como algo “normal”.

3. Os Centros de Día (CdeD)

Son instalacións nas que se ofrecen programas de atención, con diferentes niveis de especialización e en horario diúrno, a persoas en situación de dependencia física e/ou psíquica que logo retornan a ao seu domicilio a pasar a noite. Atenden a persoas que contan con apoio social suficiente como para permitirlles a súa permanencia no seu medio habitual. A Pandemia de COVID-19 afectou de maneira moi intensa aos Centros de Día en Galicia, que foron pechados pola Xunta cando arreciaba a pandemia.

A 01/01/2020, en Galicia recibían prestacións do SAAD para seren atendidas nos Centros de Día un total de 7.345 persoas que tiñan recoñecidas algún Grao de Dependencia (I, II ou III). Por outra banda, dacordo co RUEPSS, na mesma data había en Galicia 321 centros de día que contaban con 12.166 prazas: 236 deses centros contaban con 8.966 prazas en centros de día de maiores, 15 centros tiñan 540 prazas en centros de día de Alzheimer, e outros 70 centros contaban con 2.660 prazas en centros de día dirixidos a persoas con discapacidade.

A privatización dos centros de día galegos é moi alta. 1) Empresas de titularidade e xestión privada con ánimo de lucro xestionan 129 centros con 4.998 prazas (o 41,1% do total), centradas case en exclusiva nos centros de día de maiores. 2) Empresas privadas de titularidade e xestión privada sen ánimo de lucro xestionan 84 centros con 3.089 prazas (o 25,4% do total), centradas de maneira maioritaria (65 centros e 2.308 prazas) na área de discapacidade. 3) Cando menos 14 centros e 615 prazas son de titularidade privada e xestión pública, centradas na área de Centros de día de Alzheimer, con 11 centros e 390 prazas. 4) Un total de 94 centros e 3.464 prazas son de titularidade pública (na súa maioría adscritas ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar), debendo aceptarse en principio que son tamén de xestión pública, pois non se puido identificar evidencia de que a súa xestión estivera privatizada.

A oferta deste tipo de centros tamén queda por debaixo do índice medio español. O Índice de cobertura de persoas atendidas nos Centros de Día en Galicia é de 3,13 prazas por 100 persoas de 65 ou máis anos, mentres que no conxunto de España ese índice é bastante superior, do 4,32%. Resulta sorprendente a comparación con Suecia, onde só un 0,6% das persoas de 65 ou máis anos son atendidas nos Centros de Día. A explicación desta diferenza posibelmente estea no grande desenvolvemento, accesibilidade e recursos da Atención Domiciliaria, e doutros servizos sociais para os maiores en Suecia, que permite que os usuarios reciban nos seus propios domicilios servizos que en Galicia, e no Estado Español, só se poden recibir nos Centros de Día. Ademais, a grande dificultade para acceder a unha praza residencial en Galicia e en España probabelmente contribúa a incrementar a demanda de prazas nos Centros de Día como unha solución parcial e/ou temporal.

4. O Servizo de Teleasistencia (TAS) e outros servizos sociais

A 01/01/2020, 5.148 galegos e galegas tiñan recoñecida polo SAAD a prestación de Teleasistencia. Un ano antes, en xaneiro de 2018, un total de 18.509 persoas usaban ese servizo, recoñecido como prestación polo organismo citado nun 28,6% dos casos, e sen ese recoñecemento no outro 71,4% dos casos. Outro dos servizos que está moi por debaixo das cifras de persoas beneficiadas con el no resto do Estado. O Índice de Cobertura da Teleasistencia era globalmente de 2,72 usuarios por cada 100 persoas con 65 ou máis anos, moi por debaixo do 10,41% que utilizaban a TAS no conxunto do Reino de España. A práctica totalidade dos Servizos de Teleasistencia son prestados por empresas privadas, con ou sen ánimo de lucro, tanto en Galicia como no resto do Estado.

Canda os Servizos de Prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal,  os servizos de atención residencial, de atención domiciliaria, de teleasistencia, e dos centros de día, son os 5 servizos incluídos dentro do Catálogo de Prestacións do  Artigo 15 da Lei de Dependencia (LAPAD). Mais, alén deses servizos, existen outros de interese dirixidos aos maiores e dependentes, con diferentes graos de realidade en Galicia, no resto do Estado, e no mundo.

O Programa de “Xantar na Casa”, que fornece comidas nos domicilios dos dependentes galegos foi amplamente publicitado pola Xunta, e na actualidade semella ter pouca ou ningunha realidade, mentres que por exemplo o seu equivalente sueco presta servizos até o 2,4% da poboación maior e dependente.

Os Servizos de Mobilidade Persoal, de Acompañamento, de Alivio aos Coidadores, de Lavandería a Domicilio, de Adecuación da Vivenda, son exemplos de servizos que contribúen á unha boa atención aos maiores e dependentes, mais que, como en xeral todos os Servizos Sociais, teñen unha pobre realidade en Galiza.

Servizos escasos e baixo gasto público en protección social

Como xa vimos, os servizos sociais dirixidos á dependencia son, en Galicia e no conxunto do Estado, escasos, de calidade mellorábel e moi caros para as persoas usuarias. Esta situación está directamente relacionada, alén de coa súa enorme privatización, co escaso financiamento dos coidados relacionados coa dependencia que existe en España. Como se pode observar na Figura B, o Estado Español só lle dedica á dependencia, os chamados Coidados de Longa Duración, un 0,7 do PIB (a riqueza que se produce cada ano). Pola contra, a maioría dos países da Europa Occidental (Europa dos 15) priorizan ese gasto e destínanlle cifras moi superiores. Nos países da OCDE dedícanlle de media o  1,7% do PIB, unha porcentaxe máis de dúas veces superior á española, e Suecia dedícalle o 3,2% do PIB, unha porcentaxe case cinco veces superior á do Estado Español.

Está claro que mellorar os Servizos Sociais da Dependencia esixirá un claro incremento da súa financiación.

UNS SERVIZOS SOCIAIS PARA A ÉPOCA POST-PANDEMIA

O escenario que se describe na primeira parte deste Informe sobre o estado dos servizos sociais destinados ás persoas maiores e dependentes é certamente moi preocupante. A pandemia está facendo aflorar os rotos que as políticas austericidas produciron no sistema sanitario galego durante os anos nos que asentou a crise do 2008. A evolución desta segunda onda de contaxios volve prender todas as alarmas. Co sector dos maiores e dependentes de novo na diana do furacán. Non será, como afirman os científicos, o último ataque pandémico. Advirten da máis que probábel aparición nos vindeiros anos de novos coronavirus. E nada como provocar cambios no sistema, e nos servizos sociais do que se dota para a atención do sector da sociedade máis dependente, o das persoas maiores de 65 anos, para afrontalos con garantías.

Apuntamos os cambios máis urxentes, e imprescindibeis, que é preciso acometer en Galicia para conseguir ese obxectivo. Iso si, para que o poder político se decida a abordalos, é igualmente imprescindíbel que exista un forte e amplo movemento social, unitario e transversal, que reivindique Servizos Sociais 100% públicos para os maiores e dependentes (Residencias, servicios de Atención Domiciliaria, Centros de Día, Teleasistencia Avanzada…).

  1. É preciso que a Xunta de Galicia acelere o lento proceso burocrático de avaliación das solicitudes para o recoñecemento do Grao de Dependencia, que na actualidade está situado en 342 días en Galicia. Tamén é preciso esixirlle que as prestacións ás que teñen dereito aqueles aos que se lles recoñece un Grao I, II ou III de dependencia lles sexan tramitadas de contado unha vez recoñecidas, pois as Listas de Agarda da Dependencia, constituídas por aquelas persoas que teñen recoñecidas as prestacións pero que aínda non comezaron a recibilas, era en xaneiro de 2020 de 8.456 persoas. Estímase que no 2019 morreron sen chegar a recibir as prestacións que solicitaran un total de 1900 persoas.
  2. O goberno galego tería que abandonar o que até agora veu sendo un elemento central da súa política relacionada cos maiores e dependentes: a de “deixar facer” (laissez faire) ás empresas privadas de dependencia, nomeadamente ás que están controladas por fondos voitres internacionais de investimento (DomusVi, Sanitas, …). Nos últimos 10 anos non creou unha soa residencia de titularidade e xestión pública, mentres que potenciou dun xeito aberto a política de cesión ás empresas privadas da xestión dos servizos de titularidade pública.

Esa política tería que ir en dirección radicalmente oposta. O goberno de Núñez Feijóo debería ter como elemento central da súa política a promoción duns servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes que sexan de titularidade e xestión 100% públicas, e que acaden a dimensión precisa para que os Índices de cobertura dos diferentes servizos sexan similares aos que existen nos países máis desenvolvidos de Europa, os chamados países da Europa dos 15.

Semella existir un consenso relativamente amplo en que a saída da crise económica provocada pola pandemia da COVID-19 non vai poder facerse mantendo as políticas de “austeridade” que até agora se viñeron predicando. Esa situación fará máis factíbel a superación do crónico infrafinanciamento da dependencia por parte del goberno central, especialmente marcada desde a aprobación do RD-Lei 20/2012, que reduciu e conxelou o nivel mínimo da aportación finalista para as CC.AA, anulando o nivel acordado con cada unha delas. Nos 8 anos transcorridos desde este último RDL, o recorte acumulado da Administración Xeral do Estado ascende a 5.864 millóns de euros, dos que 227 correspóndenlle á comunidade galega[i]. Esa débeda histórica debería serlle reclamada ao goberno de coalición que preside Pedro Sánchez, que a debería pagar canto antes.

  1. Polo demais, é preciso establecer un “Plan de Desenvolvemento dos Servizos de Dependencia en Galicia”, que no prazo de dez anos permita acadar un nivel de desenvolvemento deses servizos similar ao que teñen de media os países da Europa dos 15. Iso vai esixir un forte incremento do financiamento da dependencia en Galicia, superando amplamente o actual custe global dese sistema na comunidade, que en 2019 foi de 479 millóns de euros, unha cifra que debe ser amplamente superada se se quere realmente salvar o subdesenvolvemento do noso sistema de dependencia.
  2. O incremento dos servizos sociais da dependencia que precisamos terán unha forte repercusión na creación de emprego. En 2019, segundo a estimación do SAAD para Galicia, a taxa de emprego creado por millón de euros investidos foi de 45,1 empregos/millón, e os retornos estimados (por Seguridade Social, IRPF, IVA, …) comportaron o 42,8% do total investido.
O goberno de Feijóo tería que abandonar a política de “deixar facer” (laissez faire) ás empresas privadas de dependencia, nomeadamente ás que están controladas por fondos voitres internacionais de investimento (DomusVi, Sanitas…). Nos últimos 10 anos non creou unha soa residencia de titularidade e xestión pública, potenciando en cambio a cesión ás empresas privadas da xestión dos servizos de titularidade pública. 
  1. Deben superarse as baixas ratios de profesionais por usuario que hoxe existen nos servizos de dependencia, sobre todo nos privados, mais tamén nos públicos, así como a precariedade das condicións salariais e laborais do persoal que traballan neles. Uns coidados de calidade aos usuarios dos servizos só serán posíbeis con ratios de persoal máis elevadas que as actuais e cunhas condicións de traballo non precarias.
  2. Como sucede con calquera outro cidadán, os Servizos de Atención Primaria do SERGAS han de asumir plenamente as súa responsabilidade en garantir a correcta atención médica de todas as persoas dependentes que viven en residencias. Os recursos médicos propios dos que poidan dispoñer as residencias terán un rol secundario e complementario respecto do que xoguen os médicos da sanidade pública. Porén, no momento actual, a correcta atención médica nas residencias desde o sistema público de saúde Atención Primaria é inviábel en moitas zonas do país, debido ao grande déficit de recursos, sobre todo humanos, que na actualidade ten a Atención Primaria. É imprescindíbel que se execute un plan específico para dotar aos Centros de Saúde dos recursos humanos precisos, para que sexa factible ter a garantía dunha correcta atención médica das persoas ingresadas nas residencias. Agora ben, que se presten os adecuados coidados de enfermaría, tanto sanitarios como os relacionados coas actividades da vida diaria, ás persoas que viven nas residencia, non debe ser responsabilidade do SERGAS senón das propias residencias.
  3. Un elemento clave para que existan uns bos Servizos Sociais dedicados aos maiores e dependentes é que se produza un cambio legal que faga que o dereito a uns coidados adecuados no solpor da vida pase a ser recoñecido como un dereito cidadán real, que teña a consideración do 4º piar do Estado de Benestar, xunto co ensino, a sanidade e as pensións públicas.

A actual “Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia” (Lei de Dependencia ou LAPAD), facilitou o importante medre cuantitativo dos servizos sociais dedicados á dependencia en Galicia e en España, mais debe ficar claro que a LAPAD é tamén unha lei neoliberal que está na orixe da moi precaria situación dos actuais servizos de dependencia . A LAPAD non establece un sector público de servizos sociais, senón que crea unha “rede de utilización pública” que inclúe e equipara aos centros públicos cos privados concertados (con prazas financiadas publicamente), que poden ser tanto con ou sen ánimo de lucro. Esta Lei de dependencia debe ser derrogada e substituída por outra que aposte decididamente por uns servizos de dependencia de titularidade e xestión 100% públicos, nos que os intereses das persoas se sitúen por enriba do obxectivo das empresas de obter beneficios económicos.

  1. Hase crear un “Sistema Galego para a Autonomía Persoal e a Atención á Dependencia” (SGAAD), que oferte servizos caracterizados por ser 100% públicos, de cobertura universal, de calidade contrastada, adecuadamente financiados, plenamente gratuítos na súa parte de coidados, e que conten con ratios de profesionais suficientes debidamente formados e cunhas condicións laborais e salariais dignas. Os servizos do SGAAD estarán baseados no principio de “envellecer na casa”, e terán o seu alicerce nuns fortes servizos de Proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, …) que procuren adiar a “institucionalización” (ingreso nunha residencia) até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.
  2. Tería que existir un ”Servizo Galego de Atención Pública á Dependencia” (SERGAPAD) no que, de xeito similar ao que sucede na sanidade, se integren o conxunto dos recursos públicos asistenciais da dependencia de Galicia, de xeito que estean dotados de coherencia estratéxica e dunha xestión coordinada, superando a actual fraqueza e fragmentación dos recursos públicos galegos dedicados á dependencia.
[i] Asociación Estatal de Directores y Gerentes en Servicios Sociales. XX Dictamen del Observatorio de la Dependencia. Febrero de 2020. Evolución de los datos básicos de Gestión del Sistema de Atención a la dependencia y costes de financiación por Comunidades Autónomas. https://www.directoressociales.com/images/documentos/dictamenes/XX_Dictamen/0%20Todas%20CCAA.%20XX%20Dict%C3%A1men%20%20(3.0)_compressed.pdf

Francisco L. Vázquez Vizoso é médico epidemiólogo. Durante moitos anos foi Xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Na actualidade é membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN)