Venres 22, Setembro 2023
HomeOutrosO GOBERNO DE FEIJÓO, NO LABIRINTO DA DÉBEDA

O GOBERNO DE FEIJÓO, NO LABIRINTO DA DÉBEDA

Por Manoel Barbeitos

É preciso, en primeiro lugar, comprobar o guión orzamentario que seguiu a Xunta na última década -con gobernos do PP-. Tomaremos, pois, como rfeferencia tres exercicios que estiveron marcados por ciclos económicos diferentes. En concreto: o do 2009 (inicio da crise financeira), o do 2015 (recuperación) e este que vén de presentar para o 2021 (recesión pola pandemia). En termos reais (prezos 2009), o gasto público non financeiro (consolidado e previsto) evolucionou do xeito seguinte: 10.544, 7.566 e 9.944 millóns de euros, respectivamente, non recuperando nunca o nivel de 2009 (100%, 72%, 94%).

En términos reais, esta evolución pon en evidencia a asintonía que se vén dando entre o gasto público e o ciclo correspondente da economía galega. Unha dinámica que só se pode explicar por unha das razóns seguintes: que os gobernos de Feijóo elaboran os seus orzamentos públicos sen ter en conta o ciclo económico, ou que en cada exercicio fai unha interpretación equivocada da conxuntura económica.

A lectura da memoria dos Orzamentos 2021 leva a que  nos inclinemos pola segunda opción. Isto comporta, por caso, que o efecto expansivo dos orzamentos sobre a economía galega sexa e siga sendo moito menor do que debería agardarse de tal inxección de fondos públicos (unha media de 10.000 millóns de euros anuais). Esa errónea interpretación leva a que en pleno impacto da pandemia sobre a actividade e o emprego o efecto é tal que derruba o gasto privado, o que debera levar a que a Xunta fixera un esforzo fiscal sen precedentes. Pola contra, o goberno anuncia para o 2021 unha rebaixa de impostos que xustifica en base a unhas perspectivas económicas que en absoluto se van a cumprir.

Esa rebaixa de impostos fará que a débeda pública se siga disparando. Se no exercicio do 2009 os ingresos por débeda comportaron o 7,8% dos ingresos totais, no ano 2021 van acadar o 17,6%. Ese crecente recurso á débeda fai que se no periodo que consideramos nesta análise – o comprendido entre o 2009 e o 2021- a Xunta de Galicia destinou máis de 17 mil millóns de euros ao pago dos servizos da débeda, non por elo foi quen de evitar que esta seguira medrando, ata supoñer un 19,3% dos pagos para o exercicio 2021.

Hai razóns que nos fan dicir que ese recurso á débeda é especialmente escandaloso nestes momentos. Para o exercicio programado, a maior partida (un 72%) dos ingresos por débeda destinarase ao pago dos servizos da mesma (xuros máis amortizacións) quedando unha parte moito menor (un 28%) para gasto real (infraestruturas, equipamentos, servizos públicos). A Xunta ingresa débeda para pagar débeda: o labirinto da débeda queda así en evidencia.

Compárense estas cifras de gastos e ingresos por débeda con outras compoñentes relevantes. Se a Xunta de Galicia (2021) ten programados en investimento público gastos por valor de 1.355 millóns de euros, vai destinar 1.590 a pagos por débeda: unha relación 46/54 (que fora no 2009 de 85/15). Se agarda ingresar por impostos (directos e indirectos) 6.085 millóns de euros, por débeda 2.361: unha relación de  72/28 (que fora de 82/18).

Unha política orzamentaria desta natureza, con esta estrutura de ingresos  e gastos (impostos/débeda/investimentos/débeda), terá como efectos macroeconómicos un menor crecemento económico e unha maior desigualdade. Hai un terceiro factor negativo que se vai sumar aos dous anteriores, pero como consecuencia dos mesmos: unha crecente perda de soberanía.

Neste marco, a resposta á primeira pregunta que nos fixemos ao comezo está clara: con estes orzamentos, o goberno de Núñez Feijóo non está axudando a que a economía galega saia da grande recesión na que se atopa por mor da pandemia e da crise sistémica.