por Enrique Sáez Ponte
En momentos de convulsión como os que atravesamos, xorden tendencias que aceleran pautas do comportamento dunha Humanidade a piques de acadar os 8.000 millóns de persoas. Cómpre observalas e comprendelas para contextualizar ben os nosos propios problemas internos. Crece a desigualdade, un fenómeno analizado por diversos investigadores, entre os que destaca Thomas Piketty co ensaio Le Capital au XXIe Siécle (Editions du Seuil, 2013). Os Estados teñen que compensar aos máis desfavorecidos, o que eleva a presión fiscal, que remata por concentrarse na clase media, porque os máis poderosos conseguen pagar poucos impostos.
A complicada dialéctica entre máis servizos públicos e máis evasión fiscal, ademais de provocar máis desigualdade, erosiona un grupo social, a burguesía, que dá estabilidade aos sistemas democráticos e que os protexe de enfrontamentos excesivos. A crise económica xerada pola pandemia engade presión ao proceso. O sector público debe gastar máis, e na maioría dos países rexistra déficit estrutural e alto endebedamento.
Como consecuencia, os Estados empezan a tomar en serio os excesos de competencia entre eles, que dan facilidades para pagar poucos impostos as grandes empresas e as familias máis ricas. Nos últimos anos, Suíza abandonou o segredo bancario, e o Reino Unido decidiu obrigar a unha constelación de pequenos paraísos fiscais que xiran ao seu redor a estableceren rexistros públicos das compañías que teñen neles o domicilio fiscal e dos seus accionistas. Máis relevante foi a decisión da OCDE, aprobada a principios deste verán e ratificada polos países máis desenvolvidos no G20, de aplicar un tipo mínimo do 15% no imposto de sociedades e obrigar ás multinacionais a liquidalo en cada país onde operan.
Os excesos de competencia fiscal tenden, por fin, a ser combatidos de xeito coordinado por Gobernos premidos polo aumento de gasto que arrastra a pandemia. Non ten sentido permitir que se leven investimentos e fortunas a países pequenos que xogan a captaren grandes volumes de capital tirando prezos, cobrando poucos impostos, apoiados nunha base de gasto baixa. Unha práctica competitiva que debería erradicarse por atentar contra as condicións de xustiza no reparto das cargas públicas, que son as que permiten ter servizos mínimos para todos. Sen eles, a igualdade de oportunidades convértese nun concepto baleiro, cando é un dereito fundamental.
As claves que explican o dumping
Aquí, como explicaba no número de Tempos Novos do pasado abril (Madrid capital do pasado), contamos cunha capital do Estado que controla España S.A. O goberno rexional é o consello de administración e a asemblea, a xunta de accionistas. Axudados por uns medios de comunicación “nacionais” moi concentrados alí, pretenden convencer aos españois de que o que é bo para o accionista dominante éo para todos os traballadores e clientes da empresa colectiva. Unha longa historia de poder absoluto levou a que a maior capacidade de decisión e a meirande parte dos recursos po país tendan a converxer no centro. É un destino elixido polo aparato político-burocrático desde que Felipe II decidiu poñer a capital nun lugar illado, lonxe da costa ou dun río navegábel.
Cunha taxa de industrialización baixa e pouca capacidade exportadora, a economía de Madrid apóiase no sector terciario, con moito peso dos servizos públicos e das empresas que xiran arredor deles, e unha base de comunicacións radiais financiadas con diñeiro público. Todo elo garántelle un alto nivel de renda e permítelle depender menos dos impostos que recada por si mesma. Non se trata dunha illa que se beneficia da súa pequena dimensión para baixar impostos e atraer residentes poderosos, é unha comunidade autónoma cun nivel de gasto moi elevado, pero que vive do Estado que financian todos os españois (recibe, por exemplo, os salarios do 29% do emprego público do país e a case totalidade do que, dentro del, está mellor retribuído). O fachendoso goberno autónomo presume de que necesita recadar menos, pero non é por méritos propios.
Madrid ten un mecanismo de desenvolvemento prioritario: levar ao centro todo o que ten interese da periferia. Trátese de domicilios sociais de empresas catalás, asustadas polos excesos políticos e desexosas de aproveitaren a concentración de poderes para sentirse máis protexidas e conseguir negocio oficial (o 60% de contratos públicos da Administración Central, a de todos os españois, van a empresas madrileñas), ou de familias ricas que queren pagar menos impostos.
Os residentes nesa comunidade non tributan pola fortuna persoal. As sucesións de pais a fillos ou entre cónxugues teñen un tipo impositivo do 1% e, desde o 2019, hai bonificacións na cota a pagar por este imposto, cando os herdeiros sexan irmáns ou sobriños do causante, estendendo a eles a política de dumping fiscal. A xenerosidade cos menos necesitados esténdese á tributación por IRPF, que será a máis baixa de España, no tramo cedido ás CCAA, a partires do 2022. Esta última medida é vendida polo goberno rexional como apoio aos autónomos, cando beneficia principalmente aos tramos altos de renda. Son as razóns polas que dous terzos dos patrimonios españois superiores a 30 millóns de euros (2018) están domiciliados en Madrid. Dos comprendidos entre os 30 e os 6 millóns, o 50,4 % figuraban tamén como residentes alí.
O proceso pode definirse como un burato negro que absorbe todo o que ten a tiro. Só se libran parcialmente algunhas zonas da periferia norte, con suficiente dinámica económica e enerxía política para defenderse. O Presidente valenciano, Ximo Puig, dixo que Madrid é unha “gran aspiradora” cando o ano pasado presentou un estudio (Madrid: capitalidad, economía del conocimiento y competencia fiscal) realizado polo Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas, do que proveñen algúns dos datos que utilizo.
Valencia apúntase agora á resistencia da periferia norte contra un insaciábel sumidoiro que conta con moito apoio no centro-sur da península. Esta comunidade é un bo exemplo dos problemas que crea a visión de España que irradia a capital. Valencia foi correa de transmisión do PP dos tempos de Aznar, moi centralista, dado á predominancia do sector construción e a política de grandes espectáculos (visita do Papa, fórmula 1, volta ao mundo de vela…). Un erro moi grave. Elixiron un camiño que, como estamos vendo nos procesos xudiciais rematados ou en marcha, xera moita corrupción. Tamén supón menos desenvolvemento (Galiza pasou a Valencia en renda per cápita, cando hai un par de décadas esta tiña un nivel bastante máis alto) se non se conta coa blindaxe permanente do Estado, como pasa no modelo madrileño que lles serviu de referencia.
Como poñerlle freo a esa anomalía
Vai ser case imposíbel desfacer algúns dos graves problemas do artellamento territorial de España. Quizais o máis importante foi converter Madrid en Comunidade Autónoma sumando ás competencias desta figura ás da Administración Central. Outro erro foi manter as provincias, modelo que gusta aos centralistas, pero incompatíbel cun sistema de orientación federal. É difícil chegar a acordos con Cataluña porque non queren perder competencias. Se non gusta o Estatut do 2006, recórtase nun Tribunal Constitucional con predominio de xuíces elixidos por partidos centralistas.
Como hoxe non parece posíbel unha actualización a fondo da Constitución, cómpre sermos prácticos e arranxar as cousas máis prexudiciais, tomando exemplo do que se fai a nivel internacional co imposto de sociedades. España ten que harmonizar, polo menos, os impostos sobre patrimonio e sucesións, establecendo mínimos significativos para os niveis máis altos.
Deben evitarse os excesos en política fiscal da comunidade que ten o colchón do Estado para vivir deitada nel. As reaccións ofensivas e defensivas no mercadeo de domicilios fiscais provocan unha baixada xeral dos ingresos do Estado. Segundo o estudo aludido antes, as deducións de Madrid no imposto de patrimonio provocan unha perda de recadación de 4.100 millóns de euros anuais no conxunto de España.
Parece lóxico, e debería ser prioritario, combater derivas egoístas para apoiar a un sector público cun nivel de gasto disparado polo impacto da crise. Pero non e só un asunto coxuntural. Os impostos de patrimonio e sucesións figuran nos manuais de política económica como instrumentos prioritarios para limitar a perpetuación de grandes diferenzas sociais e defender unha maior igualdade de oportunidades. Un importante obxectivo democrático, que tamén representa un instrumento imprescindíbel para o desenvolvemento económico, pois engade ao esforzo colectivo novas iniciativas, que moitas veces son esmagadas cando predomina o exceso de concentración de riqueza. Como a que defende esa especie de “pequena España dentro de España”, que dixo Isabel Díaz Ayuso para definir a comunidade que preside.