Sábado 22, Febreiro 2020
Home Opinión O BREXIT: O FRACASO DUN PROXECTO EUROPEO

O BREXIT: O FRACASO DUN PROXECTO EUROPEO

por Manoel Barbeitos

O 1 de marzo do 2020 consumouse formalmente o que era previsible: a saída de Gran Bretaña da Unión Europea: o Brexit –Britain exit-. A razón?: que esa parece ser a vontade maioritaria da poboación británica. Algo  que xa quedara de manifesto no referendo celebrado o 23 de xuño de 2016, onde se dera un  resultado moi axustado –51.9% partidarios de abandonar a Unión Europea fronte a un 48,1% partidarios da permanencia- pero que se  viu rotundamente confirmado nas eleccións xerais de decembro do 2019 cando o Partido Conservador, liderado por Boris Johnson e portando a bandeira da separación, logrou unha elevadísima vitoria (43,6%) tal que lle permite contar cunha maioría absoluta no Parlamento Británico. Un resultado que, definitivamente, veu a confirmar que non hai marcha atrás na saída da Gran Bretaña da Unión Europea. Agora so queda que durante este ano 2020 –prazo asi establecido polas partes– se faga efectiva a separación.

Consumado o Brexit resultaría irresponsable querer minimizar o seu real impacto como parecera que queren facer as autoridades europeas (Consello de Europa, Comisión Europea e Banco Central Europeo). Basta con acudir a algunhas evidencias empíricas para confirmar a relevancia desta separación. Con 66,6 millóns de habitantes Gran Bretaña era o terceiro estado mais poboado da Unión Europea (so superado por Alamana e Francia). Era tamén a segunda potencia económica europea (so por detrás de Alamana) aportando o 15,1% da riqueza global. Finalmente, a nivel comercial –non se debe esquecer que a Unión Europea e fundamentalmente un mercado- Gran Bretaña era a cuarta potencia en exportacións e a segunda en importacións. Finalmente, aínda que Gran Bretaña non estaba na eurozona, está por ver o impacto que o Brexit vai ter a nivel financeiro, mais en concreto para o movemento de capitais no seno da Unión Europea, dado que o principal centro financeiro europeo esta en Gran Bretaña (a City londiniense). Non é casual que a City fora unha das principais opositoras ao Brexit.

Para mellor entender o Brexit non parece balade analizar como se chegou a esta situación. Como é por que a Gran Bretaña tomou tal decisión. Unha decisión que, sen discusión e basta lembrar os datos económicos anteriormente expostos, supón un gran revés para a Unión Europea e un non menos relevante fracaso político das autoridades europeas (Consello Europeo, Comisión Europea, Parlamento Europeo) encargadas de soster a Unión.

As evidencias históricas demostran que a permanencia de Gran Bretaña na Unión Europea estivo dende os seus inicios (xaneiro de 1973) marcada polas profundas desavinzas que alimentaron unha profunda, e polo que vemos decisiva, desconfianza mutua. Desavinzas que foron mais aló de desencontros puntuais, aínda que fortes, como por caso o chamado cheque británico –a apartación de Gran Bretaña ao orzamento comunitario en 1.984-, o episodio das chamadas vacas tolas –que rematou co prohibición da venda de carne británica no   interior da UE: 1986– ou a saída da libra do Sistema Monetario Europeo no 1.992 -que se acompañou dunha fortísima caída da libra-.  Feitos relevantes si pero que non foron máis que a punta do iceberg de algo máis profundo que inevitablemente tiña que levar a unha ruptura, como así foi.

Contra o que as elites europeas e os seus altofalantes afirman, e así nos queren convencer, o bréxit non é un proxecto das elites británicas mais nacionalistas. O bréxit tivo e segue tendo un grande apoio entre as clases populares británicas como así o confirman os resultados electorais últimos. Os datos analizados por expertos puxeron en evidencia que a grande vitoria conservadora en Gran Bretaña, nas eleccións xerais do 12 de decembro, non tivera sido posible sen un voto maioritario das clases populares británicas. Dado que a campaña electoral centrouse no Brexit resulta indiscutible que aquelas lle deron o seu apoio o Brexit. Un resultado, xa que logo, que puxo en evidencia como a actual Unión Europea non é  popular entre as clases traballadoras británicas que son maioritarias entre a poboación.

Para os que xustifican este resultado, esta falta de popularidade da Unión Europea,  en base a idiosincrasia inglesa cabe facerlles a seguinte pregunta: que pasaría si en todos e cada un dos estados europeos da UE se celebrara un referendo sobre a permanencia na mesma? Hai total seguridade de que ningún outro estado seguiría o camiño aberto por Gran Bretaña? No está demais lembrar que a actual Constitución Europea so foi sometida a referendo en tres estados (Francia, Países Baixos e Luxemburgo) e que nos tres a poboación votou maioritariamente en contra.  Nin as elites nin os seus altofalantes poden ocultar esta realidade que, hoxe por hoxe, pon en evidencia que a Unión Europea agocha un grande déficit de lexitimación democrática. Por caso os tratados europeos que asinaron en pedra as políticas de austeridade (TECG, PEC) foron sometidos a referendo popular?. Uns tratados que abriron as portas as políticas austericidas (austeridade fiscal, rebaixa salarial, precariedade laboral, desmantelamento dos servizos públicos de benestar) que dispararon as desigualdades sociais e a pobreza como nunca na Unión Europea. As clases traballadoras europeas, vítimas principais destas políticas, son conscientes desta realidade e de aí que de un modo crecente contemplen a Unión Europea como contraria aos seus intereses e mostren o seu rechazo ao camiño seguido.

Non é casualidade, senón que forma parte do mesmo proceso, que o Brexit se produza nun contexto europeo en que os sentimentos nacionalistas e xenófobos están en auxe como reflicte a crecente presencia de partidos neofascistas nos parlamentos e gobernos europeos.  Partidos que están collendo un grande predicamento entre as clases traballadoras dándose así o enorme paradoxo de que o principal apoio a actual Unión Europea está hoxe en día entre as clases de rendas medias e altas. Por caso, no referendo inglés, a City londiniense (principal centro financeiro de Europa) votou maioritariamente pola permanencia na Unión Europea mentres que os núcleos industriais mais castigados pola crise votaron a prol do Brexit. Un fenómeno que parece extensible a toda Europa onde medra o fenómeno social sinalado de rechazo das clases populares a actual Unión Europea sendo, como dicía, as clases de rendas medias e altas (moi especialmente a banca e os grande oligopolios) o seu principal apoio.

Neste marco cabe preguntarse: que vai pasar a partir de agora na Unión Europea? Difícil predicilo, pero non resulta ariscado afirmar que, de non darse un cambio na orientación  das políticas europeas (algo non esperable dada a postura alamana), novos Brexits ameacen a Unión Europea impulsados polo ascendente rexeitamento das clases populares ás políticas comunitarias. Irémolo vendo. De momento, a ver que pasa neste ano de transición. Que vai pasar en Gran Bretaña -haberá novo referendo?, como reaccionarán Escocia, País de Gales e Irlanda do Norte?-. Como reaccionará a Unión Europea e seus estados membros diante desta nova crise existencial -quen vencerá, as tendencias desagregadoras ou as integradoras?-. Haberá cambios nas políticas austericidas?

Novidades