por Enrique Sáez Ponte
Os bancos están recortando persoal e excesos de sucursais tras décadas de tolería expansiva. Adáptanse como poden a unha contorna dixital na que veñen obrigados a defendérense de novos competidores que non necesitan xanela de caixa. O proceso non dá prazo suficiente á adaptación dos clientes pouco habituados ás novas tecnoloxías e impacta nas zonas rurais pouco poboadas que perden servizos importantes.
Como é natural, aumentan as presións para que as entidades financeiras manteñan servizos mínimos para persoas e áreas afectadas. Un home de 78 años, Carlos San Juan, creou unha plataforma de protesta á que se adhiren centos de miles de usuarios. Pide un trato máis humano aos bancos, que reciben tamén a presión do Goberno a través da Vicepresidenta Nadia Calviño. Vanse necesitar solucións transitorias, algunhas xa en marcha: oficinas móbeis, caixeiros automáticos, que participe Correos, que se habiliten novos colaboradores e corresponsalías (xa hai redes deles), mellorar moito os servizos telefónicos de apoio, facer pedagoxía dos novos medios…
A nosa vella tradición de raíz católica tende a botar a culpa aos bancos aos que conecta instintivamente con novas especies de xudeos que habería que expulsar. Sempre esquece ao Estado, substituto civil da Igrexa, ao que se lle pide de todo pero non se lle culpa de nada. Porén, o Estado, o Banco de España en concreto, é o responsábel último de chegarmos a unha situación moi negativa, porque obstaculizou durante demasiado tempo a dixitalización do diñeiro e a progresiva adaptación da sociedade a esa inevitábel tendencia. O fenómeno repítese en case todos os países, pero aquí foi reforzado por un irresponsábel marco lexislativo que provocou, entre outros problemas, unha sobre dimensión da rede de balcóns bancarios que agora estase a corrixir con presas.
Cando os cartóns e caixeiros empezaron a difundirse hai 50 anos, sempre encontraban resistencia en sectores da poboación de menos formación e máis idade. O rexeite a unha progresiva adaptación estaba protexido polo banco emisor, que actuaba como un monopolista, defendendo a preeminencia dos seus billetes que non quería ver desprazados polos novos sistemas. Empregaba toda a súa capacidade reguladora para prohibir que bancos e caixas cobraran polo servizo de caixa, que para eles é o máis caro: moito persoal dedicado a contar efectivo, ordenalo, dar troco, contabilizalo e gardar diñeiro improdutivo que exixe caixas blindadas, transporte especializado, seguros de roubo… Aínda así, hai atracos e xente secuestrada, ferida ou asasinada.
Os bancos viñan obrigados a non cobrar o servizo de máis coste. Os consumidores apegados ao emprego de efectivo no percibían, vía prezo, o gasto asociado ao seu manexo e nada premíalles a cambiaren. Mentres os clientes que usaban sistemas de pago modernos sufrían comisións demasiado altas para compensar as non percibidas dos adictos aos billetes e moedas, defendidos polo seu fabricante. Se o Estado fora consecuente coa inevitábel dixitalización do diñeiro, en lugar de facer todo o posíbel para retardala, hoxe estaríamos preparados para adaptarnos. Pero non, había que protexer ao banco central e o ben que lle vai producindo os vellos billetes. Aos políticos gústalles falar do importantes que son as novas tecnoloxías, pero fan pouco para adaptaren a Administración a elas, sobre todo se permiten reducir o seu tamaño. Todo se explica con detalle no meu recente libro La Energía Oscura del Dinero 2.1.
Este texto é unha reflexión sobre o poder dos aparatos burocráticos e a crecente incapacidade dos Estados para adaptárense aos cambios. Hai uns días, referíame á necesidade de substituír a OTAN, sistema defensivo pensado para a guerra fría. Hoxe toca responsabilizar aos bancos centrais dos problemas da xente ante unha situación que se resisten a asumir. Países avanzados como Suecia, Dinamarca o Australia xa iniciaron programas para eliminar o efectivo, tendo en conta as necesidades de distintos segmentos de cidadáns.
A existencia da OTAN xustifica as ansias expansivas do líder totalitario ruso. A protección do efectivo non só retrasa a adaptación de todos a unha realidade máis eficaz, tamén bota fundadas sospeitas sobre as razóns últimas dos que a defenden, xustificándose nas limitacións de algunhas capas sociais ás que hai que ter en conta pero non xustifican non facer ren.
Ademais de blindar a cómoda existencia do privilexiado emisor, os billetes son necesarios para os políticos corruptos, a financiación ilegal dos partidos, a evasión fiscal, os que rouban ou estafan e o funcionamento das mafias que trafican con drogas, armas e persoas, incluídas as redes da prostitución. A través do papel moeda, todos eles reciben protección privilexiada dos Estados que mantemos cos nosos impostos. A mellor proba é que sigue producíndose unha expansión da oferta de billetes do Banco Central Europeo, concentrada nos de 100 e 200 euros, que case ninguén usa na vida legal.
Es fácil botarlle a culpa aos bancos, pero o responsábel último do que pasa cos servizos de caixa é o propio Estado, que apoia a todo tipo de indesexables, a veces de forma interesada, e non toma en serio a transición ao diñeiro dixital, que se se fai ben, traerá moitas vantaxes á sociedade.