Domingo 24, Setembro 2023
HomeOutrosO ALEGRE CONFINAMENTO

O ALEGRE CONFINAMENTO

por Gonzalo Rodríguez Rodríguez

O confinamento empeza a facerse longo. Ao principio parecía mesmo unha experiencia prometedora: dun día para outro, toda a inercia que empuxaba a nosa cotianidade, todas as nosas rutinas, se detiñan e daban paso a unha masiva explosión de creatividade. De repente tiñamos tempo libre aínda que só o podiamos empregar nun único lugar. Pensamos en ler libros, en ver as series que foramos pospoñendo porque chegabamos á noite rendidos; en aprender a cociñar, en dedicar máis horas de calidade aos seres queridos, fillos, parellas, etc.

Houbo que quixo compartir ese tempo cos veciños, eses que evitabamos no ascensor, aínda que fose de cornixa a cornixa; quen cantou nos balcóns, quen organizou xogos, quen saíu a aplaudir. Tamén quen se escapaba e corría desesperado caras as rúas, quen ansiaba as vellas rutinas de visita diaria ao supermercado para sentir que estaba no mundo.

Pero os días foron pasando, e ao final caen como lousas, porque caen sempre no mesmo lugar, tras a mesma fiestra, entre as mesmas catro paredes, coa mesma nova rutina trillada un día tras outro. Queimamos as series de Netflix, e logo as de HBO, e incluso probamos Filmin. Deixamos a medias varios libros porque non nos dabamos concentrado e, secretamente, empezamos a odiar á veciña que cada día  e á mesma hora nos impoñía a mesma música. E fartámonos dos interminables grupos de whatsapp primeiro e logo de telegram, saturámonos dos interminables chats, e cansamos de sentírmonos controlados se un día dabamos un pequeno rodeo para ir a polo pan.

E aínda que existen fundadas razóns para o confinamento, de súpeto o que queremos é saír correndo, botar fóra para calquera lugar. Botamos de menos os bares, o mar, a montaña, a casa da aldea, a pequena charla no quiosco e ata a ruta do colesterol. Queremos volver a abrazar aos amigos (aínda que non saibamos como imos facelo), que ninguén nos mire na rúa e ir á ferretería porque todos estes días non puidemos parar de pensar na chapuza que non podemos facer.

Pechámonos con todas as posibilidades de comunicación que a tecnoloxía permite: videochamadas, xogos online, redes sociais, mensaxería, subministro interminable de series, películas, moocs… cos nosos ordenadores, tablets, teles, consolas, smartphones. Temos o noso sofá mullido, as pantuflas e o pixama de franela. Rodeados (en moitos casos) das persoas máis importantes para nós, con posibilidade de saídas puntuais, con horarios flexibles….Tiñamos todo menos unha cousa, e aínda así non podemos máis. Así que xa estamos en condicións de reflexionar con maior coñecemento de causa sobre o que significa a privación de liberdade, e a alegría coa que xeralizamos como solución única a múltiples males de moi distinta natureza o endurecemento das penas con condenas cada vez máis longas de privación de liberdade.

_____________

Gonzalo Rodríguez Rodríguez é profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.