Venres 22, Setembro 2023
HomeOutrosNOVO CURSO ESCOLAR e COVID19: RESILIENCIA e PRECAUCIÓN

NOVO CURSO ESCOLAR e COVID19: RESILIENCIA e PRECAUCIÓN

por Albino Prada

No pasado mes de marzo xa razoaba neste medio dixital sobre o papel crucial do concepto de resiliencia diante dunha pandemia como a do coroavirus (ver eiquí). Recordaba que resiliencia era a “capacidade dun material, mecanismo ou sistema para recuperar o seu estado inicial cando cesou a perturbación á que estivo sometido”, capacidade que é, ao tempo, un mecanismo de precaución para evitar maiores danos. E poñía daquela como exemplos de por onde debía transitar esa resiliencia e precaución os sistemas sanitarios, de dependencia, turístico, enerxético, de aprovisionamentos básicos e alimentarios.

No comezo do novo curso 2020-2021, faise crucial avaliar a resiliencia do noso sistema educativo, e as medidas que habería que tomar para mellorala. Aquí a boa nova é que esa resiliencia (capacidade de manter a actividade docente presencial) nun centro educativo durante eventuais brotes da pandemia non só favorece xa de entrada a precaución (reducir ao máximo o risco de contaxios) senón que, sen necesidade de pandemia algunha, tamén é unha moi boa práctica para a mellora da calidade do servizo educativo.

A día de hoxe, o parámetro esencial no asunto que nos ocupa é o número de alumnos por aula. Porque se todas as outras medidas de precaución están ben activadas (rastreos de augas fecais, rastreos de focos e contaxios, confinamentos de PCR positivos, distancia, hixiene e máscaras, ventilación de espazos pechados, evitar grupos amplos de relación, etc.) no que dependa da actividade educativa presencial, o número de persoas que están xuntas nun aula determina a distancia na que poden facelo sen un alto risco de contaxiarse. Semella que en quince alumnos teriamos un referente axeitado.

Se observamos os datos que elabora a OCDE para o seu recoñecido informe PISA sobre a calidade educativa, a actual situación media de España está moi lonxe desa cifra, e moi lonxe dos mellores referentes dos países ricos do mundo.

No seguinte recadro recollemos as cifras máis recentes do número medio de alumnos por aula que fornece a fonte citada con criterios internacionais homoxéneos[1].


España, con case trinta alumnos por aula, estaría moi lonxe dos quince alumnos e case na cola do conxunto de países considerados. Nunha situación de resiliencia moito peor que a que anotan países tan característicos en calidade educativa como Islandia, Finlandia ou Dinamarca.

Sobre este punto particular vai xa para tres meses que se fixo público un Informe do sindicato de ensino de CCOO, no que se estimaba que para poder acadar o parámetro de resiliencia de 15 alumnos por aula facíanse precisas 88.000 novas aulas que, para ser atendidas, demandaban 165.000 profesores a maiores dos actuais en toda España. Nas súas palabras:

Teniendo en cuenta la ratio propuesta por el Ministerio de Educación y Formación Profesional, de 15 alumnas/os por aula, y los distintos salarios anuales en cada comunidad autónoma, así como las cotizaciones sociales que corresponden a cada contrato, estimamos que hay que invertir 5.151 millones de euros para la contratación de un total de 165.191 docentes más de distintos cuerpos y especialidades. Actualmente, hay 521.970 unidades y estimamos que son necesarias 609.513, es decir 87.543 unidades más. Este incremento de unidades lleva aparejado el aumento de profesorado para su atención educativa, que se cifra en 165.191 maestras/os y profesoras/es más” (p. 14) (daquela suporían uns oito mil profesores máis en Galicia, sobre os vinte e oito mil actuais, IGE, Ministerio Educación).

Como recollía a prensa por aquelas datas “los más de 7.000 millones estimados por el sindicato … elevaría la inversión en Educación del actual 4,2 % del PIB (mínimo histórico) hasta el 4,8 %. El Gobierno se ha comprometido a subirlo hasta el 5% para el final de la legislatura”. De xeito que non semella un obxectivo orzamentario desorbitado se o país enfrontase unha máis que necesaria reforma fiscal (e usando prestamos e subvencións europeas mentres non o faga).

De non contar con estas novas aulas e recursos humanos (fálase da octava parte, ver aquí), a mellora de resiliencia e da precaución fronte á pandemia neste comezo de curso (o presidente Sánchez gabábase o 25 de agosto de poder chegar a 30.000 novos contratados, a quinta parte) verémonos obrigados a conseguila reducindo as xornadas lectivas presenciais, establecendo varias quendas diarias ou semanais, ou con calquera outra medida que tire un maior proveito dos actuais recursos físicos e duns insuficientes recursos humanos. Pero nin a calidade educativa, nin as mellores prácticas de precaución estarán garantidas. E, o que é máis grave, a probabilidade de que moitos centros se vexan obrigados a pechar non fará máis que medrar.

Daquela, aparecerán os solucionistas dixitais vendéndonos o xarope máxico da tele docencia. Caution (ver aquí).


[1] O noso Ministerio de Educación rebaixa a 26 o número medio de alumnos por unidade en Bacharelato e ESO.

 


Albino Prada é ensaísta, membro do Consejo Científico de Attac España.
O seu último libro é “Caminos de incertidumbre” (2020).